Skip to Content

Que está acontecendo?

Actuación de AldaoLado en Burela

O pasado 11 de maio, os alumnos de 4º ESO e 1º de bacharelato do IES Perdouro xuntos a outros alumnos do IES Monte Castelo acudiron ao auditorio de Burela para asistir a actuación de AldaoLado. As poetisas María Lado (Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982), coa súa guitarra, presentaron un recital poético nun formato fora do habitual. Combinaron o recitado de poemas propios con  música en directo e divertidas historias relacionadas coa súa actividade de poetas ou coa vida mesma. Ademais fixeron unha adaptación dunha canción de Rocío Jurado, en galego, "Porque yo te amo" para repasar a colocación dos pronomes. Antes de rematar, compuxeron un poema colectivo a partir de versos de diferentes poetas galegos. Repartiron os fragmentos entre o alumnado que recitou de xeito aleatorio para facer un poema dadaísta.  Un espectáculo de poesía, música e humor moi divertido!!!
 
Se queres repasar a colocación dos pronomes segundo AldaoLado non deixes de ir ao blog de Perdourando
 

Carteis Letras Galegas 2016 - Manuel María

O alumnado de 1º de Bach. de TIC elaborou a súa cartelería anual adicada ao persoeiro homenaxeado das Letras Galegas. Se queres coñecer quen foi Manuel María, autor chairego conmemorado para celebrar as Letras Galegas 2016, non deixes de botarlle unha ollada a este traballo.


 

Exposición "Os soños de Manuel María" da microrrede de bibliotecas escolares da Mariña

Microrrede da Mariña, dinamizando as comunidades educativas a través da literatura

Durante cinco anos as bibliotecas de varios centros educativos da zona da Mariña veñen a desenvolver un proxecto conxunto para o fomento da lectura nas familias. Dito proxecto trata de involucrar ao maior número de sectores que influen na promoción dos libros, o gusto pola lectura, o intercambio de experiencias e sobre todo, impulsar a colaboración das familias na promoción da cultura e a formación lectora dos seus fillos. O proxecto deste ano titúlase Os soños de Manuel María e ten como obxectivo coñecer e valorar a figura e a obra deste gran escritor e intelectural lucense; así como fomentar e dinamizar a cultura entendida como un ben común que propicia unha sociedade máis humana, igualitaria, crítica e libre.

Durante a semana das Letras Galegas, hai unha gran exposición dos traballos de todos os centros educativos participantes no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, do 11 ao 13 de maio de 18h a 20h. A exposición está aberta ao público en xeral e cada tarde hai actuacións do alumnado e incluso profesorado dos centros educativos que participan na actividade.

Programa das actividades dinamizadoras do martes 10 ao venres 13 de maio de 18:00h a 20:00 h

Martes 10, ás 18:00h.
  • Inauguración da exposición coa participación das Comunidades Educativas, dos Centros escolares e  das Autoridades.
  • “Os soños non poden estar engaiolados” a cargo do CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo.
  • “Cantando” de IES María Sarmiento de Viveiro.
  • “Recital poético” de IES Perdouro de Burela.

Mércores 11, ás 18:00h.

  • “Todo me fala de ti” a cargo de EEI San Roque de Viveiro
  • “Pecas, Dragoncín e o tesouro” (adaptación) de CEIP Plurilingüe de Covas.
  • “Interpretando O bigote de Mimí” a cargo de CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove.

Xoves 12, ás 18:00h.

  • “Musicando a Manuel María” (adaptacións), a cargo de CEIP de Cervo.
  • “Un percorrido musical polas nosas celebracións” de CEIP A. Pedrosa Latas de Celeiro.

Venres 13, ás 18:00h.

