Skip to Content

Curtas animadas para traballar o DÍA DA MULLER


 

Festa de Entroido

Que empece o Entroido! 

Mañá, a partir do segundo recreo, para ESO. Con disfraces, DJ e moita música, xurado en plan La Coz (ehem, La Voz) e premios para os gañadores! 

14 DE FEBREIRO: Día do amor

 AMOR É RESPECTO POLOS AFECTOS, PAIXÓNS E RELACIÓNS DE TODAS AS PERSOAS QUE FORMAMOS ESTA COMUNIDADE EDUCATIVA

Navega pola presentación, responde a unhas preguntas que temos preparadas na biblioteca e gaña o teu premio.

Serás quen?

 


 

Amsterdam agárdanos! - Viaxe 4º ESO

En menos xa dun mes, o noso alumnado de 4ESO estará pateando e pedaleando na belísima capital dos Países Baixos. Por iso, o xoves da pasada semana entregamos ao alumnado viaxeiro un impreso no que lembrábamos que o PAGO DO ÚLTIMO PRAZO debe facerse antes do día 15 deste mes. E, de paso, convocamos tamén a unha última REUNIÓN COAS FAMILIAS dese alumnado que viaxa, que terá lugar no IES o xoves 20 de febreiro, ás 20.00 horas. Lembrade traer toda a documentación que vos solicitamos no impreso entregado aos vosos fillos.

Agardámosvos!

Tesouros ocultos

Un dos lugares máis descoñecidos e valiosos de Tui é o seu Museo Diocesano. O noso alumnado de Latín, Grego e Cultura Clásica tivera ocasión de visitalo no primeiro trimestre, pero cando un descubre un tesouro, o normal é querer volver a el. E iso fixo o alumnado de Latín de 2º de Bacharelato o pasado luns. Deixarse guiar polo arquiveiro entre pergameos con mil anos de Historia, códices e rexistros, que rememoran e permiten reconstruir a Historia de Tui a partir dos textos que outros foron deixando. E en fin, que tamén nós, cando facemos, podemos ser protagonistas deses textos que outros fan para a posteridade, como o que onte publicaba Faro de Vigo, na súa sección de Baixo Miño.

II Comic-con Tuitaku

O vindeiro luns 10 de febreiro, o Club Tuitaku convida a 5 clubes (IES de Valadares e Alexandre Bóveda de Vigo, IES As Barxas de Moaña, Escolas Proval de Nigrán e o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui) a pasar a xornada lectiva no noso centro na nosa II Comic-con ofrecéndolle un abano dunhas quince actividades distintas nas que van participar.

 

Ademais disto nesta Comic-con dous centros convidados desenvolverán as súas propias actividades: Unha simbiose total.

 

O grupo Tuitaku, formado por uns 45 alumnos e alumnas, están a traballar sen descanso para ofrecer este evento ás casi 100 persoas convidadas. Unha gran aprendizaxe e traballo colaborativo que non deixa de ser un gran paso no desenvolvemento de moitas das competencias clave.

 


 

DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA 2020

O Equipo da Biblioteca do noso IES, un ano máis, preparou unha serie de actividades para conmemorar este día tan importante en todos os centros educativos: O Día da Paz e da Non Violencia.

Nesta presentación podedes ver parte (porque nunca dá para amosar todo o traballo) do que deron de si estas sesións pola Paz.


 

O valor do exalumnado (I Encontros Motivacionais: CCSS e Humanidades)

Foron dúas horas que pasaron voando. Tan voando, que a xente non se quería ir nin ao recreo. No público, todo o noso alumnado de 2º Bacharelato C e D (Ciencias Sociais e Humanidades); e en fronte, 12 exalumnos de biografías, formacións e traxectorias moi diferentes: Cora (Belas Artes), David (Ciencias da Actividade Física e o Deporte), Roberto (Ciencias Politicas e da Administración), Elsa (Conservatorio Profesional de Música), Lara (Educación Infantil), Elena (Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos), Rocío (Historia), Carlos (Marketing), Patricia (Publicidade e Relacións Públicas), Natalia (Traballo Social), Sandra (Tradución e Interpretación) e Paula (Xornalismo e Comunicación Audiovisual).

As dúbidas sempre son moitas: qué é o que axuda a elixir ou decidir, se é normal non saber aínda o que un quere ser, se paga a pena sufrir un curso como 2º de bacharelato, se un pensa en cambiar de carreira algunha vez,... Todos, dalgunha maneira, foron respondendo a estas e outras moitas preguntas ao contar a súa historia persoal desde o día en que marcharon do instituto ata agora.

