Skip to Content

Oferta Educativa. Curso académico 2023/24

No noso centro podes estudar dúas etapas educativas, nas que vimos desenvolvendo diferentes plans, proxectos e metodoloxías de traballo nunha aposta decidida pola mellora continua:

  • Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)
    • Proxecto E-Dixgal en toda a etapa
    • Inclusión e atención á diversidade:
      • a través de parellas pedagóxicas ou profesorado de apoio en varias materias dentro da aula de referencia.
      • Agrupamento específico en 4º ESO.
      • Diversificación curricular en 3º ESO. 
    • Seccións Bilingües en inglés na materia de Educación Física de 3º ESO e 4º ESO.
  • Bacharelato
    • Modalidade de Ciencias.
    • Modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais.
    • Modalidade Xeral.

Ambas etapas benefícianse igualmente doutros proxectos educativos e de innovación xa consolidados no noso IES, como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), os Clubes de lectura, Artes e outros, a Radio na Biblio, o Proxecto Ríos, a metodoloxía de aprendizaxe cooperativa ou o Plan Dixital de centro.

Concedemos gran importancia ás saídas e actividades didácticas fóra da aula, desde todos os departamentos e durante todo o curso académico, e que publicamos diariamente na nosa canle de Instagram. En liña con esta convicción, organizamos e levamos adiante viaxes de estudos todos os anos en varios cursos (Lisboa para 3º ESO, cidade europea para 4º ESO, Andorra para 1º Bacharelato) ou ligadas a materias concretas (París para alumnado de Francés, Roma para alumnado de linguas clásicas...), sempre acompañados por profesorado e cun sentido e finalidade integramente didáctica e cultural. 

Contamos tamén con outros recursos como unha nova biblioteca, de máis de cento cincuenta metros cadrados e en continua acción didáctica, un estudio de radio, a nova aula de Música, os laboratorios de Física, Química e Bioloxía e Xeoloxía, a aula obradoiro de Tecnoloxía, dúas aulas de Informática, un pavillón deportivo propio, un claustro interior axardinado e espazos exteriores con mesas e bancos aptos para sesións lectivas ao aire libre sen saír do noso recinto, en pleno centro de Tui. Convidámosvos a velas na sección da web Instalacións.

O IES San Paio conta tamén con servizo de cafetería e cómpre destacar que é sede da Sección de Tui da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, con clases en varias linguas (inglés, portugués, francés e alemán).

 



page | by Dr. Radut