EXPOSICIÓN DE LIBROS

Co título de "LIBROS NA VIDA, A VIDA DOS LIBROS", quedou instalada no salón de actos do centro unha exposición de libros coa que conmemoramos o Día do Libro e que permanecerá aberta para toda a comunidade educativa (e público en xeral) ata a última semana de maio (ver imaxes).

MESA REDONDA PARA CELEBRAR O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER: "MULLERES NOS ANCARES"

Preme aquí para ter información do evento. E aquí queda un vídeo que resume o acto celebrado no IES de Becerreá. A versión completa está dispoñible na nosa biblioteca para quen queira facer copia.

ENTROIDO 2014

O venres 28 de febreiro celebramos a nosa festa de Entroido, que como xa é tradición consistiu nun concurso de disfraces, na  queima do espantallo e na degustación e concurso de doces. Ademais, este ano introducimos a novidade do "Photocol", ideado e desenvolto polo alumnado de 3º da ESO, coordinados pola súa titora. Varias comparsas e algún dúo participaron no concurso de disfraces (comezando polos propios alumn@s de 4º da ESO).Procedeuse posteriormente a queimar o espantallo, que este ano representaba ao ministo recortador de Educación. Finalmente, e grazas a aportación voluntaria e numerosa do noso alumnado, démonos un festín á conta dos doces que se presentaron ao concurso. Visto o ben que o pasamos, temos que dar as grazas a tod@s pola participación e o bo ambiente creado; ao alumnado de 3º, polo éxito do nova aplicación fotográfica que crearon e ao alumnado de 4º, agradecerlles a dedicación na organización e desenvolvemento da festa traballando en grupo.

ACTOS DO DÍA DE ROSALÍA

PREME AQUÍ para ter información sobre os actos desenvoltos o luns 24 de febreiro.

ÉXITO ROTUNDO NO PARLAMENTO XOVE

O IES de Becerreá estará representado na fase final do Parlamento Xove polos dous equipos inscritos, tal e como podedes apreciar na imaxe, que recolle as vitorias e puntuacións de todos os participantes na fase clasificatoria, celebrada o 15 de febreiro. Fixemos pleno!! Só catro centros do total presentaron dous equipos a concurso, e só o IES Laxeiro de Lalín e o IES de Becerreá participarán na final cos dous equipos. Para todos é unha grande satisfacción pero non unha sorpresa, xa que esta dobre clasificación é o froito do traballo desenvolto e do esforzo destes meses. Parabéns aos compoñentes dos equipos, aos coordinadores,  aos alumnos/as colaboradores e tamén ao resto de centros e equipos finalistas . Vémonos en Santiago!!

6ª PARTICIPACIÓN NO PARLAMENTO XOVE.

Nova edición do Parlamento Xove e nova participación do IES de Becerreá. Outra vez dous equipos, un con alumnado de 1º de BAC (Sebela, Kelly, Pablo e Javier) e outro composto por participantes veteranos, que acoden por segunda vez (Yolanda, Dani, Sandra e Bran, todos de 2º de BAC). A cargo da organización e da coordinación, Xulio (profesor de Filosofía), quen xa acumula media ducia de participacións (desde aquela primeira "Liga de Debate", con subcampionato incluído), e que este ano está apoiado nas labores de preparación pola profesora Ana Canabal. Ademais deles, José e Carlota foron colaboradores imprescindibles na elaboración do traballo voluntario que os equipos presentan ao campionato  de dossieres de investigación, que serve de complemento aos debates. O sábado 15 de febreiro comezan a súa participación na fase clasificatoria (A Coruña). Despois do intenso traballo destes meses, ánimo e sorte!!

DÍA DA PAZ

Preme aquí para coñecer o traballo desenvolto para a celebración desta xornada.

CONCERTO E CHOCOLATADA DE NADAL

Para despedir ao primeiro trimestre do curso e para dar a benvida ao Nadal, celebramos un pequeno concerto no que participou todo o alumando de música e no que debutou o grupo de gaitas do centro, que comezou a funcionar este curso. Ao remate, tivo lugar a tradicional degustación de roscón de Reis e chocolate, dos que demos boa conta, como poderás apreciar nas IMAXES.

Que pasedes unhas boas festas e vacacións, esperando que o 2014 sexa un bo ano para tod@s!!

ÉXITO DA CAMPAÑA SOLIDARIA A PROL DO BANCO DE ALIMENTOS

Tal e como estaba previsto, o Banco de Alimentos de Lugo recolleo as doazóns depositadas nos dous centros educativos de Becerreá polas súas respectivas comunidades educativas. Segundo nos comunicaron, a cantidade recollida superou as expectativas, destacando así a actitude solidaria do alumnado, familias e profesorado do IES de Becerréa e do CEIP San Xoán, pero tamén dos veciños e veciñas que se achegaron ata o noso centro para facernos entrega desinteresada das súas aportacións. GRAZAS pola vosa resposta.

PREME AQUÍ se queres ver as imaxes do alumnado de 2º da ESO colaborando na entrega das doazóns.

RECOLLIDA DE DOAZÓNS PARA O BANCO DE ALIMENTOS DE LUGO.

O IES de Becerreá promove unha campaña de doazón e recollida de alimentos, á que tamén se somou o CEIP San Xoán, que se desenvolverá entre o 9 e o 18 de decembro, coincidindo coa conmemoración do Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (10 de decembro). Os donativos, alimentos non perecedoiros (legumes, arroz, azucre e pastas, fundamentalmente), serán entregados o día 19 aos voluntarios do Banco de Alimentos de Lugo (bancodealimentoslugo.org), quen se encargarán de facer chegar os produtos ás familias da comarca da Montaña Lucense coas que veñen colaborando regularmente. A campaña está dirixida non só ás comunidades educativas dos dous centros educativos da vila de Becerreá, se non a todos aqueles veciños/as que desexen aportar axuda. Os interesados en colaborar, poderán facer entrega do seu donativo nos referidos centros, onde están instaladas caixas rotuladas para depositar os distintos produtos. Anímate e solidarízate, é unha boa causa!

Distribuir contido