  • Elena, por exemplo, ensinounos o interese dos ciclos superiores, de informarse, de buscar e de comparar con outros similares, que poden mellorar o teu currículo sen incrementar demasiado a carga de traballo.
  • Rocío demostrounos que as escollas que un fai a última hora (a carreira, o Erasmus) non son máis que a exteriorización dos nosos instintos e que os instintos están aí por algo; que é unha felicidade estudar algo que che gusta; e que estudar fóra de Galicia non sempre ten por qué ser moito máis caro.
  • Paula destacou a madurez extra que aporta marchar da casa para vivir fóra durante esta etapa, convidounos a ser ambiciosos (doble grao) se pensamos que nos vai mellorar, e que ás veces tamén podemos axudar a cubrir gastos complementando estudos cun traballo. 
  • Elsa exemplificou como se loita por un soño deses que unha ten desde nena, se é preciso facendo audicións en Londres ou índose un ano a vivir en Escocia para aprender entre os mellores.
  • Carlos fíxonos sorrir a base dun discurso moi honesto e intelixente, que nos ensinou que non hai unha soa vía para medrar, e que o "fracaso", cando un loita por refacerse, non é máis que un paso atrás para coller impulso e atopar un camiño diferente, un camiño no que de verdade podemos explotar as nosas capacidades e recursos. O noso.
  • Natalia amosounos a importancia de que cada un afronte a etapa que virá tras o bacharelato como "a miña etapa", elixindo por un mesmo, vivíndoa en función do que un sente e explotándoa ao máximo, sen conformismos e desbotando perezas e comodidades que non nos axudan para nada a medrar como persoas.
  • Sandra convenceunos da importancia de atrevernos a vivir experiencias que nos diferencien, que nos aporten algo novo, que nos fagan dalgún xeito distintos... Experiencias como un 1º Bacharelato en Estados Unidos, un Erasmus en Francia ou un Erasmus Prácticas en Grecia, onde máis aló de ampliar formación académica, unha persoa aprende o triple da vida, coñecendo outras linguas, sociedades e culturas.
  • Lara falounos da importancia de traballar as notas para non quedar fóra do que queremos, das diferenzas entre ensino universitario público e privado e do vital que é sentir vocación por aquelo para o que un se prepara; sobre todo nunha profesión como profesora, e nunha etapa como a educación infantil.
  • Patricia fíxonos ver que é posible pasar do "non me gusta nada" e o "non sei que facer" a sentir que amas a carreira que escolleches; e pediunos que sexamos pacientes, porque ás veces as carreiras comezan sendo tan teóricas que poden desanimar, pero que conforme pasan os cursos as prácticas e a especialización son cada vez maiores e acaban xerando un maior vínculo do estudante con aquilo que estuda.
  • David exemplificou de maneira perfecta qué pasa cando guiamos as nosas decisións pola presión social ou a opinión dos demais en vez de pola nosa mesma. Ensinounos que hai que escoitar as opinións dos que nos queren, pero que as decisións sobre a nosa vida deben estar baseadas no que cada un de nós pensa e sente. E animounos a ser esixentes cos profes e con nós mesmos, a estar activos e a buscar prácticas porque as carreiras dan unha amplia e necesaria base, pero é traballando onde se aprenden os oficios.
  • Roberto animounos a que tomemos decisións coas que nos sintamos cómodos (que non confortables); por exemplo, ao elixir a cidade na que vas estudar; e pediunos que valoremos sempre a opción de ir vivir fóra, por preto que sexa da familia, porque esa obriga de adaptarnos ao novo non é máis que unha oportunidade marabillosa de mellorar as nosas habilidades sociais... algo tan vital e do que depende tanto o noso éxito na vida, como os propios estudos.
  • E finalmente Cora demostrou a importancia de ser creativos, de atreverse a saír da zona de confort e, sobre todo, a importancia de buscar directamente a nosa sorte. Por exemplo ofrecéndote á persoa á que admiras profesionalmente para ir a onde estea e colaborar con ela... que é o mesmo que gañar a oportunidade de aprender cos mellores. Porque os soños, as utopías ou o que nos parece imposible, tócanse coas mans cando un camiña cara elas.

En fin, xa vedes que foi intenso, práctico, persoal e emocionante... para nós, para os exalumnos convidados, e para este alumnado do 2º Bacharelato actual, que será o noso exalumnado de futuros Encontros Motivacionais.

Moitísimas grazas!

O venres 6 de marzo, turno para os de Ciencias na segunda parte destes I Encontros. Ata entón!

I Encontros Motivacionais con Exalumnado do IES San Paio

 Este venres, iniciamos proxecto novo!

Cando estás en Bacharelato, especialmente en 2º Bac, toda axuda é pouca. A un curso excepcionalmente denso, enciclopédico e esixente, únese a incertidume de ter que enfrontarse á Selectividade, as dúbidas sobre o que facer e a frecuente falta de información práctica e en detalle das moitísimas opcións que se abren ante un. Se hai un momento no que un sinta que precisa dun deses "coach" que guían, acompañan e axudan na consecución de novas metas, se cadra é este.

Os I Encontros Motivacionais queren ser precisamente esa axuda: unha oportunidade para que outros, que tamén estiveron onde están eles, os guíen a partir da súa experiencia, como fai un faro. Pero os "coach", neste caso, serán exalumnos nosos. Doce mozos e mozas que levan entre dous e cinco anos fóra do IES San Paio, e que desta vez volven a el para poñer a súa mochila da vida enriba da mesa, baleirala e compartir co noso alumnado de 2º Bacharelato todas as dúbidas, experiencias, eleccións, éxitos, fracasos e aventuras polas que pasaron desde que estaban aquí, nestas aulas, ata este preciso momento no que volven. 

Son exalumnas/os, con biografías e perfís diferentes, que estudan graos e ciclos como:

  • Belas Artes
  • Ciencias da Actividade Física e o Deporte
  • Ciencias Políticas e da Administración
  • Conservatorio Profesional de Música
  • Educación Infantil
  • Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos
  • Historia
  • Marketing e Actividades Comerciais
  • Publicidade e Relacións Públicas
  • Traballo Social
  • Tradución e Interpretación
  • Xornalismo

Con eles, estará o noso alumnado actual de 2º Bacharelato da rama de Ciencias Sociais e Humanidades (o venres 6 de marzo será o turno ou rolda da parte II: rama de Ciencias, Enxeñerías, etc.). Dúas horas de charla moi coloquial, na que todos (exalumnado, alumnado e profe moderador) interactuaremos para sacar proveito do maior recurso, activo ou patrimonio que pode ter unha sociedade: a experiencia das persoas. Ouro puro! Agardamos que sirva para informar, para motivar e que sexa a primeira de moitas máis edicións.

Distribuir contido


by Dr. Radut