Dous equipos de 1º de Bacharelato na final nacional do “Young Business Talents”

Durante o presente curso escolar 2019/2020, alumnado de Bacharelato do IES Río Cabe estivo participando no concurso educativo “Young Business Talents” (https://www.youngbusinesstalents.com/)

 

Trátase dunha simulación empresarial na que participaron 11.166 estudantes de 447 centros educativos de toda España e unicamente os 100 mellores equipos lograron acceder á final, que se celebrará o día 27 de marzo de 2020. Á provincia de Lugo correspóndenlle 2 equipos na final nacional e os dous serán do IES Río Cabe de Monforte de Lemos:

 

TRIPRRIMOS: Formado polos alumnos Iván Aira Morillo, Alejandro da Silva Rodríguez e Álvaro Elcoso Rodríguez.

 

BULLANDBEAR: Formado polos alumnos Luis Buitrón Amaro, Iván Castro Álvarez, Breixo Fernández Le Yondre e Antón Ramos González.

 

Cada equipo de alumnado ten que facerse cargo dunha empresa virtual que se dedica á fabricación e venda de produtos lácteos, competindo nun mercado ficticio contra outras 4 empresas rivais. Deben tomar decisións como: número de unidades producidas de cada produto, prezos de venda, publicidade, recursos humanos, solicitude de préstamos, inversións financeiras, marxe de beneficio, etc…

 

A competición divídese en diferentes fases, cambiando os escenarios e as empresas contra as que compiten, resultando gañador o equipo que consigue un maior beneficio ao remate de cada unha das fases. Na final nacional repartiranse mais de 14.000 euros en premios entre os mellores equipos e para o IES Río Cabe xa é un gran logro ter acadado as 2 prazas que corresponden á provincia de Lugo nesta final nacional.

 

Grazas ao esforzo e dedicación do alumnado, este curso escolar acadaron resultados fantásticos e 7 dos 10 primeiros equipos clasificados da provincia de Lugo foron do IES Río Cabe.