De Portomarín á Ferreiroá - Visita a pobos asolagados

Este mércores 13 de outubro o alumnado do Ciclo de Turismo e da ESA fixo unha interesante visita aos pobos asolagados polo encoro de Belesar. Unha aproximación a un drama vivido no mes de xaneiro de 1963 polas xentes que vivían nas beiras do río Miño, entre Portomarín, a poboación máis importante das asolagadas, e o muro da presa en terras de Chantada.

Fixemos un percorrido a pé dende o antigo Portomarín ata A Ferreiroá, unha aldea situada a 2 quilómetros río abaixo e que se conserva en moi bó estado. ademais tamén foi escenario de películas e curtos coma Krebinsky. Desfrutamos da paisaxe e da natureza, achegándonos á súa historia, á vida das súas xentes e ao trauma  dun desaloxo á forza, contra o que non cabía oposición nin resistencia.

 Despois de volver a pé ao punto de partida, coñecemos o novo Portomarín ao que se trasladaron algúns dos elementos máis salientables da vila asolagada. Chama especialmente a atención a igrexa de San Nicolás, magnífico exemplo de templo-fortaleza románico.