Visita ao Centro Oleiro Rectoral de Gundivós

Este luns 21 de febreiro, os alumnos/as de 3ºESO desprazáronse ata a parroquia de Santiago de Gundivós, no concello de Sober, para coñecer de primeira man por que a esta parroquia se lle chama “terra de cacharreiros”. Esta visita (que realizamos en dúas quendas: un grupo pola mañá e outro pola tarde) é unha nova actividade que se enmarca no Plan Proxecta Patrimonio Etnográfico da Ribeira Sacra, no que os noso alumnado está a traballar.

Desprazámonos ata Gundivós cun claro obxectivo: coñecer as características tan peculiares da súa olería e que fan que as pezas que alí se elaboran sexan únicas. A nosa curiosidade pronto tivo reposta. E nisto moito lle temos que agradecer a Elías González, un rapaz novo que no seu día arriscou e apostou por seguir coa tradición na elaboración dos cacharros ata converter a súa Rectoral nun centro de referencia da olería tradicional. Elías explicounos de onde provén o barro que usa para elaborar as pezas (das chamadas “veigas”), a técnica que utiliza (torno baixo ou lento), como se elaboran as pezas, en que consiste o método de churros (especial en Gundivós), os distintos tipos de cacharros (desde as pezas de bodega como os xarros, ámboas ou escurrecubas, ata outras como os meleiros, chocolateiras, braseiros, boleiros, barreñóns, sacaleites, etc); cal é a súa decoración típica (bigotes, bincos, liñas discontinuas, rectas ou en forma de ondas), as distintas partes dun xarro (orellas, barriga, biqueira), o combustible empregado para cocer os cacharros no forno (a carqueixa), como se lle dá esa cor negra opaca por fóra e brillante por dentro tan característica (queimando a peza e botándolle resina ou pez no interior), etc.

 A verdade é que foi unha visita do máis produtiva: aprendemos e pasámolo moi ben. E iso sempre é bo. Agradecemos a Elías González a súa paciencia e explicacións. Grazas a el coñecemos un pouquiño máis o patrimonio tan rico que temos na nosa contorna.