Skip to Content

Entrevista con Francisco Fernández del Riego

Entrevista
a Francisco Fernández del Riego para o CPI San Vicente

Paco
del Riego (Lourenzá, 1913) é unha das figuras máis sobranceiras da
cultura galega do século XX. Militou nas Mocidades Galeguistas,
traballou pola continuidade do galeguismo durante o franquismo, foi
fundador da Editorial Galaxia e achegou á nosa literatura obras
fundamentais en tempos de escuridade. Foi el un dos tres académicos
que propuxeron á Real Academia Galega instituír un Día das Letras
Galegas en 1963. Aínda que con diferenzas, a súa é unha vida
paralela a de Ramón Piñeiro, co que compartiu proxectos e
traballos.

Piñeiro
consagrou a súa vida á reivindicación de Galicia

Cal
é a importancia de Ramón Piñeiro como escritor?

Escribiu
pouco. A obra máis destacada é Olladas no futuro, do ano
1974, no que recolle unha serie de traballos aparecidos en diversas
publicacións. El era un crente na filosofía e escribiu obras
filosóficas de reducida extensión -Significado metafísico da
saudade
, Filosofía da saudade, etc.- e tamén se dedicou
a estudos de tipo lingüístico, por exemplo no seu discurso de
ingreso na Real Academia Galega, A linguaxe e as linguas.

Lembra
vostede o Mitin das Arengas de 1925 no que tamén participou Piñeiro?

Pois
si. O Mitin das Arengas celebrábase o 25 de xullo e participaban 20
persoas con intervencións breves duns cinco minutos. Falaron Otero
Pedrayo, Castelao, Bóveda, Vilar Ponte, Suárez Picallo, Carballo
Calero e tamén Piñeiro, que fora convidado por Pedrayo.

Por
que foi Ramón Piñeiro a París no ano 1946?

El
era un home que, coma min, traballou na clandestinidade para
resucitar o Partido Galeguista e el foi ata París representando as
forzas clandestinas de oposición ao réxime franquista. Axudado
polos vascos atravesou os Pireneos a pé e foi ata a capital francesa
onde se puxo en contacto co goberno provisional da República no
exilio e con membros do nacionalismo vasco e catalán para conseguir
que Castelao formase parte daquel goberno, cousa que conseguiu.

Para
que se creou a editorial Galaxia?

Visto
que a vía política non progresaba debido ás circunstancias
internacionais pensamos en facer unha editora que se consagrase de
xeito fundamental á edición de libros e crear conciencia galega no
País. Así naceu no ano 1950 a editorial Galaxia, da que fomos
ideadores e fundadores Xaime Illa Couto e mais eu. Logo sumouse máis
xente, entre eles o propio Piñeiro, que foi nomeado director
literario e como tal exerceu durante moitos anos.

Que
importancia tivo a mesa camilla de Piñeiro?

Moi
grande: foi unha das súas mellores achegas a Galicia. El era un home
que,en público, era pouco lucido, pouco brillante, pero en privado
era moi ilustrativo e falaba moi ben. E os universitarios daquela
época, que non coñecían nin a cultura, nin a lingua nin a historia
de Galicia foron asistindo diariamente á mesa camilla da rúa
Xelmírez de Santiago e alí el asesorábaos e formábaos. Así que
as novas xeracións fóronse incorporando ao galeguismo a través das
leccións que Piñeiro lles dispensaba naqueles momentos.

Vostede
e mais Piñeiro foron codirectores da revista Grial durante
25 anos
. Que representou Grial para cultura
galega?

Era
unha das manifestacións de Galaxia e tiña os mesmos fins cá
editorial. Era a única revista que existía no País e que chegaba a
centros de cultura estranxeiros, ás universidades norteamericanas,
italianas, francesas, alemás, etc. Recollía colaboracións de todo
tipo sempre que tivesen unha dignidade e unha significación
positiva.

Que
papel xogou Piñeiro como nexo entre a Galicia anterior e posterior á
Guerra Civil?

Antes
da Guerra pertenceu ás Mocidades Galeguistas de Lugo, pero tivo
pouca significación nesa época. Ademais hai que ter en conta que
era un rapaz moi novo aínda. O labor fundamental foi desenvolvido
por el na posguerra: primeiro na clandestinidade política, despois
na orde cultural e tamén mediante o contacto coas novas xeracións
para endereitalas cara ao camiño de rexurdimento do País.

Como
definiría o piñeirismo?

Á
parte da formación galeguista el practicaba un xeito de oposición a
determinadas ideas políticas e a xente nova é xente rebelde, e el
non o era. Non era rebelde e non tiña un espírito novo e iso creou
inimizade por parte dalgúns dos seus discípulos que deron en chamar
ao que el representaba, piñeirismo.

Como
era Ramón Piñeiro do trato cotián?

Era
un home normal que facía, sobre todo, unha vida de traballo
intelectual e que tiña grandes e bos amigos, con xente nova que o
seguía no seu xeito de pensar. Pero era sobre todo un home de
cultura.

Que
lle parece a vostede, que foi o creador do Día das Letras Galegas
que se lle dedique a un compañeiro de tantos anos?

Pois
paréceme oportuno. Hai moitos que o merecen pero el consagrou a súa
vida á actividade intelectual e todo o seu esforzo á reivindicación
de Galicia e creo que é merecente desta distinción.



page | by Dr. Radut