Skip to Content

Libros de texto curso 2023-24

Publícanse as listas de libros de texto para o vindeiro curso, que poden consultarse no taboleiro do centro e nos arquivos anexos.

Para Ed. Infantil non se estableceu material didáctico impreso.

Atención! Para a ESO e algúns cursos de Primaria recoméndase esperar a setembro para comprar os libros, confirmando co profesorado se se van utilizar ou non. Vai indicada a recomendación nas propias listas dos cursos afectados.


Ficheiros adxuntos:


MATRÍCULA CURSO 2023-24

Debe formalizar matrícula:

  • Alumnado que se escolariza por primeira vez (4.º Infantil)
  • Alumnado de Infantil e Primaria procedente doutro centro
  • Todo o alumnado de ESO

PRAZOS:

  • Ed. Infantil e Primaria: do 20 ao 30 de xuño
  • ESO: do 23 de xuño ao 7 de xullo

Documentación:

Sobre de matrícula, que o alumnado de ESO recibirá canda os boletíns de notas finais e para o alumnado novo no centro estará dispoñible en administración a partir do día 16 de xuño.

O sobre conterá a seguinte documentación, debidamente cuberta:

  • Impreso de matrícula de EI e EP ou de ESO
  • Folla de autorizacións
  • Autodeclaración da renda para comedor escolar (se o solicita e se no momento da matrícula xa foi publicada pola Xunta).

Ademais:

Usuarios excepcionais de transporte:

  • Solicitude de uso do transporte escolar

Alumnado novo no centro

  • Solicitude de parada de transporte escolar

4.º Ed. Infantil

  • Cuestionario sobre a lingua materna do alumnado

 ESO

  • Folla de achega para fotocopias (5 €)
  • Só para 3.º e 4.º: folla de pago do Seguro Escolar (1,12 €)

Atención! Non se admitirá ningunha matrícula se falta algunha da documentación requirida ou non está debidamente cuberta.




Manuel Landeira, in memoriam

Manuel Landeira 

Vimos de ter coñecemento do pasamento do mestre e compañeiro Manuel Landeira, e dende o colexio no que tan duro traballou coma docente e director, queremos rendirlle unha sinxela e sentida homenaxe.

Landeira, tal e como o coñeceron alumnado e familias, veu traballar á Baña como mestre da escola unitaria de Lañas, na cal se ocupaba dos nenos, nun tempo en que o alumnado estaba segregado por sexos. 

Cando se produciu en 1976 o agrupamento escolar de todo o alumnado disperso polas diferentes unitarias das 15 parroquias do noso concello no novo colexio de San Vicente, Landeira incorporouse ao mesmo xunto con moitas e moitos outros mestres, que estrearon edificio escolar e tamén a ilusión dun novo proxecto educativo que liderou coma director ata 1988, ano en que decidiu continuar a súa labor docente noutro destino.

Moitas son as veciñas e veciños, agora pais e nais do noso alumnado, que recordan con admiración e cariño a Landeira, como o recordamos tamén as docentes e agora xa ex-alumnos e alumnas do CPI que participamos na creación da película documental Facendo Escola, un percorrido pola historia da educación no noso concello, no cal colaborou xenerosamente Manuel Landeira, contándonos as súas experiencias coma mestre, tanto na unitaria de Lañas coma no colexio integrado de San Vicente, dos cales gardaba un fermoso e grato recordo. 

Pensamos que non hai mellor homenaxe que recordar as súas palabras no noso documental e con el expresar o noso cariño e acompañamento aos seus familiares e amizades neste día de despedida. 

 




Aí ven o maio, de flores cuberto

Co gallo do Día das Letras Galegas o alumnado do cole participou nesta semana na elaboración duns fermosos maios que adornan o noso patio:

E recibiu a visita do Grupo de baile e música tradicional Brincadeira, grazas á colaboración da AFA Avania, desfrutando de velos cantar, tocar e bailar e tamén bailando todas e todos xuntos ao ritmo das súas melodías tradicionáis. 




Visita da escritora Ana Meilán

Co gallo do Día do Libro, a escritora de literatura infantil Ana Meilán visitou a nosa biblioteca escolar e partillou co alumnado de Infantil e Primaria sobre os seus fermosos relatos. 




O cociñeiro André Arzúa visita o noso horto ecolóxico

O venres 21 de abril tivemos unha fermosa visita no noso horto escolar, o cociñeiro André Arzúa veu visitarnos e coñecer o noso traballo no horto escolar. 

Alí colaborou con nós na plantación de cabaciñas, chícharos e outros productos en compañía de Carmen Freire e dos nosos fantásticos compañeiros de faena, os usuarios da Fundación para a protección dos Discapacitados Psíquicos da Barcala e do Fogar Residencia e centro de día de Ceilán. Unha fermosa comunidade arredor dun proxecto de consumo sostible no cal participa tamén a AFA Avania.

Ademáis, recibimos unha visita moi especial, o reporteiro da Radio Galega Quique Magdalena, quen partillou cos pequenos e pequenas agricultures, coa profe Iria e con André para o programa Galicia por Diante

E continuando coa experiencia radiofónica, André tivo tempo tamén para visitar o cole e responder ás preguntas do alumnado de 4º de Primaria nunha interesante entrevista que podedes escoitar na nosa canle de podcast, O son da Baña:   

 


 




ADMISIÓN 2023-24: Listaxes definitivas

Infórmase da publicación no taboleiro do centro das listaxes definitivas de admisión para o curso 2023-24, con data de hoxe.

Todas as solicitudes presentadas en prazo foron ADMITIDAS.

As solicitudes presentadas fóra de prazo serán adxudicadas con posterioridade e antes do inicio do curso escolar, do cal se informará ás familias afectadas.




CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ALUMNADO CON NECESIDADES DE APOIO EDUCATIVO

Convocatoria de bolsas NEAE do Ministerio de Educación para o curso 2023-2024.

O prazo para a solicitude das mesmas será do 8 de maio ao 20 de setembro de 2023. 

No documento adxunto pódese consultar o texto da convocatoria.

Recomendamos ás familias interesadas en solicitar estas axudas que inicien os trámites antes de rematar o actual curso escolar para ter tempo de conseguir toda a documentación necesaria dentro do prazo. 

Neste enlace podedes coñecer con detalle as instrucións para a solicitude.

Para calquera aclaración ou dúbida, pódese solicitar cita co Orientador do centro chamando ao 881867003. 


Ficheiros adxuntos:


Distribuir contido


by Dr. Radut