  • “Aventuras e desventuras dunha espiña chamada Berenguela”, representada polo alumnado do CEP Lois Tobío de Viveiro.
  • “De Rosalía a Manuel María...Poesía” a cargo de Ermitas Orol.
  • Clausura da Exposición

No proxecto Os soños de Manuel María participan os centros educativos da zona da Mariña que se citan a continuación:
• EEI San Roque (Viveiro)
• CEP Lois Tobío (Viveiro)
• CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro)
• CEIP Pedrosa Latas (Celeiro)
• CEIP Plurilingüe Santa Rita (Galdo)
• CEIP de O Vicedo (Vicedo)
• CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove)
• CEIP de Cervo
• IES María Sarmiento (Viveiro)
• IES Vilar Ponte (Viveiro)
• IES Perdouro de Burela
• IES Illa de Sarón de Xove

Obradoiro de escritura medieval - 2º ESO

Crónica de Edmilson Monteiro Gomes - 2º ESO
 
O luns 25 de Abril, e tendo como referencia o Día do Libro,  os rapaces de 2º da ESO realizamos unha actividade escolar que consistía nun obradoiro sobre a escritura medieval.
A actividade comezou na biblioteca cunha resumida charla, cuns especialistas no tema,  sobre a evolución da escritura e dos materiais empregados ao longo da Historia.
A  segunda sesión tivo lugar .... Seguir lendo no blogue de Perdourando.
 

A nova literatura da Mariña

12962585_868351553293777_613796039_o.pngO Instituto Perdouro de Burela foi de novo o foro privilexiado para a divulgación en primicia de obras literarias. Desta vez a protagonista foi a escritora sancibrense Patricia C. Beltrán quen visitou onte o centro de ensino para presentar a súa primeira novela, El fiel reflejo de la nada (Ed. Cardeñoso; 2016).

O alumnado de bacharelato da materia de Literatura Universal situouse comodamente nos sofás do rincón da lectura, na biblioteca do instituto, e dispúxose para a tertulia literaria coa autora da obra, que se prestou a participar activamente respondendo cuestións referentes ao proceso de escrita, ao desenvolvemento da trama, ao estilo e mesmo ás condicións de edición.

Patricia C. Beltrán (San Cibrao; 1980) é licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense.  Finalizados os seus estudos académicos, complementou a formación en Boston (USA) e máis tarde dedicouse profesionalmente á comunicación xornalística. No campo da creación audiovisual, é directora da curtametraxe "Lucía devorando a sus hijos", protagonizada por Manuel Feijóo.

El fiel reflejo de la nada, unha historia protagonizada por Valentina -unha moza salvadoreña, estudante de Dereito-, que chega a Madrid para completar estudos e vivir "o soño europeo", será presentado por primeira vez nun acto público na Casa da Cultura de San Cibrao, ás 6 da tarde do próximo sábado, día 16 de abril.

Recital Día de Rosalía na Casa Museo de Manuel María

O EDLG participou o sábado 27 de febreiro no recital poético "Rosalía sempre viva" convocado pola Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei, con dous alumnos de 1º de Bacharelato, Enya Riveira e Andrés Andrade.

Participaron nesta fase final un total de 133 estudantes de toda Galiza, en 4 categorías, de Infantil a Bacharelato, que recitaron poemas de Rosalía e Manuel María, o escritor ao que este ano se dedican as Letras Galegas.

Na lingua que eu falo

Saída literaria de 3º de ESO: Quixote e Manuel María

Con galo do cuarto centenario da publicación da Segunda Parte do Quixote como do falecemento do Fénix das letras castelás, o alumnado de 3º de ESO viaxou o 22 de febreiro ata Santiago para asistir no teatro principal á representación das obras La española inglesa e Las dos doncellas das Novelas ejemplares de Miguel de Cervante, dúas historias protagonizadas por mulleres. As vivencias que Cervantes acumulou na súa vida reflíctense aquí nun despregue de localizacións e de belas historias relacionadas con elas. Guía didáctica.
 
Xa pola tarde, o alumnado foi visitar a Casa Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, para coñecer a vida e obra do autor homenaxeado das Letras Galegas deste ano.

A actividade foi organizada conxuntamente polo departamento de Lingua Castelá e Lingua Galega.

Acto de presentación de "Nefelibata" de Maka Ledo na biblioteca do IES Perdouro

Esta mañá tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro a presentación do primeiro libro da nosa alumna de 2º de Bach. Macarena Ledo Vázquez. Abriu o acto o director, Santiago Pérez. A continuación tomou a palabra Mónica Filgueira Formoso, artista ourensá, quen fixo a portada do libro "Nefelibata". Logo, Macarena Ledo explicou o significado de "Nefelibata"...... Seguir lendo no blogue de Perdourando.
Quedaron moitas cousas por contar máis xa sabemos que o vindeiro venres 26 de febreiro ás 20h15 na libraría Nobel de Burela, Maka Ledo presentará novamente ao público "Nefelibata".

