Skip to Content

STEM

A ciencia como profesión

O alumnado de 2º BAC de TIC levou a cabo un traballo en relación co papel da muller na ciencia.
No noso centro realizaron a enquisa para este traballo un total de 168 homes e 192 mulleres, entre os alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO e 1º e 2º BAC. Comparamos estes datos cos achegados pola enquisa do Campus Terra de Lugo, feita a científicos e científicas.

Viaxe a Coruña

O pasado 8 de xaneiro fomos á Coruña co Departamento de Tecnoloxía e co de Educación Física.
Tiñamos que estar no instituto ás 08:30h, como todos os días,  para coller o autobús cara á Coruña. Subimos e en dúas horas chegamos, máis ou menos.

Fomos ao MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología) que é unha institución centrada na divulgación científica e tecnolóxica. Había todo tipo de aparellos e salas, dende un simple taller para facer mecanismos eléctricos ata unha cabina dun avión. Tamén había dous robots que falaban e facían bromas sobre nós e ata se movían sós. Estaban moi ben feitos.

... seguir lendo a crónica de Nicolás Sixto Guisasola no blogue de Perdourando.

Preparando a X Olimpíada de Xeoloxía

Para a preparación da X Olimpíada de Xeoloxía celebrada o 13 de febreiro na cidade de Viveiro, tivemos que aprender a usar o compás. Era necesario levar un para as probas da olimpíada e, por ese motivo fomos o mércores 30 de xaneiro, o mércores 6  e o xoves 7 de febreiro á praia Perdouro. Na área xeolóxica da praia aprendimos a situarnos nos mapas utilizando as curvas de nivel, a  medir o buzamento (inclinación) e a orientación dos estratos co compás..... seguir endo a crónica de Aarón Artime de 2º de Bacharelato no blogue  de Perdourando.

O nadal xa chegou ao IES Perdouro!

Esta bonita época do ano, que tanto esperan os máis pequerrechos da casa como os máis maiores está a volta da esquina. Como non podía ser de outra maneira, os alumnos e alumnas do IES Perdouro puxémonos mans á obra. Dende varios departamentos xurdiron diferentes ideas e houbo varias aportacións. Decoramos o noso instituto polos nosos corredores, ventás, portas...
Na nosa entrada, atópase a nosa grande árbore de Nadal, mostra do traballo en equipo ... Seguir lendo a crónica de Alejandra Alonso Fernández de 4º ESO no blogue de Perdourando.

Aula aberta á tecnociencia

O venres 30 de novembro o alumnado de 4º ESO viaxou ata Vigo; máis concretamente, fomos ata a súa Universidade.

Ás oito da mañá xa estabamos todos listos para emprender a viaxe. Chegamos arredor das 11:30 e recibíronnos cun agasallo na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, onde se poden cursar diferentes graos e másters relacionados con esta enxeñaría. Despois de darnos o agasallo, o profesor, co cal teriamos a primeira charla, levounos ata un laboratorio desta parte da Universidade. ....

Viaxe a Asturias - 3º ESO

Os alumnos de 3º da ESO do IES Perdouro fixemos o día 21 de novembro unha viaxe a Asturias para ver pola mañá a Central Leiteira Asturiana e pola tarde visitar o Museo da Minaría en Avilés.
 
Sobre as 10:00 horas chegamos a Granda, onde se atopa a Central Leiteira. Alí, uns guías recibíronnos para ensinarnos a fábrica. Entramos nunha sala onde nos puxeron unha bata e un gorro e guiáronnos pola factoría; o primeiro que nos ensinaron foi a descarga do leite (2.000.000 litros) procedente das granxas. Este leite pasa despois a uns tanques de hixenización e esterilización, alí extráese a manteiga e o resto pasa á uperización, para envasar o leite en distintos envases e saír pola parte de atrás da fábrica con destino aos comercios españois.

Viaxe á Coruña

Saímos de Burela ás 9:10 e, despois dun longo traxecto, chegamos ás 11:20 á nosa primeira parada: o Acuario Finisterre.
 
Xa alí, recibiunos unha agradable monitora que nos dirixiu a unha das salas máis populares do acuario: a sala Maremagnum; o primeiro que fixemos alí foi escoitar unha explicación sobre os distintos tipos de peixes (peixes óseos, cartilaxinosos…) e os distintos tipos de peles (sen escamas e con escamas, destes dous tipos ofrecéronnos unha mostra para sentir o seu tacto rugoso). Tamén nos explicaron os diferentes tipos de respiración nos peixes, as súas formas de reprodución e as formas dos ovos dos tiburóns, dos cales nos proporcionaron moita información. ....

Visita a cafés Candelas e Quescrem

O día 14 de novembro os alumnos/as de 4º da ESO de Tecnoloxía e Física achegámonos a Lugo para visitar a fábrica de Cafés Candelas e unha das factorías de Quescrem.

