Skip to Content

Día da Poesía 2023: Adiviña os títulos de poemarios da literatura universal

Para celebrar o Dia da Poesía, o alumnado de Literatura Universal ideou estes dous libriños nos que nos retan a adiviñar os títulos de poemarios famosos descifrando o significado de emoticonas.  

A ver cantos sodes capaces de recoñecer...

Os primeiros son máis doados: 

 

Estes son máis difíciles: 

 

Día da Poesía 2023: videopoemas de Noriega Varela e Cabanillas

Con motivo da celebración do Día da Poesía o alumnado de 2º de Bacharelato que cursa a materia de Literatura galega do século XX e XXI preparou algúns videopoemas de dous dos autores que inauguran o século XX: Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas. 

Escoitar ou ler poesía fai que experimentemos emocións por tratarse dun xénero literario no que fundamentalmente se expresan sentimentos. Convidámosvos a ver e escoitar cada un destes videopoemas e deixar que afloren as vosas emocións. 

Celebración do I Día da Literatura Caboverdiana

Neste ano 2023 cumpre 75 anos a primeira grande obra narrativa da literatura de Cabo Verde. Trátase de Chiquinho, unha novela escrita por Baltasar Lopes da Silva. A obra marcou o inicio da literatura caboverdiana, cubrindo temas locais e da cultura crioula. 

Este martes Burela acolleu a celebración do primeiro 'Día da Literatura Caboverdiana'. A partir das dez da mañá comezou na biblioteca do IES Perdouro unha lectura continuada de Chiquinho a cargo de duascentas persoas, entre as que se atopaban os alumnos e alumnas do centro. 
 
Na inauguración participaron unha estudante -Noemy dos Reis Cardoso Borges-, a profesora de Lingua Portuguesa -Vanesa Vila Verde-, o alcalde de Burela -Alfredo Llano- e a Conselleira de Cultura da Embaixada de Cabo Verde, Odete Alves.

Excursión xeolóxica e participación na Olimpíada de Xeoloxía

O pasado mércores 8 de febreiro, un grupo de catro de alumnos/as de 4º ESO e outro de 1º de Bacharelato participamos na XIV Olimpíada de Xeoloxía, celebrada en Quiroga. Ademais, os alumnos/as de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º de Bacharelato tiveron a oportunidade de acudir á viaxe, aínda que sen participar na Olimpíada. 

O alumnado e profesores acompañantes, Fernando e Sol, saímos de Burela sobre as 8:15 da mañá cara a Quiroga. Chegamos sobre as 11 ao Museo Xeolóxico de Quiroga, onde tomamos unha serie de fotografías, para despois dividir os nosos camiños.

I Día da Literatura caboverdiana

O Departamento de Portugués organiza un encontro de lectura comunitaria do romance caboverdiano "Chiquinho" que será celebrado o 14 de marzo na biblioteca da nosa escola.

Non é por acaso que teñamos decidido organizar este encontro de lectura do romance Chiquinho, pois en Burela existe unha comunidade caboverdiana moi importante e consideramos que este tipo de encontros constitúen unha ferramenta necesaria para traballarmos na aproximación á cultura caboverdiana.

É por iso que consideramos moi importante a participación. Somos conscientes de que a participación presencial non é posible en moitos casos, por iso decidimos combinar esa modalidade coa participación online. Así, os participantes que non poidan asistir á lectura de forma presencial poderán ler conectando por videoconferencia ou ben participar enviando um vídeo gravado a:  modeloburela@gmail.com ou pola mensaxería privada do facebook.
 

Charla impartida polo alumnado de 1º de Bacharelato: Sobre saúde, dietas e azucres

O día 17 de xaneiro o alumnado de 3º ESO asistimos a unha actividade organizada polos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato.

A actividade levouse a cabo na biblioteca do instituto. A primeira parte da presentación trataba sobre a dieta saudable e mais as consecuencias que ten a alimentación na saúde.

Unha dieta saudable é aquela na que se consome a cantidade correcta de alimentos na proporción adecuada, obtendo deste modo os nutrientes que o corpo necesita. Ademais, unha alimentación sa reduce o risco de sufrir diabetes, hipertensión e incluso cancro.

De seguido, pasaron a falar dos azucres. A OMS (Organización Mundial da Saúde) recomenda consumir 25 gramos de azucre ao día. Porén, isto é practicamente imposible, polo que se establece como cantidade máxima uns 60 gramos en adultos e 40 gramos nos nenos.

Operación Quilo de recollida de alimentos

O alumnado de 4º ESO de Iniciación á Actividade Empresarial e Emprendedora e de Economía do mesmo curso e de 1º de Bacharelato comezan o 13 de marzo unha campaña de recollida de alimentos para o Banco de Alimentos da Mariña. 
 
Este cartel é da autoría de Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 4º ESO B e estes días veredes outros polo instituto tamén realizados por alumnado das materias citadas anteriormente para recordarvos que é necesaria a vosa colaboración. 

Durante os recreos poderedes entregarlles pasta, legumes, fariña, arroz, azucre, aceite, leite, conservas... A recollida rematará o 14 de abril.  

