Dez anos festexando as palabras

X Festa das Palabras. 22-23

Seguimos a facer camiño, e xa van 10 anos, coa Festa das Palabras que organiza DinamizaEstrada, o colectivo que agrupa os Equipos de Normalización Lingüística dos centros escolares do noso concello. 

Seguimos a tecer unha rede de complicidades e afectos arredor da lingua galega a través da pulsión literaria que atravesa os microrrelatos e micropoemas dos 62 rapaces e rapazas galardoados e mais as 14 ilustracións dos meniños e meniñas de infantil. 

Seguimos a vernos no espello de Charo Golmar, madriña do evento, e de Rosa de Cabanas, que ilustrou a festa cun fermoso deseño que tomou corpo no cartaz, os marcapáxinas e mais no libro que recolle os textos e debuxos premiados. 

Porque "camiño" e "espello" foron as palabras prestadas por don Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, o home que nunca se rendeu, que serviron de inspiración para estes mozos e mozas, especialmente, no caso do noso centro, para Martín Seoane Duro, Helena Castaño Pazos, Noa Cabaleiro Ribadulla e Sara Espiño Vaamonde, escollidos entre os máis de 200 textos presentados a concurso. Moitos parabéns!

Tamén cómpre recoñecer o bo facer de Iria Cancela Fontao e Pablo García Villamor, mantedores excepcionais dun acto cuxa organización recaeu este ano no noso centro. Noraboa, pois, á profesora Mónica Mato Bustelo e aos coordinadores/as de normalización lingüística de DinamizaEstrada, por unha gala ben organizada e elegante, engalanada coa música do Proxecto Valladares, formado polo ex-alumno Rubén Servide (flauta e saxo), Cibrán Seixo (violín) e Pablo Bernárdez (guitarra e voz), que estudan e difunden a música dos irmáns Marcial e Avelina Valladares. 

Agradecemento tamén para Quique polas fotografías que ilustran esta entrada.

Crónica do evento n'A Galería de Radio Estrada (min. 83) e en La Voz de Galicia e Faro de Vigo