INFORMACIÓN FAMILIAS

PREMATRÍCULA ESO-BAC
CURSO: 2011-12


Estimadas familias:
Como todos os anos, durante este mes de maio organizamos as actividades de orientación dos nosos alumnos e alumnas que cursan 1º, 2º, 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Nestas actividades participa o alumnado, o profesorado e as persoas titoras, o Departamento de Orientación e o equipo directivo.
Porén, no actual curso pretendemos facer un esforzo de información académica, a fin de que o alumnado, cando teña que escoller entre as materias ou opcións existentes, conte con información suficiente para garantir unha decisión o máis consciente e fundamentada posible. Neste sentido, o centro adoptou as seguintes medidas:
1. Establecer un período de prematrícula desde o día 30 de maio ao 3 de xuño. Durante estes días os alumnos e as alumnas que queiran seguir estudos de ESO e Bacharelato neste centro deberán cumprimentar os impresos correspondentes, que se poderán conseguir a través das persoas titoras ou imprimir desde a web do centro, http://www.edu.xunta.gal/centros/iesmontedavila, (PREMATRÍCULA ESO-BAC). Esta prematrícula considerarase vinculante para o alumnado que promova ao curso seguinte en xuño ou en setembro.
O alumnado que teña que repetir realizará unha nova elección no prazo de matrícula establecido no mes de setembro.
Para cursar outros estudos, Ciclo Formativo de Equipos Electrónicos ou Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), abriranse os respectivos períodos de admisión e matrícula, que se anunciarán debidamente.
2. Realizar un proceso informativo entre o 27 de abril e 27 de maio, que inclúa información sobre como realizar esta prematrícula (INDICACIÓNS, NORMAS E IMPRESOS), e tamén acceso a informacións sobre as distintas materias elaboradas polos propios departamentos didácticos, que se poderán consultar na mesma web. 
3. Implicar ao alumnado, profesorado, persoas titoras e Departamento de Orientación neste proceso, a fin de crear un ambiente propicio que permita unha doada comunicación e que  facilite o acceso á información, á presentación de consultas e á resolución de dúbidas.
4. Promover a participación informada das familias nestas decisións que son de gran transcendencia para os seus fillos e fillas.

Sen outro particular, saúdaos cordialmente
O director do IES Monte da Vila