Skip to Content

Oferta educativa 23/24

 

 

Admisión FP Básica (26 de xuño - 6 de xullo)

Prazos do proceso de admisión nos Ciclos Formativos de Grao Básico:

  • FP Básica de Servizos Administrativos
  • FP Básica de Fabricación e Montaxe

Poden consultar o calendario na seguinte ligazón: Prazos proceso de admisión - FP Básica

 

Matrícula ESO e Bacharelato: curso 2023-2024

Publicados os calendarios e os formularios de matrícula para ESO e BACHARELATO.

Percorrido pola IIª Feira Tecnocienciarte


O luns 19 e o martes 20 de xuño celebrouse a IIª feira Tecnocienciarte, onde tivo cabida a tecnoloxía, a ciencia, as artes e, por suposto, as linguas. 

O percorrido constaba de 17 postos nos que o alumnado mostraba os resultados do seu traballo durante o curso:  

  1. Bingo da francofonía: 1º Bacharelato
  2. Unha viaxe por Francia: 3º ESO
  3. Ciclo Medio de Instalación de telecomunicacións: froitas musicais, carreiras de leds, instalación eléctrica dunha vivenda etc.
  4. Ciclo Medio de Peiteados e Cosmética Capilar: peiteados pin-up, coloración capilar, creacións de uñas pin-up e peiteados masculinos dos anos 50.
  5. Barco solar e coche solar de Tecnoloxía e Enxeñería de 1º de Bacharelato e App's xeniais con App Inventor de Educación Dixital de 3º ESO.
  6. Rampa de bólas, xogo de operación, estruturas de papel e videoxogos de Scratch de Tecnoloxía de 1º ESO. 
  7. "Océano", escultura en suspensión de Tecnoloxía de 1º ESO. 
  8. Competición de cubos de Rubik
  9. Proxectos de Tecnoloxía de 2º ESO: estruturas con variñas de papel, ábacos etc. 
  10. Trituradora de tapóns e extrusadora de plástico do Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial. 
  11. Maquetas sobre a Prehistoria de 1º ESO
  12. Audioguía multilingüe de Lisboa de Lingua castelá e Xeografía e Historia de 4º ESO B2
  13. Esculturas na contorna de Ed. Plástica de 4º ESO e instrumentos musicais elaborados con plásticos de Música de 3º ESO.
  14. Cristalización do bismuto de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º de Bacharelato.
  15. Mesas de cultivo, composteiros e aproveitamento das augas pluviais de Ciclo Básico de Fabricación e Montaxe. 
  16. Invernadoiro construído cunha estrutura geodésica e obradoiro de fractais de Tecnoloxía e Matemáticas de 4º ESO. 
  17. Recital en hologramas de Tecnoloxías da Información e a Comunciación e Literatura galega do século XX e XXI de 2º de Bacharelato.
A feira estivo moi concorrida xa que foi visitada por todo o alumnado, profesorado e persoal non docente do centro, polo alumando de 6º de Ed. Primaria do CEIP Virxe do Carme e polas familias. 
 
Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

 

Admisión Ciclos Formativos: Réxime ordinario (23 de xuño - 5 de xullo)

Está aberto o prazo para o proceso de admisión nos Ciclos Formativos de réxime ordinario:

  • CM de Instalacións de Telecomunicacións
  • CM de Mecanizado
  • CM de Peiteado e Cosmética Capilar
  • CM de Xestión Administrativa
  • CS de Administración e Finanzas

Poden consultar o calendario na seguinte ligazón: Periódo ordinario de admisión: Réxime ordinario

 

O mural "A mellor escola" do IES Perdouro: un polo creativo na natureza

Durante os últimos días do curso 2022-23 o alumnado de Ed. Plástica de 4º ESO, o seu profesor Jose Díaz Moscoso e o deseñador Pepe Blanco estivo elaborando un precioso mural, moi  representativo da escola que queremos facer e moi significativo para toda a comunidade do IES Perdouro. 

A mensaxe que trasmite esta gran traballo está reflectida neste vídeo. Esperamos que vos guste. 

Presentación da revista Maruxía 29 e entrega de premios da A. C. Os Matos

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 29 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

 Hoxe, 21 de xuño, estamos de triple celebración: celebramos o día da música, a nosa festa anual das letras: a presentación da revista escolar Maruxía e o final de curso. Aroa e Noel, alumnos de 4º ESO TIC, conduciron o acto e encargáronse de explicar como tiveron que traballar en equipo para poder sacar adiante unha nova edición da revista. Nela recóllense unha mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro así como os premios do XVI Concurso de relato curto e poesía e do XIVConcurso de imaxe convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos".

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos e Natalia Irimia, coordinadora do EDLG. 
 
Felicitamos ás gañadoras do concurso de portada de Maruxía: Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 4º de ESO (portada) e Ana Lestao Ben de 3º ESO (contraportada)
 
Tamén fixemos entrega dos diplomas aos gañadores do concurso de cubos de Rubik realizado durante a segunda edición da feria TecnoCienciArte.

Accede á completa reportaxe fotográfica realizada por Lucía Rivas, a nosa fotógrafa oficial de Proxecto Neo, AQUÍ.

 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Premio Aulas Limpas

Rematamos o curso co premio de Aulas Limpas para os mellores grupos de maio-xuño e para o máis constante durante todo o curso. 

Parabéns para o alumnado de 4º ESO A e 4º ESO B2, que foron os mellores grupos no mes de maio e xuño.

E moitos parabéns para os máis constantes á hora de manter limpa e ordenada a súa aula: o grupo de 3º PDC, que foi o mellor, e 2º ESO A, que tamén destacou pola limpeza e soubo conservar a orde na clase. O premio para as aulas magníficas é unha viaxe a Cerceda o próximo luns 26 de xuño.

Agardamos continuar o próximo curso e que cada ano o fagades mellor!

 

Admisión Ciclos Formativos: FP DUAL (23 de xuño - 5 de xullo)

Está aberto o prazo do proceso de admisión para a FP DUAL:

  • Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial.

Pode consultarse o calendario na seguinte ligazón: Período ordinario de admisión: FP Dual

 

IIª edición de Tecnocienciarte

O luns 19 e o martes 20 de xuño celebramos a segunda edición de Tecnocienciarte, a feira de tecnoloxía, ciencia e artes, na que están incluídas por suposto as linguas, como vehículo de comunicación e como materia prima das artes. 

Durante estes dous días o alumnado do IES Perdouro, as familias e o alumnado do CEIP  Virxe do Carme poden visitar 17 postos nos que se mostrarán traballos, proxectos, experimentos... de Lingua francesa, Electrónica, Tecnoloxía, Mecatrónica, Xeografía e Historia, Lingua castelá, Plástica, Música, Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, Tecnoloxías da Información e a Comunicación, Lingua galega etc. 

Fixádevos ben para saber cando vos toca visitala e tamén cando vos tedes que dirixir á biblioteca para asistir ao recital. 

 

 

 

 

Peiteadores en galego: análise capilar

Dentro dun proxecto de innovación en normalización lingüística, o departamento de Imaxe persoal elaborou uns vídeos co seu alumnado para explicar en galego, neste caso, as principais alteracións capilares. 

 

 

Proxecto de innovación do CM de PCC: Peiteadores en galego

O departamento de Imaxe Persoal, dentro dun proxecto de innovación e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, elaborou vídeos nos que explica algún dos protocolos que se insiren no currículo do CM de Peiteado e Cosmética Capilar. 

Estes son os vídeos que elaboraron para explicar en galego como se realiza un corte compacto, unha masaxe de mans e a hixiene e acondicionamento do cabelo:

Recital en hologramas: poesía galega do século XX e XXI

Para a semana das Letras galegas, desde as optativas de Literatura galega do século XX á actualidade e TIC de 2º de Bacharelato, preparamos un recital en hologramas. 

O alumnado elaborou unha escolma de poemas que lle gustaban especialmente ou que son emblemáticos dentro da literatura galega desta época. 

Polo momento, podedes ver as imaxe AQUÍ.

Durante a feira das ciencias e das artes do centro, agardamos realizar unha gravación do recital para que o poidades ver en vídeo. 

 

 

Entrevista a Care Santos

“Paréceme moi necesario falar da situación na que se atopan os delincuentes menores de idade”  

Para a escritora Care Santos (Mataró, 1970) poñerlle o punto final a unha novela é unha sensación “marabillosa”, que imaxina como “algo semellante a coroar unha cima”. Autora de máis dunha ducia de novelas e de numerosas obras xuvenís, os seus libros están traducidos a vinte e tres idiomas, entre eles, o galego. Precisamente, a través dunha edición na lingua de noso foi como o alumnado de 4º da ESO do Perdouro se achegou este curso á novela Mentira, a primeira dunha saga que coroou a Care Santos como unha das autoras máis lidas actualmente.  

A trama de Mentira, que trata sobre a delincuencia xuvenil, e o quefacer literario da escritora catalá centraron o coloquio que se celebrou o pasado día 29 do mes das Letras Galegas na Casa da Cultura de Burela, coa participación de estudantado de varios institutos lucenses. 

Como mostra do que deu de si o encontro, a seguinte entrevista inclúe algunhas das preguntas que lle formularon a Care Santos as alumnas e os alumnos do Perdouro, nas voces de Laura Alonso Fernández, Aroa López Casas, María Fuente Álvarez e Iria González Díaz. 

- As accións escritas no libro Mentira, segundo comentaches, están baseadas en feitos reais. Tamén o está o momento no que matan a Marta Villanueva cunha pa? 

- Si, o asasinato desta personaxe tamén está baseado nun feito real. En concreto, no caso de Sandra Palo. A esta muller matárona igual que a Marta no libro. Un grupo de menores quitoulle a vida cunhas pas e despois enterrárona. O dato relevante que marcou este caso real foi que a rapaza tiña síndrome de Down.

AFAN é fogar de moitos usuarios que tamén teñen no IES Perdouro a súa casa

O alumnado e profesorado do departamento de Imaxe Persoal do IES Perdouro recibiu a visita dos usuarios de AFAN (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas) de Burela co propósito de coñecelos e axudarlles na mellora e asesoramento da imaxe.
 
Resultou ser unha actividade enriquecedora para o noso alumnado debido a que puideron coñecer aspectos teóricos sobre a demencia e poñer en marcha non só os procedementos prácticos do currículo de peiteado e cosmética capilar senón tamén o emprego dos elementos transversais que atenden ao respecto, valores e coidados para a cidadanía, en especial e neste caso concreto, ante usuarios que teñen certas dificultades cognitivas e motoras, onde o profesional de peiteado xoga un papel fundamental para fortalecer e reforzar necesidades de autocoidado en relación coa hixiene capilar, peiteado en xeral e coidado das mans, tratando á súa vez de visibilizar e non estigmatizar a estas persoas. 
 
Queremos dar as grazas como departamento a todos aqueles que fixeron posible esta colaboración, en especial ás persoas que dirixen esta fundación e a quen traballa nela e que nos propuxeron a actividade. Tamén queremos mostrar o noso agradecemento aos usuarios de AFAN, ás familias e coidadores e ao noso alumnado e profesorado do ciclo medio de peiteado e cosmética capilar. 
 
Ata a vindeira visita, amigos! 
 
Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.
Distribuir contido


by Dr. Radut