Maka Ledo presenta "Nefelibata", o seu primeiro libro.

A biblioteca do IES Perdouro acollerá mañá venres, día 12 de febreiro ás 11h, a presentación do libro Nefelibata da nosa alumna, Macarena Ledo Vázquez. No acto de presentación contaremos ademaís coa presenza da artista ourensá, Mónica Filgueira Formoso, ilustradora da portada. Esperámosvos!!
 
.

Alumnado de 4º de ESO visitan a rotativa do Progreso e a Casa museo de Manuel María.

O martes, día 27 de outubro, o alumnado de 4º ESO viaxou ata Lugo para visitar a rotativa do xornal O Progreso de Lugo.

Xa pola tarde, os alumnos achegaronse ata a Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei, para coñecer a vida e obra do autor homenaxeado das Letras Galegas 2016.

A actividade foi organizada conxuntamente polo departamento de Relixión e o EDLG. Ver a completa reportaxe fotográfica no blogue de Perdourando.

Entrega de premio dos certames da A.C. Os Matos

O pasado venres 12 de xuño,  entregáronse na biblioteca do IES Perdouro os premios do IX Concurso de relato curto e do VII Concurso de imaxe convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos" cuxo lema foi “Xogos e xoguetes”.

Na modalidade de relato curto, as composicións gañadoras foron “Xogos e xoguetes” de Marta Porto Rodríguez (4º ESO B) como primeiro premio e “O neno e os xogos do xogueteiro” de Pablo García Cobas (4º ESO A) como segundo premio.

Na modalidade de imaxe, as obras gañadoras foron "A praia dos recordos” de Sara López Alvariño (1º Bach. A) como primeiro premio e "Escapada da infancia” de Lourdes López Pérez  (1º Bach. B) como segundo premio.

.. Ver fotografía no blogue de Perdourando.

Acto de presentación de Maruxía nº21

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro de Burela presentou o nº 21 da publicación Maruxía
 

Noa Expósito e Eva Pernas, alumnas de 1º de Bacharelato e no nome dos seus compañeiros de clase, foron as encargadas de introducir o labor do alumnado no acto de presentación do número 21 da revista escolar Maruxía da Asociación Cultural Os Matos do IES Perdouro.

Un ano máis, os principais responsables da elaboración dos contidos da revista foron alumnos de ESO, de bacharelato e docentes do centro. Este ano contouse cunha colaboración moi especial: Luis Ramilo, exprofesor do centro, foi o responsable da portada. Miruca Parga, coordinadora do EDLG, traballou co seu alumnado de 1º de bacharelato de Tecnoloxía da Información e da Comunicación na maquetación e elaboración da revista de publicación anual que recolle algunhas das moitas actividades realizadas no centro durante o curso académico.

 
 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Acto presentación Maruxía nº 21

O vindeiro venres 12 de xuño no recreo, os alumnos/as de 1º de Bach. TIC liderado pola súa profesora Miruca Parga, convídannos a achegarnos ata a biblioteca para asistir ao acto de presentación do novo número da revista escolar dos Matos. Desvelarannos os contidos do nº 21 asi como os momentos gratificantes deste traballo colaborativo. Maruxía 21 recolle unha moi pequena mostra de todas e tantas actividades que se celebraron e desenvolveron durante este viguroso ano académico mais aí permanecerán plasmadas para o recordo algunhas delas.
 
Ademais farase entrega dos premios dos concursos de relato curto e imaxe da A. C. Os Matos coa temática deste ano "Xogos e Xoguetes".

12 de maio, Día Escolar das Matemáticas

E se queres aprender matemáticas xogando e divertíndote, pásate pola biblioteca do centro. Temos libros divulgativos, divertidos, curiosos, (xogos, trucos de maxia, etc...), biografías e lindas historias noveladas en torno aos números e outras enigmas. Gustaranche!!

“Xogando coas Matemáticas” é o lema do XVI Día Escolar das Matemáticas.


Para celebrar o 12 de maio como Día Escolar das Matemáticas, a Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), organiza unha feira matemática no Hall de Proa de Palexco na Coruña, o vindeiro 16 de maio de 2015.

 

 

Feliz Día Do Libro!!!

Bo Día  do Libro !!!!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut