Skip to Content

Os tres porquiños de Venecia (Contos do mundo)

15/03/2017 10:00
Etc/GMT+1

Os tres porquiños de Venecia é o título do conto teatralizado que o alumnado de 1º de ESO, coa profesora Menchu Costa, preparou para as cativas e os cativos de 4 anos do veciño CEIP A Sangriña, dentro do proxecto de ambas as dúas Bibliotecas titulado Contos do mundo, sobre o que levamos varias semanas informándovos.

Coma sempre, o lugar do encontro foi o colexio, aínda que desta volta no canto da biblioteca, a sesión tivo lugar no salón de actos. Este alumnado de 5º de Educación Infantil está a traballar nun proxecto sobre Italia, país co que gardaba relación o conto representado.

Velaquí as fotos, cedidas polo CEIP. Máis información en BiblioPepiño.

A tropa de trapo

03/03/2017 10:15
03/03/2017 12:00
Etc/GMT+1

O pasado 3 de marzo, o noso alumnado de 1º e 2º de ESO puido gozar dunha moi amena sesión de música e contacontos protagonizada por A tropa de trapo, que presentou "A hora azul". Con este espectáculo, os contacontos profesionais Brais e Marta - chegados desde Cangas - renden homenaxe ás mulleres, á emigración e ao realismo máxico de Galicia, acompañados do son da guitarra portuguesa, do laúde árabe, da darbouka, do caixón flamenco e das Karkaba. A continuación desta sesión, o alumnado de 1º de ESO asistiu a un obradoiro, impartido por Brais e Marta, a través do cal puideron afondar no marabilloso oficio de contar contos.

Uxía Vicente Villa, bolseira Amancio Ortega

Á alumna de 4° de ESO B, Uxía Vicente Villa, acaba de serlle concedida a bolsa de estudos Amancio Ortega, que ten como obxecto financiar os estudos de 1º de Bacharelato de rapazas e rapaces españois en institutos de Estados Unidos e Canadá. Trátase dunha bolsa de inmersión na cultura estranxeira, posto que van vivir con familias de acollida e os centros nos que van estudar son institutos locais.

En Galicia convocáronse 80 bolsas para o vindeiro curso, unha das cales obtivo Uxía polos seus méritos académicos e o seu dominio do inglés. É un orgullo para o noso centro: parabéns en nome de toda a comunidade educativa, desexámosche o mellor nesta enriquecedora experiencia.

Podedes ampliar información nestas ligazóns:

Visita a Xénese e Imatxina

09/03/2017 08:20
Etc/GMT+1
O pasado 9 de marzo, o alumnado de 3º da ESO foi de excursión a Vigo acompañado pola profesora de Plástica, Beatriz Núñez e as profesoras de Matemáticas, Nieves Lomba e Xoana Alonso. Aproveitando o bo tempo, primeiro asistiron a unha exposición de fotografía na rúa Príncipe: "Xénese" do brasileiro Sebastião Salgado. Despois, o alumnado dispuxo de media hora para ir á Casa do Libro, onde mercou novelas da saga O Exército Negro e comics de Magi, entre outros. Por último, asistiron aos talleres de Imatxina, en EducaBarrié. Grazas a xogos de lóxica, somas, pentacubos, espellos e efectos ópticos, puideron gozar das matemáticas manipulativas nun contexto moi distinto ao que é habitual nas aulas.
momentos da excursión
momentos da excursión 
Distribuir contido


by Dr. Radut