Extraescolares e complementarias

Teatro en inglés

Como cada ano, e formando parte da programación do seminario de inglés, o alumnado de 3º e 4º da ESO asistíu no Auditorio a unha representación de teatro en inglés "Z Factor". Deste xeito achegáronse ao idioma estranxeiro dunha forma amena e cultural á vez. Segundo eles foi unha obra moi divertida e de fácil comprensión e así o demostraron coas súa gargalladas. 

Esta actividade tivo lugar o 3 de febreiro de 2010. 

Intercambio Schio

Do 3 ao 10 de marzo recibimos no centro aos alumnos do Liceo "Giacomo Zanella" cos que compartiramos unhas xornadas inesquecibles no mes de febreiro en Italia. Ademais da visita ao centro durante varios días nos que participaron en diversas aulas e noutro tipo de actividades , tiveron a oportuninade de coñecer a Casa do Concello, o mercado do venres e facer un pequeno periplo pola lonxa de Bueu así como subir ao Monte do Facho e contemplar as maravillosas vistas desde este enclave. Tiveron tamén o sábado 6 de marzo un achegamento á cidade de Vigo en barco: o seu porto pesqueiro, casco vello, o Castro e un percorrido polas principais rúas comerciais.

O luns seguinte, acompañados polas profesoras do centro Isabel Calles e Mª. Xesús Moreira, visitaron Santiago de Compostela, facendo un recorrido polo patrimonio històrico da súa Universidade. De volta parada obrigada na capital da provincia, Pontevedra, para contemplar o seu casco histórico. Aproveitando a súa partida desde Porto fixeron unha visita a esta fermosa cidade acompañados polos profesores Ismael Vide e Pedro Pablo Riobó xunto co outro grupo de estudantes e profesores que estaban de intercambio no IES Francisco Sánchez de Tui.

Fugit irreparabile tempus. O tempo pasou voando. Mágoa! 

Saída didáctica Ás Pontes e Ao Ferrol

Alumnos/as de  2º B, C, D de bacharelato realizaron unha actividade, o pasado 3 de febreiro, programada polos Departamentos de Tecnoloxía e CC. Sociais, baixo a tutela dos profesores Sela Ares e Ismael Vide. Pretendíase entre outros os seguintes obxectivos: coñecer o funcionamento técnico dunha central térmica tradicional, analizar os efectos do seu funcionamento sobre o medio ambiente, explicar aspectos do sector enerxético na economía de Galicia e España, experimentar sobre as distintas partes da estrutura urbana de Ferrol, diferenciar as formas de organizar o plano urbano, comprobar a evolución histórica do fenómeno urbano.

O alumnos/as traballaron sobre dúas unidades didácticas baseadas respectivamente sobre a central térmica e o percorrido urbano de Ferrol. Esta positiva experiencia está enmarcada na programación didáctica dos respectivos departamentos e para a súa avaliación global. 

Visita a Santiago

O pasado día 3 de febreiro o alumnado de 2º da ESO realizou unha visita a Santiago de carácter interdisciplinar, programada polos Departamentos de Tecnoloxía e CC. Sociais. En primeiro lugar achegáronse os alumnos/as ata "Galicia Dixital" e "o Museo do Azibeche". Posteriormente traballaron unha ficha didáctica no interior da contorna da catedral para analizar a construción medieval e o urbanismo barroco. O alumnado e o profesorado calificaron de moi positivo o desprazamento.

Exposición literatura infantil

Esta exposición de libros de literatura infantil, que se mantivo durante mes de decembro, constitúe un primeiro chanzo dun proxecto de visibilización do libro galego, ao longo de todo o curso. Neste caso o interese é dobre, dada a calidade da ilustración e edición, recoñecida internacionalmente, do libro infantil galego, moi especialmente para o alumnado do bacharelato artístico.

Translatio

O alumnado de 3º  da ESO que tomou parte no programa Translatio tivo ocasión de pasar catro días, do 25 ao 28 de xaneiro, carregados de actividades con centro no canpamento da Praia das Sinas de Vilanova de Arousa, compartindo comedor, aseos e dormitorio co alumnado do IES Isaac Díaz Pardo de Sada. Navegaron no pesqueiro "Chasula" pola ría de Arousa entre bateas e marisqueo á vara, percorreron a Illa a pé e Cambados en bici, competiron nos xogos xacobeos e conquistaron Pontecesures á bordo dun drakar viquingo, desafiando ao xélido vento que sopraba do nordés. Podes seguir tamén parte do seu periplo na información aparecida no Faro de Vigo.

Os mundos de Carlos Casares

Cedida pola Fundación Carlos Casares tivemos entre nós, do 11 ao 18 de xaneiro, a exposición Os mundo de Casares, na que se ilustran aspectos da súa vida, obra e actividade pública. Os mundos de Casares é unha fiestra pola que asomamos ao home, ao escritor, ao editor, ao político e ao académico que, durante case unha década, foi profesor do Instituto de Bacharelato de Cangas e veciño desta vila.

Visita do bacharelato de Artes de Burela

O pasado 14 de xaneiro recibimos a visita de alumnado e profesorado do bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela. A finalidade da visita era coñecer as nosas instalacións, intercambiar experiencias e, sobre todo, poñer en marcha unha posible celebración conmemorativa do 10º aniversario do Bacharelato de Artes en Galicia cun proxecto conxunto dos 13 centros galegos nos que se imparte esta modalidade.

A visita foi calificada de positiva por ambas partes, agardando incrementar os contactos no futuro. 

Terceiro concurso de microrrelatos

O luns 21 de decembro fíxose entrega, nun acto no que participou todo o alumnado do centro, dos premios do 3º Concurso de Microrrelatos. Podedes consultar os autores e os textos gañadores no seguinte enlace.

 

 

Xornada deportiva

O 21 de decembro celebrouse unha xornada deportiva coa participación dos alumnos/as da ESO do IES María Soliño e do IES Montecarrasco. A competición en diversas modalidades deportivas (baloncesto, voleibol, futbol sala) tiña por escenario o pavillón do noso centro, mais por mor da situación climatolóxica houbo que trasladarse ao pavillón do centro veciño.

Distribuir contido