Chegamos a Cafés Candelas sobre as 11:00h, entramos por unha porta anexa e dirixímonos, con batas e gorros, á zona de almacenaxe dos grans, onde nos contaron que eran o produtor número 1 de café en España e que comezaban a exportar a Europa e Norteamérica. ...

Planetario móbil

O día 30 de outubro, os alumnos/as de 4º ESO acudimos a unha actividade realizada a quinta hora da mañá. Esta actividade consistiu en visitar un planetario móbil, que nos trouxo Íñigo De La Quadra Salcedo, un dos fillos de Miguel de la Quadra Salcedo.

Mes da ciencia en galego - Obradoiro

Con motivo do mes da ciencia en galego, o EDLG contou coa axuda dun equipo interdisciplinar de profesoras  (Física, Bioloxía e Ciencias Sociais). O proxecto deste ano ía destinado ao alumnado de 2º de ESO, 3º PMAR e 4º de ESO Aplicadas e consistiría nun obradoiro de resolución de fenómenos relacionados coa flotabilidade. A finalidade desta actividade que se desenvolveu no laboratorio de Bioloxía é fomentar nas rapazas e rapaces o desenrolo de habilidades cognitivas, pensamento crítico, concentración, aprendizaxe continuo e creatividade.
 
En resumiadas contas, pasáronno moi moi ben!  E moitos parabéns a Maribel pola introdución histórica a Arquímedes, e a Ana e Virginia polas dinámicas dos experimentos. Grazas.
 
Accede ao noso albúm de fotografías aquí.

Mes da ciencia en Galego

 
O alumnado de 2º de ESO, 3º PMAR e 4º de ESO Aplicadas será o que teña que resolver unhas cuantas enigmas. Para iso temos preparados uns experimentos no laboratorio para intentar comprender o concepto de flotabilidade.
Deixámosvos unha pista: Arquímides.

Visita á unha granxa de corais

O pasado luns 5 de novembro, os alumnos e alumnas de 1º de ESO, xunto con algúns mestres, fomos de excursión a Viveiro dentro da campaña de educación ambiental MARES DE CULTURA OS NENOS E O MAR, promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal.
 
A primeira parada foi no barrio de Magazos, onde o grupo de alumnos foi acollido nunha casa indiana para descubrir no seu vestíbulo un magnífico acuario de arrecife asi como unha granxa de cultivo de corais ubicada nun bungalow. Reef Water é o nome desta empresa pioneira dedicada ao cultivo, á reprodución e a distribución destes delicados animais mariños. Aí soubemos máis da acuarofilia mariña
 
Eramos moitos, así que nos dividimos en dous grupos. O primeiro grupo foi ver un acuario moi grande xunto cunha guía chamada Vanesa Rodríguez. Explicounos diversas aspectos sobre os corais e os peixes que habitaban nese ecosistema. Cando acabou a explicación fomos con outra guía, Ana, ver outros 20 acuarios máis. Tamén nos contou curiosidades diferentes que para todos nós eran descoñecidas. Logo, deunos un tempo para observar de preto todos os seres vivos que habitaban cos corais en cada acuario, entre eles: estrelas de mar, peixes paiaso, cogombros de mar.

Prácticas de laboratorio

Medindo a densidade das rochas! 
 

Comezamos o curso e retomamos as prácticas no laboratorio cos alumnos e alumnas de Bioloxía e Xeoloxía de primeiro de bacharelato. O pasado xoves estivemos medindo a densidade das principais rochas da codia, (basaltos granitos e calcarias), e do manto (peridotita e ecloxita). Coa axuda das balanzas electrónicas obtivemos as súas masas e coas pipetas o volume de auga que desaloxan, polo tanto, o seu volume. Grazas a estas medidas calculamos as diferentes densidades das rochas e indirectamente as densidades da codia e do resto das capas da Terra.
 
Ver o albúm de fotos aquí.

Visita ao CINBIO

O pasado martes 24 de abril, o alumnado de 4º de ESO Tecnoloxía e Bioloxía-Xeoloxía fomos de viaxe de estudos a Vigo para visitar o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), situado na Universidade desa cidade.

...

O autobús deixounos na entrada do Centro e alí xa nos estaba agardando África González -a Directora do Centro- quen nos deu a benvida e despois ... seguir lendo a crónica de RAISA RIVERA  no blogue de Perdourando

Visita á Coruña - 1º Bach

VISITA Á FACULTADE DE INFORMÁTICA



    O día 26 de abril o alumnado de 1º BAC do IES Perdouro saímos de viaxe cara á Coruña co fin de visitar a Facultade de Informática, o Arquivo do Reino de Galicia e o Castelo de San Antón.
    Despois dunha viaxe de dúas horas en autobús, chegamos á entrada da Facultade. Os profesores deixáronnos unha media hora para integrarnos e observar un pouco pola nosa conta o interior do edificio, ou para, se queriamos, comésemos algo.
    O noso guía ese día foi Óscar Pedreira, Vicedecano de Organización académica. Explicounos un pouco en que consistía o grao de Informática e desmentiunos algúns prexuízos que se teñen sobre os informáticos cun pouco de humor.
    Despois, fixemos un percorrido pola Facultade e puidemos entrar nunha aula e en dous laboratorios de investigación, nos cales os alumnos nos explicaron en que estaban a traballar (por exemplo, en arquitectura de ordenadores ou aspectos relacionados coa óptica).
    Unha vez rematada esta visita, agradecémoslle a Óscar que nos permitise experimentar ese ambiente universitario e partimos cara á nosa seguinte parada.

