Skip to Content

Despedida de 2º de Bacharelato 2023

Onte 17 de maio celebrouse a cea de graduación do alumnado de 2º de Bacharelato do IES Perdouro. Na xuntanza participaron 35 rapazas e rapaces e gran parte do profesorado que lles deu clase durante o tempo que cursaron estudos no centro. A cea desenvolveuse nun ambiente festivo, dada a alegría de chegar á meta: acabar 2º de Bacharelato.
 
As cualificacións fixéronse públicas hoxe 18 de maio ás 9:00h e as matrículas de honra foron para Antón Expósito Campo, que conseguiu unha media de 10, e para Noa Saá del Río, cuxa nota media foi un 9.95.
 
Saray, Dámari, Antón, Álvaro Fernańdez, Diego, María, Iria, Luis, Óscar Pérez, Ainhoa Mía, Nuria, Laura Rodríguez, Nico, Jessica, Pablo, Mateo, Irene, David, Noemy, Santi, Alejandro Fernández, Óscar Fernández, Saúl Fuente, Laura García, Luis M. Borges, Sandra, Hugo, Yago, Álvaro Mesa, Ramiro, Saúl Pérez, Ainoa, Alejandro Riveira, Noa, Lin e Fernando...
 
DESEXAMOS QUE CUMPRADES OS VOSOS SOÑOS! 
FOI UN PRACER TERVOS CONNOSCO!
 

  

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ

Anatomía aplicada: disección dun corazón

O martes 7 de marzo, os alumnos de 1º de Bacharelato de Anatomía Aplicada, xunto cos profesores Fernando Losada, do Departamento de Bioloxía, e Sol Galdo, a nosa profesora de Anatomía, disecamos uns corazóns de cocho. Esta foi unha actividade complementaria dentro da unidade didáctica sobre o sistema cardiovascular, na cal estudamos o funcionamento do noso corazón e de todo o sistema circulatorio. 

Para a disección dividímonos en catro grupos de 4 ou 3 integrantes, para posteriormente distribuírnos o traballo (cortar, examinar, sacar fotos…). Primeiro identificamos as caras do corazón (anterior e posterior), as aurículas, os ventrículos e os vasos sanguíneos situados na parte superior do órgano. Logo, coa axuda dun bisturí, realizamos dous cortes paralelos ao tabique interauricular, para comezar coa observación interna. Así, puidemos distinguir as cavidades internas do corazón, as válvulas que as separan e comparar o grosor das súas paredes. Desta maneira, comprobamos como están comunicadas as distintas cavidades para comprender mellor o circuíto. Ademais, a maiores, tivemos a gran sorte de contar cun corazón de terneira, non tan semellante ao humano, pero realmente impresionante polo seu tamaño. 

Esta actividade resultou do máis didáctica e entretida e as sensación foron realmente boas. Serviunos para coñecer máis de cerca o funcionamento do noso corazón (pois o corazón de cocho é moi semellante ao dos humanos). Unha experiencia que moitos de nós sen dúbida repitiriamos.

Podes ver as fotos AQUÍ 

Nerea Francos, Ramón Real, Ivana López - 1º Bacharelato

Plan Director: charla sobre acoso escolar

O alumnado de 3º ESO participou no mes de febreiro nunha charla que ofreceu a Garda Civil sobre o acoso escolar. Nela, para empezar, proxectouse un vídeo onde se explicaba, de maneira resumida e clara, en que consiste esta forma de maltrato. 

A continuación, o axente encargado de impartir a charla, Héctor, que ademais de garda civil é psicólogo, presentou máis detalladamente en que se traduce o acoso escolar cunha serie de exemplos e definiu os principais conceptos que se relacionan con este tipo de violencia. Así, por exemplo, afondou no perfil do agresor e nos motivos que poden levar a alguén a acosar unha persoa. Segundo explicou o axente, unha das causas do acoso é a envexa cara a un compañeiro ou compañeira, o que pode motivar que se empece con agresións, tanto verbais como físicas. Isto, maiormente, acontece na adolescencia. Ademais, nesta etapa danse casos de mozos e mozas que sofren acoso escolar e que incluso poden chegar a suicidarse. 

Para finalizar, proxectouse outro vídeo onde se explicaba que, por moito que te machaquen ou te pisen, segues sendo unha persoa valiosa.

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Noa Castro García - 3º ESO

27 de marzo: Día Mundial do Teatro

O 27 de marzo celébrase o Día dos Escritores Europeos e tamén o Día Mundial do Teatro. Para salientar esta última conmemoración, o alumnado de 1º de Bacharelato de Literatura Universal elaborou un par de libriños con títulos de obras teatrais. As palabras están representadas por emoticonas. A ver se as acertades!


 

 

Día Mundial da Poesía 2023: videopoemas de 1º de Bacharelato de Literatura Universal

Para conmemorar o Día Mundial da Poesía o alumnado do 1º de Bacharelato de Literatura Universal elaborou videopoemas a partir de composicións de autores tan relevantes como Novalis ou Lord Byron. 

