Enviado por iesproval o Dom, 2023-03-12 11:50
O noso alumnado de bacharelato tivo a oportunidade de coñecer estes días a cidade de Roma, na compañía das profesoras Isabel Álvarez Baños e Emma Barbosa. Entre os monumentos máis destacados que visitaron desta magna cidade-museo, non podían faltar os foros, o Coliseo ou os Museos Vaticanos e a Capela Sixtina.

Ademais, aproveitaron para reunirse co noso aprezado exalumno Jairo Rouco Maciel, un dos poucos estudantes en conseguir unha bolsa de estudos na academia Viviarium Novum, e compartir a súa experiencia única de inmersión total en latín. Sen dúbida unha experiencia única da que estamos seguros Jairo saberá tirar o maior proveito de cara á súa formación profesional e persoal. Boa sorte, Jairo, botamos de menos o teu sorriso eterno pero goza desta merecida experiencia!
Por suposto, antes de abanadonar a cidade, non faltou a visita obrigada á Fontana di Trevi co tradicional lanzamento de moedas ás costas; non se pode perder a oportunidade de volver visitar a Cidade Eterna que tanto tesouro agocha!
Enviado por iesproval o Dom, 2023-03-12 11:11
Como cada 23 de febreiro, festexamos, e gozamos, do Día de Rosalía, con múltiples actos de homenaxe, tanto dentro como fóra do centro. O departamento de galego, así como os equipos de Dinamización da Lingua Galega ou da Biblioteca traballaron arreo para visibilizar a súa figura e a súa obra por todos os recunchos do centro, involucrando a toda a comunidade educativa na lembranza e recoñecemento da nosa poeta máis universal. Murais, recitados, charlas, obradoiros de manualidades desenvolvéronse ao longo de toda a semana de celebración do aniversario de Rosalía de Castro.
E este ano, ademais, recuperamos un evento ben fermoso de homenaxe poético-musical, en colaboración co IES Val Miñor, celebrado o pasado 3 de marzo no Auditorio de Nigrán, no que participaron, alén do alumnado de ambos os centros, as corais Ecos do Castelo de Parada e Novos Aires de Nigrán e o Teatro do Ar. Grazas a Pilar, a Marisa e ao concello de Nigrán. Para o ano repetiremos!
  
Enviado por iesproval o Mér, 2023-03-01 12:09
Poden consultar as prazas prazas ofertadas e vacantes para o próximo curso na ESO e BACHARELATO na seguinte ligazón.
Prazas vacantes 2023-24:
- 1º ESO (24+6 NEAE)
- 2º ESO (11)
- 3º ESO (19)
- 4º ESO (13)
- 1º BAC Ciencias e Tecnoloxía (12)
- 1º BAC Humanidades e Ciencias Sociais (5)
- 2º BAC Ciencias e Tecnoloxía (12)
- 2º BAC Humanidades e Ciencias Sociais (18)
Enviado por iesproval o Lun, 2023-02-20 10:22
O alumnado e/ou as súas familias que desexen obter unha praza de ESO ou BACHARELATO para o vindeiro curso 2023-24 nun centro distinto no que está matriculado neste curso, poderán presentar unha única solicitude de ADMISIÓN de dous xeitos:
-
Presencialmente na secretaría do centro (horario 9:00-13:30 h)
-
Por vía electrónica: Formulario ED550B dispoñible na aplicación admisiónalumnado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
PRAZOS:
- Solicitude: do 1 de marzo ao 20 de marzo (para o alumnado que queira cambiar de centro ou que procede dun centro diferente aos centros adscritos: CEIP Carlos Casares/CEIP Mallón).
- Publiciación das listaxes: provisionais (antes do 25 de abril) e as definitivas (antes do 15 de maio).
- O alumnado que xa está matriculado no noso centro este curso non precisa solicitar reserva de praza.
DOCUMENTACIÓN:
- Documento informativo para formalizar a reserva (lexislación, prazos e instrucións)
- Solicitude no Anexo II (solicitude de centro) e AnexoII-bis (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar e consentimento da outra persoa proxenitora, titora ou acolledora)
- Resumo das instrucións
Enviado por iesproval o Mar, 2023-02-14 10:53

Premede nas seguintes ligazóns para visualizardes o calendario de exames da 2ª avaliación dos segundos ciclos -medios e superiores- de Administración e Electrónica.
Calendario de ADMINISTRACIÓN
Calendario de ELECTRÓNICA
Enviado por iesproval o Ven, 2023-02-03 13:30
 |
“Esta semana que entra/temos festa divertida/pero cunha condición:/has facer o que eu che diga” Como marca a tradición, a semana que vén volven dous clásicos: o concurso de carteis basedo no entroido traicional galego e as leis do Meco… Como somos moi guiadiños, arrancamos cunha perruca, do máis rechamante; continuamos cun colar, a ser posible feito a man; seguimos con vistosas flores na cabeza; para aliviarmos o cansazo da semana, sairemos co pixama directamente da cama; e, finalmente, celebraremos a festa de Entroido!
Este ano participaremos no desfile que organiza o concello de Gondomar, o venres 17 de febreiro, xunto cos outros centros da zona, e remataremos as celebracións xa no noso instituto. Animádevos a participar porque, alén do concurso de carteis, haberá concurso de disfraces en dúas modalidades -individual e grupal- e en dúas categorías: a) 1º ESO/2º ESO (+PMAR)/3º ESO (+PDC) e FPB1; b) resto do alumnado. Daremos tres premios por categoría, que se entregarán en vales para a cafetería. Como sempre, valorarase a orixinalidade e elaboración propia do disfrace, a posta en escena, así como a implicación e cooperación do grupo-clase! Troula, escarnio e diversión a esgalla, non a perdades!
|
Enviado por iesproval o Lun, 2023-01-30 20:00
 |
O 2 de febreiro é o verdadeiro día do amor: a Candeloria
Escribíronme unha carta
nas alas dun paxariño,
quen che me dera saber
quen me ten tanto cariño.
|
 |
- Na cultura popular galega a tradición simboliza neste día a festa do amor e do apareamento de todo o reino animal, terminan as xaneiras dos gatos e disque os paxariños casan. Tradicionalmente, os mozos, neste día, deixaban unha notiña de amor na porta da súa namorada e as mozas bordaban un paniño con coplas que lle ofrecían ao seu amor. Esta tradición consérvase no norte de Portugal nos “lenços dos namorados”.