 
LUCÍA LÓPEZ - 1º BACHARELATO

VISITA AO ARQUIVO DO REINO DE GALICIA




    Ás 12:45h comezamos a nosa seguinte visita ao Arquivo do Reino de Galicia, que se atopa na cidade da Coruña. Foi creado no ano 1775 e é o arquivo galego máis importante ao contar con 25 km de estantes.
    As funcións principais deste Arquivo son recoller a documentación que xera a Administración, organizar ese material e mantelo en bo estado. Para isto conta con varios métodos de almacenaxe: “Galiciana”, unha plataforma na que se mete a información coa web correspondente para acceder a ela; mobles compactos para aproveitar ben o espazo; e unha cámara frigorífica, única nun arquivo en Galicia. Contan con medidas de seguridade en caso de incendio. No lugar onde están gardados os documentos, quitarían o osíxeno da sala en vez de usar auga, para que o papel non se estrague.
    Este Arquivo do Reino de Galicia, nun principio, ubicouse en Betanzos e chegou ao edificio actual en 1957, comezando as súas funcións nos anos 80.
    Manéxanse aquí moitos tipos de documentos: textos, planos, mapas… e máis de 300.000 fotografías, contidos en diversos soportes (pergamiños feitos con pel de animal, papel de trapos, CDs, DVDs, disquetes e microfilmes) e escritos con distintos tipos de letra (visigótica, carolina e gótica cortesá, procesal ou humanística; esta última é a que usamos hoxe). Estes documentos están datados dende o s.XV ata hai cen anos de antigüidade.
    Mostráronnos alí tamén documentos da nosa zona, como unha causa xudicial por bruxería, a aparición dun espírito en 1830 e unha extradición dende Nova Iorque nos anos 30.
    Despois ensináronnos o laboratorio de restauración onde nos explicaron como se facía o papel antigamente (cando foi inventado polos chineses e cando foi perfeccionado polos árabes ao introducirlle algodón e fío que botaban na auga e mazaban cuns batáns). O papel actual é de lignina, que vén da madeira e non ten apenas celulosa, polo que é de peor calidade (ademais, moitas cousas poden danar o papel: a auga, os fungos ou a composición da tinta que se use).
    O proceso de restauración do papel consta de varias fases: primeiro fáiselle unha fotografía e unha ficha moi detallada; a continuación, desmóntase as follas e dáselles un baño con auga e outro con hidróxido cálcico; despois destes baños, póñense nun tendedoiro a secar (para reestablecer as pontes de hidróxeno) e, máis tarde, reintégrase con liño e algodón, que quedan unidos ao resto do papel grazas ás ditas pontes de hidróxeno; por último, ese papel vai aos secantes e logo á prensa.
    Foi esta unha visita moi entretida e soubemos que todo isto se pode estudar na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

 
MIRELLA RAMOS - 1º BACHARELATO

VISITA AO CASTELO DE SAN ANTÓN



    Pola tarde dirixímonos ao Castelo de San Antón.
    Na baía da Coruña hai un illote chamado “A Pena Grande” onde se construíu unha fortaleza. Antes do Renacemento foi un hospital cunha capela dedicada a San Antón onde se atendían enfermos ou navegantes con enfermidades infecciosas.
    Durante o reinado de Filipe II comezou a construírse o castelo para a defensa da baía. Dende finais do século XVII até mediados do século XX a fortaleza foi utilizada como cárcere no que había tanto delincuentes comúns coma presos políticos.
    Máis tarde, este illote foi unido a terra por un dique e instalouse alí o Museo Arqueolóxico Provincial no 1964. Neste museo poden verse pezas da prehistoria e da historia. Ten tres seccións: a primeira ten arte relixiosa e funeraria medieval e heráldica, a segunda trata sobre arqueoloxía e prehistoria e a última, sobre historia da cidade.
    No castelo vimos todo tipo de restos daquela época, como xoias, xerras, restos de ósos, etc. Vimos tamén o faro, subimos alí e contemplamos as vistas e unha borna que fixo a Universidade de Santiago. Trátase dunha embarcación semellante á que utilizaron os primeiros navegantes que visitaron as nosas costas provenientes das illas Británicas.

 
ELENA ENRÍQUEZ - 1º BACHARELATO
 
Accede ao albúm de fotos aquí.
Distribuir contido


by Dr. Radut