1º Bacharelato. Xeolodía. Portomarín

10.05.2024

 

O alumnado das materias de Bioloxía e Xeoloxía e de Tecnoloxía Industrial de 1º Bacharelato, acompañados dos seus respectivos docentes María Padrón e Javier Barros, participaron no Xeolodía en Portomarín.

 

O Xeolodía é unha actividade de divulgación científica cuxo obxectivo non é outro que salientar o patrimonio natural do territorio desde a perspectiva xeolóxica. Co gallo de lograr ese propósito, desde o ano 2010 realízanse en cada unha das provincias do país saídas de campo gratuítas e abertas a toda clase de públicos o primeiro fin de semana de maio.

Os lugares escollidos para desenvolver un Xeolodía presentan grande interese xeolóxico e ademais ofrecen información rigorosa mais sinxela para que poida ser comprendida por persoas non expertas na materia. 

 

Por unha banda, estas saídas de campo están guiadas por profesionais das Xeociencias. Coa súa axuda e as formas e estruturas a visitar, os participantes poden asimilar a paisaxe con outros ollos e non só. Permiten entender cal é o funcionamento do planeta como sistema dinámico aberto e cuxos recursos son a base indispensable do noso sistema produtivo e por fin ultimo do noso benestar. Por outra banda, o Xeolodía contribúe para que as persoas perciban con sensibilidade o incalculable valor do patrimonio xeolóxico coma unha parte indisoluble do medio natural. A necesidade de difundilo ten como finalidade protexelo coma un valor en si mesmo alén de fomentar hábitos de uso e consumo sostibles dos recursos naturais para as xeracións futuras. Neste contexto, dende o IES Río Cabe, os departamentos de Bioloxía-Xeoloxía e Tecnoloxía resolveron poñer en valor o patrimonio xeolóxico da bisbarra a través da primeira edición dun Xeolodía local, coa experiencia de que se asente se converta nunha tradición anual deste senlleiro centro educativo.

 

A escolla do concello de Portomarín para a análise das súas características xeolóxicas non foi unha decisión aleatoria.  Este concello do interior lucense atesoura mostras de rochas, formas e estruturas non só de singular beleza senón tamén de especial importancia. Sen esaxerar, podemos afirmar que arredor do Miño se condensa toda a historia xeolóxica do substrato pétreo máis antigo da península ibérica.

 

Un espectáculo natural abraiante resultado da acción das poderosas forzas da tectónica de placas hai uns 300 millóns de anos. As pegadas dese colosal evento planetario afloran en forma de rochas intensamente pregadas e pouco frecuentes noutros puntos da paisaxe galega, que conforman o noso relevo. Unha orografía suave, testemuña do inexorable paso dos tempos xeolóxicos e vestixio de antigos mares e océanos que hogano se elevan cara o ceo en sólida harmonía.

 

Tomando como pano de fondo a historia xeolóxica, os alumnos e alumnas aprenderán conceptos relativos á orixe e á evolución dos materiais presentes no percorrido insistindo na importancia de cada forma e estrutura xeolóxica en relación á construción do relevo. Tamén se explicará en detalle cada una das litoloxías presentes: xénese, mineraloxía, textura, usos, aplicacións e sistemas de extracción.

 

E por último non nos esqueceremos de salientar o papel modelador da paisaxe que o Miño e o seu afluente Ferreira levan facendo durante todo o período Cuaternario. Vales fluviais, aluvións e meandros dan o toque final á configuración dun territorio cuxa orixe remonta aos primordios da era Paleozoica; ou sexa hai 500 millóns de anos.

 

Itinerario: Portomarín (ao carón do Miño) - Vilar - San Xulián – Bagude – A Barreira - Marxes do rio Ferreira e Portomarín (a carón da igrexa de San Nicolao).

Materiais: mapa xeolóxico 1:50000, mapa topográfico 1:25000, martelo de xeólogo, lupa, compás, instrumental químico e documentación gráfica como apoio ás explicacións sobre o terreo.

Interese: tectónico, petrolóxico, mineralóxico, xeomorfolóxico, ambiental e patrimonial.

Dificultade: baixa

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_05_10_1º BACH_Xeolodía_Portomarín