ELENA GALLEGO ABAD, AUTORA DA TRILOXÍA "DRAGAL", VISITA O IES DE BECERREÁ.

Debido á participación do alumnado de Lingua Galega de 1º da ESO no "Proxecto Dragal", iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística de animación á lectura na que participamos 11 centros galegos, a autora de triloxía "Dragal" visitounos o mércores 21 de xaneiro, ofrecendo ao alumnado de 1º e 2º da ESO (estes últimos tamén leron un dos libros da triloxía) a oportunidade de coñecer, de primeira man, toda a información sobre o proceso de creación e desenvolvemento desta obra literaria, así como de afondar na figura mitolóxica do dragón na cultura galega. Despois da súa exposición e de responder ás preguntas formuladas polo alumnado, a autora asinou os numerosos exemplares do seu libro que o alumnado destes cursos levaron consigo á conferencia.

A próxima cita coa autora será no mes de maio, cando se celebre unha xuntanza do alumnado participante neste proxecto de animación lectora e de uso das novas tecnoloxías ao redor da lectura e, neste caso, do mundo máxico que recrea esta obra en particular.