OS CLUBS DE LECTURA INICIAN A SÚA ACTIVIDADE

PREME AQUÍ para coñecer a información referida a esta actividade do noso centro para o curso 2016-17.

FESTA DE FIN DE CURSO 2015-16

Se o curso remata, o mellor é celebralo cantando! Pero no IES de Becerreá, ademais do concerto, aproveitamos para facer un "flashmob", unha merenda, o "momento cantaruxo" e unha pequena homenaxe a catro compañeiros/as que o merecían. E todo co esforzo e colaboración do alumnado de 4º da ESO. O noso agradecemento por proporcionarnos esta moi divertida xornada de convivencia para despedir un curso que remata con festa.

E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí queda unha selección de FOTOS. Para ver os VÍDEOS (seis en total), visita a nosa canle de youtube. Bo verán e boas vacacións!!

FESTA DE FIN DE CURSO 2015-16

ENTREGA DO "III PREMIO IES BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES"

Terceira primavera xa para este galardón creado polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro, cuxo acto de entrega tivo lugar o venres 3 de xuño, coa asistencia e intervención dos representantes das dúas agrupacións premiadas, a Asociación Cultural "Abrente" (As Nogais) e a Sociedade Deportiva Becerreá, do alcalde das Nogais, Jesús Núñez e do concelleiro de cultura do Concello de Becerreá, Claudio Vázquez. Como peche do acto, un grupo de alumnos/as da asociación, todos/as estudantes (ou ex-alumnos) do noso centro, agasalláronnos cun baile e varias pezas que nos serviron aos presentes para valorara o seu traballo e a súa competencia.

Nesta ocasión, as pezas da artesanía entregadas como galardón eran dous hórreos, elementos arquitectónicos comúns na nosa comarca, creados por Lolo, artesán afincado en Coro (Val de Rao, Navia). Que as pezas sexan sempre creacións dun artesán local é unha das premisas coas que se desenvolve este acto de entrega do premio.

ENTREGA DO "III PREMIO IES BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES"

DESPEDINDO A KERRY

Despois de tres cursos de convivencia xuntos/as e de colaborar co alumnado de inglés e da sección bilingüe, Kerry, a nosa profesora auxiliar de conversa (inglés), rematou a súa estancia con nós o día 31 de maio. Foi unha xornada emotiva, cargada de recordos, mensaxes de agradecemento e regalos (VER IMAXES). Seguirá en Galicia e seguro que nos veremos con frecuencia, pero non será o mesmo. Alegrámonos por ela pero sentímolo por nós. We will miss you!!

DESPEDINDO A KERRY

1º DA ESO ACODE Á XUNTANZA DO PICO SACRO PARA O ALUMNADO GALEGO PARTICIPANTE NO "PROXECTO DRAGAL"

Ao Pico Sacro, onde segundo a lenda viviu o último dragón galego, acudiu o alumando de 1º da ESO do IES de Becerreá para participar, xunto cos outros cinco centros galegos que comparten este proxecto multidisciplinar de animación á lectura, nunha longa xornada de aventuras, desventuras ("perdemos" case toda a puntuación obtida a mans doutro equipo mentres participabamos nunha das probas), duelos a espada, buscas de cofres e tesouros, invención de lendas, declaracións de amor,  ... ata finalmente ser ordenados donas e cabaleiros da "Orde do Dragal". Foi unha xornada de confraternización e convivencia con outros rapaces e rapazas que están a vivir a aventura de ler a triloxía "Dragal". E como mostra, AQUÍ ESTÁN ALGUNHAS IMAXES e aquí podes ver O VÍDEO desta lexendaria xornada.

1º DA ESO ACODE Á XUNTANZA DO PICO SACRO PARA O ALUMNADO GALEGO PARTICIPANTE NO "PROXECTO DRAGAL"

OS EQUIPOS DO IES DE BECERREÁ, VENCEDORES DO PARLAMENTO XOVE 2016, RECIBIDOS NO CONCELLO.

Os tres equipos do IES de Becerreá que competiron na edición do Parlamento Xove 2016, campións na categoría da ESO e Bacharelato e subcampións de Bacharelato, foron recibidos no Concello de Becerreá polo Alcalde, Manuel Martínez, o Concelleiro de Cultura, Claudio Vázquez e outros membros da corporación. Despois das palabras de recoñecemento á labor e esforzo desempeñados e do agradecemento polo feito de dar repercusión mediática á nosa comarca a través destes logros, os membros dos equipos e os seus coordinadores, así como o propio centro, fomos agasallados cunha medalla do Concello de Becerreá e un dvd glosando a figura do poeta Manuel María, a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Non obstante, o mellor agasallo está por chegar: será o día 23 de xuño, as 21:30 na Praza do Concello, cando os membros dos equipos, invitados polo Concello de Becerreá, sexan o pregoeiros/as da festa de San Xoán 2016, o que representa unha verdadeira honra para eles/as e un fondo recoñecemento aos seus éxitos. Parabéns da nosa comunidade educativa a todos/as eles/as e aproveitamos para confirmar a nosa asistencia ao pregón!!

EQUIPO DE DEBATE DE 2º DA ESO PARTICIPA NO TORNEO ESCOLAR "DEBATE.CON"

Emulando aos equipos do IES de Becerreá que participan no Parlamento Xove, alumnos/as de 2º da ESO (Elisa Pardo, Pablo Deiros, Samara Rodríguez, Miguel Mon, Yolanda Fernández e Johana Rodríguez) acudiron ao concurso de debate escolar "Debate.con", celebrado en Santiago de Compostela o sábado 7 de maio. En participacións anteriores, algúns dos equipos do noso centro resultaran vencedores do concurso, e este ano o resultado foi tamén moi positivo e prometedor para o futuro da participación no Parlamento Xove: quedaron clasificados en terceiro lugar, sendo o equipo coa maior puntuación de todos os participantes, o que fala claramente da competencia dos nosos alumnos e alumnas nesta disciplina.O equipo vencedor da presente edición foi o colexio S.E.K. Atlántico de Poio, e o tema de debate foi: "debe a Unión Europea poñer límites á inmigración?"

ALUMNADO DO IES DE BECERREÁ NO "CORRELINGUA 2016"

Como é habitual, o IES de Becerreá acudiu a esta festa anual de celebración da nosa lingua, que se celebrou en Lugo (www.correlingua.gal). Nesta ocasión, os participantes neste acto lúdico-educativo foron o alumnado de 3º e 4º da ESO, como podedes ver na imaxe.

O Correlingua, percorreu doce localidades galegas entre o 2 e 16 de maio, baixo o lema: "O galego está en nós", inspirado nun poema do poeta chairego ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2016, Manuel María. O propio poeta participou en numerosas ocasións nesta actividade. 

O próximo ano, alí estaremos de novo!

CONVOCADO O III PREMIO DO IES DE BECERREÁ AO EMPREGO E DIFUSIÓN DA NOSA LINGUA E CULTURA

OS EQUIPOS DO IES DE BECERREÁ, VENCEDORES DO PARLAMENTO XOVE 2016, VISITAN A DEPUTACIÓN.

Distribuir contido