ALUMNA DO IES DE BECERREÁ VENCEDORA DA OLIMPÍADA FILOSÓFICA GALEGA!

Candela Fernández Roldán, alumna de 1º de Bac do IES de Becerreá, resultou vencedora na última fase da Olimpíada Filosófica Galega, dentro da modalidade de disertación (destinada ao alumnado de bacharelato). Seleccionada pola calidade e puntuación do seu ensaio (que para este alumnado versaba sobre o tema: "Natureza ou cultura. Que nos fai ser como somos?"), pelexou, xunto cos outros tres participantes nesta fase final autonómica, por facerse coa praza que representará ao alumnado galego desta materia na Olimpíada estatal (Madrid), o 24 e 25 de abril. Os nosos parabéns para Candela e para o resto do alumnado do noso centro que tomou parte nas primeiras fases da Olimpíada. Esta participación e esforzo contribúen a dignificar e reivindicar unha materia que aparece máis reducida e ignorada cada vez que se abordan cambios lexislativos no eido educativo, por máis que  sexa imprescindible para o desenvolvemento integral de individuos reflexivos.

CELEBRACIÓN DO ENTROIDO 2015.

Chegado o mes de febreiro, a tradicional cita co Entroido deixounos estas imaxes da nosa celebración: disfraces, espantallo e doces (moitos e de moita calidade). E todo ben organizado polo alumando de 4º da ESO, que se encargou da creación do espantallo (este ano representando ao "pequeno Nicolás"), de animarnos a todos a participar dun xeito ou doutro e tamén de desenvolver os concursos de disfraces e doces. Parabéns e o noso agradecemento, un ano máis, por esta festa!!

Preme aquí para ver o vídeo. Se queres copia de todas as fotos e do vídeo, pásate pola biblioteca do insti.

CRÊPES FRANCESAS PARA UN ENTROIDO GALEGO.

Na semana do Entroido, o alumnado de francés dos cursos de Bac elaborou as coñecidas crêpes bretoas,  coordinado, con man experta, pola súa profesora. Así, na cociña do noso insti conviviron, por un momento, o menú do comedor e este exemplo de repostería internacional, aínda que neste caso, crêpes e freixós veñan sendo variantes do mesmo produto. Os que as probamos podemos afirmar que estaban exquisitas! Parabéns aos alumnos/as e profesora pola experiencia e polo resultado! Preme na foto para ver as imaxes e coñecer a receita.

 

TEATRO EN INGLÉS.

ENCONTRO COMARCAL DE PING-PONG NO IES DE BECERREÁ.

O xoves 29 de xaneiro, no ximnasio do IES de Becerreá, xuntouse o alumnado do 4º da ESO do noso centro co alumnado de Secundaria dos CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel, de Cervantes e de Navia, para levar a cabo un encontro comarcal da ping-pong, repetindo a experiencia iniciada o ano anterior noutros centros. Na primeira parte da xornada, desenvolveuse unha rolda de partidos individuais en cada unha das oito mesas, en grupos de 6 xogadores, xogando tod@s contra tod@s, para continuar con enfrontamentos entre participantes doutras mesas, segundo a clasificación desa primeira rolda. Despois de repoñer forzas co descanso da comida, a xornada rematou cun campionato de dobres, onde a única condición era participar emparellado cun compañeiro/a doutro centro, e no que tamén participaron os profes acompañantes.

ELENA GALLEGO ABAD, AUTORA DA TRILOXÍA "DRAGAL", VISITA O IES DE BECERREÁ.

Debido á participación do alumnado de Lingua Galega de 1º da ESO no "Proxecto Dragal", iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística de animación á lectura na que participamos 11 centros galegos, a autora de triloxía "Dragal" visitounos o mércores 21 de xaneiro, ofrecendo ao alumnado de 1º e 2º da ESO (estes últimos tamén leron un dos libros da triloxía) a oportunidade de coñecer, de primeira man, toda a información sobre o proceso de creación e desenvolvemento desta obra literaria, así como de afondar na figura mitolóxica do dragón na cultura galega. Despois da súa exposición e de responder ás preguntas formuladas polo alumnado, a autora asinou os numerosos exemplares do seu libro que o alumnado destes cursos levaron consigo á conferencia.

DIEGO MÉNDEZ, DE 1º DA ESO, GAÑADOR DO PREMIO DE POESÍA INFANTIL "A PIPA" 2014.

Parabéns a este alumno do noso centro, vencedor no apartado de poesía infantil na XXIII edición do Certame Literario da Alta Montaña Luguesa, que organiza a asociación cultural "A Pipa de Becerreá", que vai gañando en sona e participación máis alá desta comarca e que xa forma parte do calendario do Nadal como celebración cultural obrigada.

Non esquecemos tampouco ao resto de participantes de 1º da ESO, que aínda que non resultaron premiados, si que obteñen o noso recoñecemento pola súa disposición e creatividade. Esperemos que isto sexa un paso máis nunha prolífica participación futura.

Vaia tamén a nosa felicitación para "A Pipa" pola súa labor infatigable e polo recoñecemento actual co que se recompensa a súa tarefa.

Tanto o poema gañador, titulado "A Miña Terra", como todos os demais presentados polo noso alumnado, serán publicados na nosa revista escolar "A Rebola".

 

BO NADAL E FELIZ 2015 A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA

Preme na imaxe para ver as fotos da chocolatada coa que despedimos o último trimestre do ano.

CHARLA SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO.

Preme sobre a imaxe para informarte do acto celebrado o día 27 de novembro, organizado polo Equipo da Biblioteca do IES Becerreá.

VIDEOCONFERENCIA SOBRE O FILME "A ESMORGA"

O alumnado de BAC participou, no día da estrea do filme nas salas comerciais, nunha videoconferencia co director da obra, Ignacio Vilar, xunto cun dos actores protagonistas, Karra Elejalde (Bocas). Catro alumn@s, dous de cada curso, formularon preguntas elaboradas por eles e os seus compañeir@s de curso, nun encontro virtual no que tamén houbo que sortear lixeiros contratempos técnicos, soportados con paciencia polo noso alumnado.

Preme sobre o cartel para ver as imaxes do acto.

Distribuir contido