Cartel 8M do IES Perdouro

Temos cartel Especial 8M!! Grazas a Zoe Arias Lamelas, alumna de 4º ESO, por achegarnos a súa proposta tan axeitada para a ocasión. Lembra: IGUALDADE!

O xogo da zoca: camiñando cara á igualdade

Unha das actividades organizadas en torno ao 8 de marzo, Día da Muller, é este xogo ideado pola profe Carmen Sampedro para que poidamos aprender sobre mulleres salientables ao longo da Historia. Ela mesma, acompañada de alumnado do ciclo de Xestión Administrativa, pasará pola aulas para que poidades xogar e avanzar así cara á igualdade. De aí o lema do xogo: 

Con estas zoquiñas, máis libre camiñas!
 

A viaxe a Canadá do noso compañeiro Alexandre Rivera

O noso compañeiro Alexandre Rivera, do departamento de Inglés, participou no programa PIALE 2022 e viaxou a Ottawa integrándose nun centro educativo canadense, o Cedarview Middle School. 

O seu cometido era observar o sistema educativo canadense para achegar as súas experiencias ao seu alumnado de Burela. 

Estivo traballando co alumnado de 3º ESO PDC, 4º ESO B e 1º de Bacharelato para ensinarlles como funciona un instituto en Canadá e os aspectos máis destacables da súa cultura: o bilingüismo francés-inglés, a multiculturalidade etc. 

Un dato relevante e que chamou a atención do alumnado é que alí comezan as clases co himno nacional e logo agradecen aos aborixes (que eles chaman as primeiras nacións) o territorio no que aprenden, xogan e medran intentando redimirse do pasado colonialista. 

A continuación tedes a presentación que Alexandre empregou co alumnado na que tamén aparecen as actividades que se desenvolveron na aula á súa chegada e nas que traballaron por estacións: un concurso de cultura canadense, a planificación dun día por Ottawa, a xeolocalización das cidades e provincias de Canadá e elaboración de souvenirs. 

Canada difusion by Alexandre Rivera

Premio ao Proxecto con metodoloxía científica concedido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares

Acabamos de saber que o noso proxecto "Construbot_Comeza a partida" de 4º de ESO no curso 21-22 foi recoñecido co Premio aos Proxectos con metodoloxía científica no VIII CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar. Estamos moi ilusionados co premio!!!!

Mobilidades Erasmus+ para realizar o módulo de FCT dos ciclos formativos de grao medio no estranxeiro, entre os meses de abril e xuño de 2023

As mobilidades do programa Erasmus+ constitúen unha oportunidade excepcional para que os/as estudantes disfruten dunha experiencia verdadeiramente transformadora e enriquecedora, tanto a nivel persoal como profesional.

Proxecto Neo

COMEZAMOS A DUODÉCIMA ETAPA
 
Non deixes de escoitar o noso programa semanal radiado por Radio Burela.
Os mércores de 5 a 6 da tarde emitimos en directo.
 
Tamén podes escoitarnos cando e onde queiras na radio á carta de de Proxecto Neo.

Xa somos punto de recollida de material de escritura!

O IES Perdouro xa aparece no mapa como punto de recollida deste tipo de material, grazas á colaboración con TerraCycle, unha empresa innovadora que se encarga da reciclaxe de residuos difíciles de recuperar.

TerraCycle ofrece unha gama de programas aos que institucións e empresas se poden acoller para reciclar distintos tipos de produtos. No caso do material de escritura usado, unha vez recollido, é transportado a un dos seus almacéns. Logo, límpase e recíclase nunha das súas fábricas e transfórmase en produtos de uso diario, por exemplo, cadeiras e bancos para parques.

TerraCycle recicla e superrecicla os residuos en vez de incineralos ou mandalos a vertedoiros. Deste xeito, evítase o sistema lineal para pasar a un sistema circular, permitindo que o residuo siga dentro da cadea económica.

De momento, recóllense estes materiais nas aulas de ESO e Bacharelato, mais proximamente colocarase un colector para que toda a comunidade educativa e mesmo calquera persoa se poida achegar ao centro e depositar o material de escritura desde fóra do recinto.

Con cada envío que pese máis de 20 kg recibiranse puntos canxeables por doazóns. Un punto equivale a 1 céntimo. Cada vez que cheguemos a 1.000 puntos o centro poderá recibir a doazón que lle corresponda. 

Anímate a reciclar e trae o teu material de escritura usado: bolígrafos, rotuladores fluorescentes ou de encerado, portaminas, plumas e cartuchos e correctores líquidos ou de cinta.

Podes buscar máis infomación aquí

 

FP Dual no IES Perdouro: estuda cobrando e remata con un posto de traballo

O IES Perdouro ofréceche a posibilidade de estudar un ciclo formativo:

  • Con seis meses de formación en empresa
  • Cobrando unha remuneración
  • De alta na Seguridade Social
  • Con unha maior probabilidade de obter un contrato de traballo ao finalizar
  • Sen requisitos de idade

Prazo de solicitude do 23 de xuño ao 5 de xullo (ata as 13 horas). Consulta a información sobre admisión en ciclos formativos no portal de FP.

Distribuir contido


by Dr. Radut