Veredes que a poesía traspasa épocas e fronteiras e que é o alimento da parte espiritual que temos todos. 

 

 

Día da Poesía 2023: videopoemas de Noriega Varela e Cabanillas

Con motivo da celebración do Día da Poesía o alumnado de 2º de Bacharelato que cursa a materia de Literatura galega do século XX e XXI preparou algúns videopoemas de dous dos autores que inauguran o século XX: Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas. 

Escoitar ou ler poesía fai que experimentemos emocións por tratarse dun xénero literario no que fundamentalmente se expresan sentimentos. Convidámosvos a ver e escoitar cada un destes videopoemas e deixar que afloren as vosas emocións. 

Celebración do I Día da Literatura Caboverdiana

Neste ano 2023 cumpre 75 anos a primeira grande obra narrativa da literatura de Cabo Verde. Trátase de Chiquinho, unha novela escrita por Baltasar Lopes da Silva. A obra marcou o inicio da literatura caboverdiana, cubrindo temas locais e da cultura crioula. 

Este martes Burela acolleu a celebración do primeiro 'Día da Literatura Caboverdiana'. A partir das dez da mañá comezou na biblioteca do IES Perdouro unha lectura continuada de Chiquinho a cargo de duascentas persoas, entre as que se atopaban os alumnos e alumnas do centro. 
 
Na inauguración participaron unha estudante -Noemy dos Reis Cardoso Borges-, a profesora de Lingua Portuguesa -Vanesa Vila Verde-, o alcalde de Burela -Alfredo Llano- e a Conselleira de Cultura da Embaixada de Cabo Verde, Odete Alves.

Charla impartida polo alumnado de 1º de Bacharelato: Sobre saúde, dietas e azucres

O día 17 de xaneiro o alumnado de 3º ESO asistimos a unha actividade organizada polos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato.

A actividade levouse a cabo na biblioteca do instituto. A primeira parte da presentación trataba sobre a dieta saudable e mais as consecuencias que ten a alimentación na saúde.

Unha dieta saudable é aquela na que se consome a cantidade correcta de alimentos na proporción adecuada, obtendo deste modo os nutrientes que o corpo necesita. Ademais, unha alimentación sa reduce o risco de sufrir diabetes, hipertensión e incluso cancro.

De seguido, pasaron a falar dos azucres. A OMS (Organización Mundial da Saúde) recomenda consumir 25 gramos de azucre ao día. Porén, isto é practicamente imposible, polo que se establece como cantidade máxima uns 60 gramos en adultos e 40 gramos nos nenos.

Encontro con Antía Yáñez: a muller en Senlleiras

Este venres teremos con nós a Antía Yáñez para que o alumnado de 1º Bacharelato poida compartir con ela as súas impresións sobre o papel da muller na súa novela Senlleiras

Trátase dunha actividade máis dentro da Semana da Muller, arredor do 8M. 

 

Proxecto Neo

COMEZAMOS A DUODÉCIMA ETAPA
 
Non deixes de escoitar o noso programa semanal radiado por Radio Burela.
Os mércores de 5 a 6 da tarde emitimos en directo.
 
Tamén podes escoitarnos cando e onde queiras na radio á carta de de Proxecto Neo.

FP Dual no IES Perdouro: estuda cobrando e remata con un posto de traballo

O IES Perdouro ofréceche a posibilidade de estudar un ciclo formativo:

  • Con seis meses de formación en empresa
  • Cobrando unha remuneración
  • De alta na Seguridade Social
  • Con unha maior probabilidade de obter un contrato de traballo ao finalizar
  • Sen requisitos de idade

Prazo de solicitude do 23 de xuño ao 5 de xullo (ata as 13 horas). Consulta a información sobre admisión en ciclos formativos no portal de FP.

Por 365 días de respecto e igualdade no IES Perdouro

A discriminación das mulleres e a violencia de xénero, lonxe de seren un fenómeno novo, son un problema arraigado nas distintas sociedades desde hai moito tempo. Porén, o recoñecemento da discriminación sexista e da violencia de xénero como problema social así como a súa visibilización si que son recentes. Ata non hai moito, considerábanse unha cuestión circunscrita ao ámbito privado, sendo un tema silenciado e normalizado pola sociedade como parte das relacións entre homes e mulleres. 

Desde o IES Perdouro cremos que resulta necesario impulsar accións dentro do ámbito educativo que permitan facer visible a violencia machista, de forma que os alumnos e alumnas se volvan conscientes da súa extrema gravidade e aprendan a construír formas de relación positivas, a través das cales mulleres e homes participen de igualdade de condicións en todos os ámbitos da vida. É por esta razón que no presente curso académico 2020/2021 decidimos participar no programa “Por 365 días de respecto e igualdade” do Plan Proxecta cun proxecto titulado “Contra a violencia de xénero, igualdade”. Para difundir as nosas accións, abrimos o Blog https://perdourorespectoeigualdade.blogspot.com/, onde poderedes ver todos os traballos feitos polos alumnos e alumnas. Esperamos que vos guste!

Vídeo Promocional IES Perdouro

Distribuir contido


by Dr. Radut