No noso centro podes estudar dúas etapas educativas, nas que vimos desenvolvendo diferentes plans, proxectos e metodoloxías de traballo nunha aposta decidida pola mellora continua:
- Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)
- Proxecto E-Dixgal en toda a etapa
- Inclusión e atención á diversidade:
- a través de parellas pedagóxicas ou profesorado de apoio en varias materias dentro da aula de referencia.
- Agrupamento específico en 4º ESO.
- Contrato Programa Inclúe para fomentar a inclusión educativa, a través de dúas actuacións Iguála-T e Convive-T.
- Grupo de traballo para adquisición urxente de linguas vehiculares en alumnado de procedencia estranxeira.
- Seccións Bilingües en inglés en dúas materias: Educación Física de 3º ESO e Tecnoloxías da Información e a Comunicación en 4º ESO.
- Bacharelato
- Modalidade de Ciencias.
- Modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais.
- Modalidade Xeral.
- Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía STEMbach.
Ambas etapas benefícianse igualmente doutros proxectos educativos e de innovación xa consolidados no noso IES, como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), os Clubes de lectura, Artes e outros, a Radio na Biblio, a metodoloxía de aprendizaxe cooperativa ou o Plan Dixital de centro.
Concedemos gran importancia ás saídas e actividades didácticas fóra da aula, desde todos os departamentos e durante todo o curso académico, e que publicamos diariamente na nosa canle de Instagram. En liña con esta convicción, organizamos e levamos adiante viaxes de estudos todos os anos en varios cursos (Lisboa para 3º ESO, cidade europea para 4º ESO, Andorra para 1º Bacharelato) ou ligadas a materias concretas (París para alumnado de Francés, Roma para alumnado de linguas clásicas...), sempre acompañados por profesorado e cun sentido e finalidade integramente didáctica e cultural.
Contamos tamén con outros recursos como unha nova biblioteca, de máis de cento cincuenta metros cadrados e en continua acción didáctica, un estudio de radio, a nova aula de Música, os laboratorios de Física, Química e Bioloxía e Xeoloxía, a aula obradoiro de Tecnoloxía (en evolución a Espazo Maker), dúas aulas de Informática, un pavillón deportivo propio, un claustro interior axardinado e espazos exteriores con mesas e bancos aptos para sesións lectivas ao aire libre sen saír do noso recinto, en pleno centro de Tui. Convidámosvos a velas na sección da web Instalacións.
O IES San Paio conta tamén con servizo de cafetería e cómpre destacar que é sede da Sección de Tui da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, con clases en varias linguas (inglés, portugués, francés e alemán).