Skip to Content
 

Normalización lingüística

Música galega: Verto

 Programa de radio realizado polas alumnas de 1º de bacharelato Paula Fariña e Andrea Rodríguez.

No control de son estivo o alumno de 1º ESO C Santiago Camas. 


 

Radio Monelos: programa musical sobre o grupo "Tanxugueiras"

Presentación dun novo programa de Radio Monelos esta vez sobre un grupo tradicional galego que está de moita actualidade: Tanxugueiras. A locución estivo a cargo das alumnas de 1º ESO C Catalina e Sabela; no control de son estivo Santiago tamén do mesmo grupo.


Radio Monelos: programa musical sobre o grupo galego "A banda da loba"

 Programa emitido por Radio Monelos sobre o grupo "A banda da loba". Como locutoras estiveron as alumnas de 1º ESO C Catalina e Sabela. No control de son Samuel Fernández (4º ESO C). Actividade realizada polo EDLG do IES Monelos.


 

2 de febreiro: día da Candeloria do IES Monelos

 A candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución. Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra), no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estourido de vida que está a chegar. 

Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na mitoloxía celta, chamábanlle Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. A candeloria tamén podería estar relacionada coa festa romana das Lupercais, na que, alén de venerar o deus da fertilidade e a sexualidade masculina, Pan, facíase unha procesión onde os participantes zorregaban a xente cunhas tiras de coiro, co obxecto de “purificala”. O catolicismo procurou rematar coa festa –como fixo con moitas outras celebracións pagás–; para iso, o papa Xelasio transformouna na festividade relixiosa da “purificación” da Virxe María e mais a presentación de Xesús no templo; co paso do tempo, fíxose costume nas parroquias bendicir as candeas que se empregarían logo en caso de tronada ou nos velorios para alumear o defunto no camiño ao máis alá. 
 
A voda dos paxariños 
 
A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación! 
 
O mércores 2 febreiro o EDLG do IES Monelos pretende celebrar este día. Para iso pensamos en que podiades enviar unha mensaxe por escrito nunha carta de afecto a un d@s compañeir@s de clase ou do centro que teñades en estima, amistade... 
Na semana do 25 de xaneiro ao 1 de febreiro podedes entregar a carta (escrita en galego) a un membro do Equipo de Dinamización que se encargará de depositala na caixa de correo ao longo desta semana. No sobre poñeredes o nome e apelidos do destinatario e o curso. 
 
O mércores 2 de febreiro entregaráselle a carta ao destinatario.

Concurso día da Paz (30 de xaneiro) 1º ESO

Bases do concurso

 1. O concurso está organizado pola materia de Educación Plástica de 1º de ESO coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro.  

2. O obxectivo do concurso sensibilizar ao alumnado nos valores da xustiza e da paz, implicándoos na resolución de conflitos de forma pacífica, partindo da súa realidade cotián e dos problemas de convivencia que existen no orde mundial. 

 3. No concurso participará todo o alumnado de 1º de ESO. O traballo terá carácter obrigatorio dentro da área de Educación Plástica e Visual.  

4. A proba consistirá na elaboración dun cartel relacionado co tema do día da paz e da non violencia.  

5. Os carteis quedarán expostos nos corredores do instituto durante o mes de febreiro de 2022.  

6. O xurado estará formado por un representante dos departamentos de filosofía, lingua galega, educación plástica e visual; o representante do equipo de dinamización da lingua galega e vicedirección.   

7. Tamén haberá un xurado popular formado por todo o alumnado do centro.  8. A entrega dos carteis realizarase antes do venres 28 de xaneiro. 

8. O martes 1 de febreiro o xurado reunirase no 1º recreo para deliberar e outorgar os premios aos carteis gañadores.  

9. O xurado popular votará ao longo de toda a semana (do luns 31 de xaneiro ao 4 de febreiro) polo cartel que considere mellor.  

10. Haberá un gañador e un segundo clasificado que terán premio. Por outro lado o xurado popular (alumnado) concederá un único premio ao máis votado. Os premios consistirán: • O primeiro premio dun vale de 30 € • O segundo premio dun vale de 20 € • Un agasallo por parte do xurado popular.

Novembro da ciencia en galego. Resultados do concurso de vídeos

 Gañadoras do concurso:

1º Premio: María Vázquez Fuentes (3º ESO A)


 2º Premio: Iria Hidalgo Novoa (4º ESO A)


 

Actuación de Zënzar no IES Monelos

Varios compoñentes do grupo "Zënzar" actuaron para alumnado de 3º de ESO o martes 2 de novembro de 2021. Actividade organizada coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do concello da Coruña.
 

Concurso de vídeos: "Día da ciencia en Galego"

Poderá participar todo o alumnado de 3º e 4º da ESO

 

 

Bases do concurso:

 1. O concurso está organizado polo departamento de física e química do IES Monelos coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro. 

2. O obxectivo do concurso sensibilizar ao alumnado na inquedanza investigadora no ámbito das ciencias. Expecialmente na física e química. 

3. No concurso poderá participar o alumnado de 3º e 4º de ESO. O experimento terá carácter voluntario. 

4. A proba consistirá na elaboración dun vídeo caseiro sobre un ensaio relacionado coa materia de física e química. A exposición descriptiva terá que realizarse en lingua galega. 

5. O xurado estará formado por un representante do departamento de física e química, educación plástica e visual e o representante do equipo de dinamización da lingua galega. 

6. A entrega dos carteis realizarase antes do martes 30 de novembro. 

7. O martes 14 de decembro o xurado reunirase no 1º recreo para deliberar e outorgar os premios aos videos gañadores. 

8. Haberá un gañador e un segundo clasificado que terán premio. Os premios consistirán: • O primeiro premio dun vale de 30 € • O segundo premio dun vale de 20 € • 

9. A participación no consurso supón a aceptación destas bases.

Distribuir contido


by Dr. Radut