ALUMNAS DO CICLO DE TURISMO COÑECEN O ROMÁNICO DE FERREIRA DE PANTÓN

As alumnas do Ciclo de Turismo do IES Río Cabe desprazáronse ata Pantón para coñecer e admirar os diversos monumentos situados no concello, referencia do románico na Ribeira Sacra.

Recibidos polo alcalde, D. José Luís Álvarez, estiveron acompañados por D. Francisco Javier González da Concellería de Cultura, e por Dona Flora Enríquez, que asumiu o papel de guía e descubriulles todos os segredos do Románico na súa visita ao Mosteiro Cisterciense de Ferreira, unha das xoias románicas do municipio. Ademais de percorrer diversas estanzas deste, tamén aproveitaron para degustar algúns dos doces artesáns realizados polas relixiosas que habitan o cenobio.

Posteriormente desprazáronse ata a Igrexa de San Miguel de Eiré, unha igrexa do s. XII, declarada monumento nacional. A continuación visitaron a igrexa de San Esteban de Atán, que data dos séculos XII e XIII, e situada nunha zona dende a que se divisa unha bela panorámica do río Miño. Como colofón a este percorrido cultural por Pantón, achegáronse ata a igrexa de San Vicente de Pombeiro, do século XII, onde puideron admirar tanto as características arquitectónicas do templo coma as pinturas que adornan os seus muros.

Tanto alumnas coma profesores quedaron altamente impresionados polos monumentos visitados, polas súas características e historia, así como polos enclaves onde se levantan, lugares de gran beleza paisaxística, declarando a importancia turística deste concello da Ribeira Sacra.