Non te quixen nin te quero
nin teño tal intención,
que outros paxariños voan
dentro do meu corazón.
Na Candeloria tamén se lle dá a benvida á primavera:
- Día da Candeloria, inverno fóra. Se chove ou venta, aínda entra.
- Que a Candeloria chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar.
|
- Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o departamento de Galego recuperamos tradicións ben lindas, coma a Candeloria, e seguimos gozando delas, creando coplas de amor e celebrando a alegría da primavera que se achega.Non te esquezas de meter a túa copla na caixa que estará no primeiro andar desde o 2 deica o 10 de febreiro. Escribe cantas mensaxes de amor queiras, en catro versos seguindo o modelo das nosas coplas populares. Xa sabedes que podedes acompañalas de debuxos, como nos lenços. Animádevos a depositar as vosas mensaxes -indicando pola parte de atrás o voso nome e curso- na caixa do amor situada no primeiro andar antes do 10 de febreiro!
- Haberá premios de 15, 10 e 5€ en cada categoría: a) 1º/2º/3º ESO (PMAR+PDC) e 1º FPB e b) 4º ESO, 2º FPB, BAC, ESA, ciclos.
- Cantidade e calidade este ano foi a colleita de coplas de amor que recibimos polo Día da Candeloria. Velaquí a listaxe de alumnado premiado:
Na categoría A outorgáronse dous 1º PREMIOS para ENOLA FERNÁNDEZ PENELA e ADRIANA GRANDAL ALONSO; dous 2º PREMIOS para PABLO RODRÍGUEZ ALAMEDA e RHAYLLA PEREIRA SILVA; e sete 3º PREMIOS para MARCO CONDE FRANCISCO, SIMÓN PORTO COVELO, LARA CARNEIRO CONDE, JAVIER RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, BRAIS RODRÍGUEZ FIGUEROA, LARA LONGRES COMESAÑA e JULIA SENRA FERNÁNDEZ. Na categoría B dúas foron as gañadoras: 1º PREMIO para ISIS ACEA e 2º PREMIO para CARLA SALGUEIRO DIEGO.
Parabéns pola vosa creatividade e grazas a todo o alumnado participante na nosa tradicional voda dos paxariños! Agardámovos o febreiro que vén!
Enviado por iesproval o Dom, 2023-01-15 10:13
  Achégase o Día de Castelao, o 30 de xaneiro, coincidindo co Día da Ilustración e Día da Paz, e con el, o departamento de Galego e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega volven convocar un novo concurso de deseño inspirado na obra do escritor rianxeiro.
- CATEGORÍAS: a) 1º/2º/3º ESO/PMAR/PDC/FPB1 e b) 4º ESO/FPB2/BAC/CICLOS/ESA
- MODALIDADES: a) ilustración, baseada nos contos “Manter un animal para comelo non está ben”/”Un burro non bulía nin chisco” e b) banda deseñada, a partir dos relatos “O pai de Migueliño”/”Un rúa nun porto lonxano”. Para accederdes aos contos podedes premer nas ligazóns: para a ilustración e para a banda deseñada.
- PREMIOS: a) ilustración: 1º premio: 30€; 2º premio: 20 €; 3º premio: 10€ e b) banda deseñada: 1º premio: 50€; 2º premio: 25 €; 3º premio: 15€. Os premios entregaranse en vales para a cafeteria ou librarías.
- DEBUXOS GAÑADORES: a) En ilustración, os debuxos premiados son: na categoría A, Rhaylla Cristina Pereira Silva (2ºESO) e Sabela Fernández Peixoto (1ºESO) e, na categoría B, o vistoso deseño de Pedro Pérez Guisande (4ºESO); b) En banda deseñada, os cómics gañadores son: na categoría A, Isis Acea (3ºESO) e Sabela Fernández Peixoto (1ºESO) e, na categoría B, o cómic grupal de Xoán Morillas Fernández, Tania Pereira Montoya e Leticia Estévez Camesella (4ªESO).
Parabéns ás e aos premiados e moitas grazas, desde o @edlgescolasproval e o departamento de galego, a todxs xs participantes! Poñede os lapis de remollo para o ano que vén!
Enviado por iesproval o Lun, 2023-01-09 19:47
Publicada a Orde do 5 de decembro de 2022 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional para a convocatoria do ano 2023 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).
Prazos de inscrición:
- Probas de acceso a ciclos de grao medio: entre os días 27 de febreiro e 10 de marzo de 2023, ambos os dous incluídos.
- Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior: entre os días 23 de xaneiro e 3 de febreiro de 2023, ambos os dous incluídos.
Máis información:
|