ENTROIDO 2013

O 8 de febreiro celebramos a  nosa tradicional festa de Entroido. A saber: concurso de disfraces, queima do espantallo (na foto) e concurso e degustación de doces. Álvaro (1º da ESO) foi o gran triunfador na festa de disfraces. Chegado ao instituto no mes de setembro, estivo dominador sobre o escenario e fíxose co público nada máis aparecer sobre el. O doce gañador correspondeu a Lucía Pérez (2º da ESO), que estaba tan bo como aparece na foto da nosa galería. O nivel do resto de doces participantes estaba á altura dos mellores anos, e podían ter sido varios os gañadores.

Grazas a todos os disfrazados e reposteiros por  alegrarnos o día desta maneira. Se queres ver as fotos da galería, PREME AQUÍ ou sobre a imaxe do espantallo. E se prefires ver un resumo do vídeo en YOUTUBE, PREME AQUÍ.

BO NADAL E VENTUROSO 2013

Cos mellores desexos para toda a comunidade educativa do noso centro. PREME AQUÍ para ver as fotos da tradicional chocolatada coa que damos a benvida ao Nadal.

PEDAGOXÍA MUSICAL CONTRA O SEXISMO

Dous actores do grupo de teatro Chévere, Patricia Lorenzo e Manuel Cebrián, interpretaron no noso centro unha obra musical para reflexionar e analizar, polo miúdo, o sexismo e as ideas preconcebidas sobre os roles de xénero que conteñen e transmiten moitas das cancións máis representativas da música comercial actual, e que contribúen a perpetuar este fenómeno. Representando a dous personaxes, Yeni e Dami, cantante e guitarrista dunha orquestra de pachanga, estes actores fixéronnos reflexionar sobre unha cuestión tan importante utilizando pezas musicais que todos temos tarareado ou bailado algunha vez. Todo rematou cunha interesante reflexión colectiva entre actores, alumnado e profesores. Se queres ver unha das interpretacións que fixeron, preme aquí ou sobre a foto.

TRABALLOS PRESENTADOS POLO ALUMNADO DO CENTRO SOBRE O SAMAÍN.

Se premes neste números: 1, 2, 3, 4, 5, 6  , poderás ver ver as distintas presentacións que desenvolveron os alumnos/as de 1º de BAC do noso insti para amosárnolas a tod@s durante a celebración do Samaín, e que foron coordinadas polo profesor de lingua galega deste curso. Parabéns para os grupos que foron creando cada unha das presentacións, xa que os traballos son creativos e de calidade. Lamentamos ter perdido o son dos traballos orixinais ao transformar as presentacións en vídeos.

SAMAÍN E MAGOSTO NO IES DE BECERREÁ

Este 31 de outubro, foi un día intenso de celebracións aquí no insti. Samaín pola mañá e magosto pola tarde. Para a primeira celebración, proxección dos traballos realizados polos últimos cursos da ESO e 1º de BAC, coordinados polo departamento de Lingua Galega. O alumnado de 1º e 2º da ESO, encargouse de elaborar unha moi variada colección de cabazas e outros obxectos decorativos para ambientar o centro (coordinados polo EDNL). E xa pola tarde, a tradición do magosto, un bo momento para a convivencia e o divertimento entre tod@s. Neste caso, dar as grazas ao alumnado de 4º da ESO pola organización desta festa, así como a todos os que colaboraron no éxito da xornada. Para ver as fotos, preme aquí ou sobre a fotografía superior.

CLAUSURA MUSICAL DO CURSO 2011-12.

Despois de moitos exames e moitas experiencias, chegou outro fin de curso. Para despedilo, alumnos de 2º e 3º da ESO e 1º de BAC (4º da ESO estaba de excursión de fin de curso) ofreceron un concerto ao aire libre para o resto de alumnado, pais,  nais e profesorado. No caso dos alumnos de BAC, este era o último concerto e, polo tanto, manifestaron o seu especial agradecemento ás profesoras da materia de música. Se queres coñecer a fondo o resultado do concerto, na GALERÍA DE FOTOS atoparás unha selección de imaxes. Na BIBLIOTECA, como de costume, poderás facerte co resto das fotos e o vídeo completo. Non o esquezas!!. Ah, e felices vacacións a todos!

100% DE APROBADOS NA SELECTIVIDADE.

Outra vez máis, todo o alumnado do noso centro que realizou a proba de Selectividade superou o obstáculo. A comunidade educativa do IES de Becerreá transmite os seus parabéns a Héctor, Cristina, Andreia, Seila, Emilio, Laura, Luz e Adrián, desexándolles o maior do éxitos no seu futuro académico. Por suposto, esperamos que non se esquezan de nós e pasen a visitarnos de vez en cando!

Nacho, de 1º da ESO, gaña o 3º premio do concurso "Mellor periodista xuvenil"

Entre os centos de entrevistas realizadas por alumnos de todo Galicia, a de Nacho Ruiz, de 1º da ESO, recibiu o terceiro premio do concurso "MELLOR PERIODISTA XUVENIL", convocado por La Voz de Galicia. Hai que destacar que na mesma categoría que Nacho participou alumnado de cursos superiores. De feito, os outros dous premios foron para alumnas de 4º da ESO. Nacho acudíu á festa da Voz Natura, na Coruña, para recoller o seu diploma e o correspondente agasallo, unha cámara de fotos dixital! Os nosos parabén para Nacho, pola calidade do seu traballo e por deixar en ta bo lugar ao IES de Becerreá. Pero tamén para os outros oito alumnos da titoría de 1º que nos representaron no concurso con entrevistas de gran calidade: Santi, Rebeca, Marcos, Gael, Dani Rodríguez, Sabela, Bret e Xairo. BO TRABALLO, RAPACES!

MEGAN, A NOSA AUXILIAR DE CONVERSA DE INGLÉS, DESPEDIUSE DE NÓS

    Como todo ten o seu fin, tamén a estancia de Megan entre nós, durante o curso 2011-12, rematou o xoves 31 de maio. Nunha breve pero emotiva xuntanza no salón de actos, entregámoslle os nosos agasallos de despedida. Dela recibimos o seu agradecemento e a a súa inestimable compañía durante o curso. Temos a certeza de que deixa amigos en Becerreá e no isntituto, e de que nós temos unha nova amiga en Belfast. Moita sorte e moitas apertas.

O IES DE BECERREÁ CHEGOU ÁS SEMIFINAIS E GAÑOU O PREMIO AO MELLOR DOSIER NO PARLAMENTO XOVEN 2012.

Como xa se explicou nunha entrada anterior,, o equipo do IES de Becerreá fomos os vencedores da 2ª xornada clasificatoria do Parlamento Xoven 2012, que se celebrou en A Coruña. Déronnos aloxamento no Pazo de Mariñán, un lugar con moito encanto. Ese día foinos moi ben nos debates que realizamos e, a pesar dos nervios que tiñamos, convertémonos nos gañadores desa fase. E se nos referimos á diversión, non puido ser mellor!

A fase final foi o 17 de marzo no Parlamento de Galicia en Santiago e, se os nervios da fase clasificatoria foron moitos, desta vez xa nin vos contamos! Despois de pasar os cuartos de final, elimináronnos nas semifinais, pero quedar entre os catro mellores de Galicia e pasar uns días impresionantes, está bastante ben, non? E se a iso lle sumamos que gañamos o premio ao mellor dosier grazas ao traballo do noso coordinador, Xulio, a experiencia foi inmellorable. PREME AQUÍ, ou sobre a foto, para que vexas como foi o noso traballo e o dos demais participantes.

Distribuir contido