Roma, cidade eterna

Xa instalados en Roma. Comeza a aventura. A desfrutar!!

Día 27

 

   Último día da nosa viaxe por terras romanas. Hoxe tivemos un “tour” guiado polo Anfiteatro Flavio, mais coñecido como Coliseo, o Palatino, colina que alberga os xacementos arqueolóxicos das antigas residencias dos emperadores romanos, e o Foro Romano, un dos espazos públicos máis importantes da cidade na época imperial.

   En todo o percorrido sufrimos 39º, polo que non se nos escapou ningunha fonte. Despois regresamos ó hotel en tranvía, e con isto xa nos desprazamos nos tres medios de transporte máis habituais da cidade! metro, bus e tranvía, estes dous últimos, gratuitos.

   Ao chegar ao hotel, fixemos un pequeno pícnic e dirixímonos ao aeroporto de Fiumicino para coller o voo para Madrid e despois o autobús para Monforte. Remata así unha viaxe inesquecible na que todos os que participamos teremos un moi bo recordo.

   Pero como todos botamos a moeda na Fontana de Trevi…voltaremos!!!

 

 

 

 

Día 26

 

Pola mañá dirixímonos en bus urbano, por certo gratuito, ata a zona de Monti, onde comemos noutro típico restaurante italiano. A continuación entramos na Igrexa de San Pietro de Víncoli, onde contemplamos a que aquí consideran a obra maestra de Miguel Anxo: O Moisés; e o relicario que contén as cadenas coas que ataron a San Pedro en Xerusalén.

 

   As temperaturas rondaban os 36º e para loitar contra elas fíxose unha auténtica “batalla de agua”na que ningún saeu perdendo e todos saíron moi fresquiños.

   Empapados, camiñamos polas rúas de Roma ata chegar á Piazza do Popolo, onde nos agardaba a nosa seguinte actividade, o “Tour de lendas  e misterios por Roma”. Comezou nesta Piazza do Popolo e rematou na ponte de San Angelo, que da acceso ao castelo do mesmo nome.

   Alí vimos a calella máis estreita do mundo (Víncolo), a rua máis fermosa de Roma (Vía dei Coronari) e aprendemos curiosidades sobre Caravaggio, entre outras moitas cousas. 

   Como colofón, fomos visitar o famoso Panteón e quedamos impresionados pola súa grandeza e a súa fermosura. Así remataba a nosa intensa e calorosa xornada.

 

 

 

 

 

 

 

Día 25

 

   Pola mañá, despois de salvar certas dificultades loxísticas, conseguimos subirnos todos xuntos ao autobús turístico que nos levou facer unha visita guiada polo conxunto histórico de Roma.Ao mediodía baixamos na Piazza Barberini para comer nunha “trattoria” típica.

   Despois fomos ver a Fontana de Trevi e dar un paseo pola zona do Quirinal, unha das sete colinas da cidade . Alí vimos o Palacio do Quirinal, residencia do Presidente, San Andrea do Quirinal (obra de Bernini) e San Carlino das Catro Fontes (Obra de Borromini).

   A media tarde subimos de novo ao bus turístico e desprazámonos á zona do Trastévere. Antes de chegar ali vimos a Bocca della Veritá,  e o Templo de Minerva.

 

 

 

 

 

 

 

 

Día 24

 

   Día intenso de hoxe, e non so pola calor, que tamén a fixo.

Comezamos o percorrido cunha visita guiada polo Museo do Vaticano e a Capela Sixtina.

   Pola tarde disfrutamos do ambiente da Piazza de Spagna coa Fontana della Barcaccia de Bernini, a Igrexa Trinitá dei Monti, á que se accede pola gran escalinata, símbolo da cidade.

  Ceamos polos arredores, “vimos” as luxuosísimas tendas que hai na Vía Condotti. Paseamos deica  a Piazza do Popolo onde actuaba, entre outros, Lola Índigo, e rematamos nunha visita nocturna na Fontana de Trevi.

   Despois de tantas emocións e moito cansanzo, regresamos en metro ao hotel.

 

 

Día 23

   O primeiro día foi de moitas emocións: viaxe a Madrid en bus, con moitas cancións, moitas risas e pouco sono; espera no aeroporto e viaxe en avión con moitos nervios para algúns.

   Despois de deixar a equipaxe no hotel e repoñer forzas, fomos percorrer Roma.

  Moito foi o que coñecemos. Vimos Sta Mª de Maggiori, o Mausoleo de Vitorio Emmanuel II, o Foro e a Columna de Trajano, a Piazza de Venecia.. para rematar na barroca Piazza Navona, onde ceamos e onde puidemos contemplar a Fonte dos Catro Ríos, o Obelisco Exipcio e a Igrexa de Sta Inés.

   Despois, regresamos nunha longa “paseggiata” nocturna por Roma , ao hotel.