Skip to Content

Noticias

Paremos o masacre en Palestina!!!

Palestina A Sangriña

Este 12 de abril ás 12, convocados por Docentes por Palestina, centos de centros de ensino galegos concentrámonos baixo o lema "PAREMOS O MASACRE EN PALESTINA". A continuación, compartimos con vós o comunicado que foi lido nesta xornada reivindicativa:

Está pasando agora, mentres lemos estas palabras, mentres andamos polos corredores do noso centro, mentres o alumnado estuda e aprende, mentres o profesorado explica a materia. Está pasando agora, mentres saímos de clase, subimos e baixamos do autobús camiño das nosas casas. Esta pasando agora.

 

Non fai falta ir aos libros de Historia, nestes momentos Palestina sofre un ataque continuo en forma de xenocidio por parte das tropas ocupantes de Israel. A mediados de marzo de 2024 superan amplamente as 30.000 persoas mortas, masacradas. Case 80.000 as feridas. 1,7 millóns de persoas desprazadas dos seus fogares. Casas, hospitais, escolas destruídas de forma sistemática e planificada.

 

A comunidade escolar temos a obriga de actuar fronte á barbarie e actuar como o que somos, parte da sociedade civil, para presionar os nosos gobernos co fin de parar este xenocidio. A LOMLOE, no seu primeiro artigo, afirma como un dos nosos principios “a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza”. O silencio, a equidistancia, ignorar o que está a suceder en Gaza é incompatible coa solidariedade, a xustiza e a cidadanía democrática.

 

Esa mesma lei comprométenos a velar polo cumprimento da Convención sobre os Dereitos das Crianzas adoptada polas Nacións Unidas. Esa mesma convención, no seu artigo 6, afirma que “toda crianza ten o dereito intrínseco á vida”. A vida de todas as crianzas, tamén as palestinas.

 

Por solidariedade co pobo palestino.

Irina Guimarães e Maria Antónia Serrano, saúde en portugués

Anatomía e Tabaquismo A Sangriña

Hoxe, no IES A Sangriña, tivemos a fortuna de que dúas doutoras do país veciño viñesen visitarnos para impartir dúas magníficas conrencias. Irina Guimarães é Doutora do Instituto  Portugués de Oncoloxía de Coímbra e María Antónia Serrano é Doutora especialista en Imaxioloxía do Instituto  Portugués de Oncoloxía.

Á primeira das conferencias, organizada polo Departamento de Bioloxía, asistiu o alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Anatomía e tivo como título  "Anatomía humana: o esqueleto, lesións e doenzas máis comúns". Á segunda, organizada por Vicedirección, acudiu alumnado de ciclos medioe e FP Básica, e o seu título foi "Vicios que matan: a relación fatal entre o consumo de tabaco e o cancro".

Esta actividade, ademais da colaboración e da asistencia do profesorado dos diferentes departamentos envolvidos, contou coa implicación do Departamento de Portugués e, máis alá dos interesantísimos e importantísimos contidos de ambas charlas, a súa realización tivo como finalidade paralela facer que o noso alumnado sexa consciente de como o seu dominio da lingua galega o habilita para interactuar en espazos académicos de nivel en lingua portuguesa.

Obrigado á Irina e á Maria Antónia, dúas grandes profesionais, pola súa colaboración e polo esforzo realizado para compartir con nós esta mañá de ciencia, saúde e lingua!

Co galego a ciencia aínda me leva lonxe

Co galego a ciencia aínda me leva lonxe

Esta actividade está integrada nun proxecto maior chamado O galego lévame lonxe e consiste en que profesores de diferentes departamentos utilizan materiais en portugués nunha das súas unidades didácticas. Desta maneira, preténdese que o alumnado que non frecuenta a materia de Lingua Portuguesa se torne consciente da vantaxe competitiva de falar galego e da utilidade da súa variante internacional no ámbito científico.

O galego lévame lonxe realízase no ámbito dos plans PROXECTA +, dentro da temática Promoción do Patrimonio e da Lingua Galega e ligado ao Programa de Proxectos de innovación en dinamización lingüística.

Datas para as recuperacións de materias pendentes – ESO

Exames de pendentes ESO IES A SANGRIÑA

Publicamos a continuación as datas entre as que deben encadrarse as probas oficiais de pendentes da Educación Secudaria Obrigatoria no IES A Sangriña. En consecuencia, o profesorado coordinará co alumnado que teña que facer os exames de recuperación a súa realización nos días asignados, pasando a ter esta prevalencia sobre o resto de actividades do centro.

Datas para a calendarización dos exames de recuperación:

  • Luns 6 de maio.
  • Martes 7 de maio.
  • Mércores 8 de maio.
  • Xoves 9 de maio.
Distribuir contido


by Dr. Radut