Iniciar sesión: Acceso

"Pescando lecturas"

Como comentaramos o curso pasado, era tempo de darlle unha volta a nosa hora de ler no instituto. Iniciamos novo proxecto lector elaborando “Redes lectoras” para as aulas de 1º ciclo da Eso. Nestas redes incluímos títulos atractivos para o alumnado destas idades e depositámolas nas aulas como recurso para o seu uso ao longo das Horas de Ler.

Cada rede leva un xogo de tarxetas de peixes que agochan preguntas e xogos relacionados coas lecturas que terán que conseguir resolver ao finalizar a avaliación. Trátase dun xogo colectivo, en rede, así que lendo un pouco entre todos serán capaces de acadar o obxectivo. Cada pregunta e xogo que desvelen correctamente permitiralles pescar esa lectura e engadir o peixe correspondente da tarxeta as súas capturas. Veremos que tal se lles deu a faena ao final da avaliación! As bolsas de rede foron elaboradas pola empresa de artesanía galega “Redeiras Illa da Estrela de Corme” e xa veñen de camiño nunha barquiña desde Stoupa.gal... Aquí poderán ir seguindo as capturas realizadas polo noso alumnado. A medida que eles desvelen que obra se esconde tras cada peixe, nós iremos desvelándoas na rede de redes!!!