Skip to Content

CONSELLOS DE AMALIA, MIRIAM E XAQUÍN PARA AS FAMILIAS

20/03/2020 16:10
Europe/Madrid

Dende o departamento de Orientación do CPI San Vicente da Baña, propoñemos as seguintes recomendacións xerais dirixidas ás familias de todo o alumnado para pasar estes días non lectivos na casa:

 

O CORONAVIRUS

Seguramente vos preguntaredes se tedes ou non que falar do coronavirus coas nenas e nenos. Dende o centro educativo recomendamos que o fagades, adaptando o discurso a idade e capacidade de comprensión do alumnado. Os nenos e nenas, independentemente da súa idade,  xa escoitaron falar do que é, polo que o noso papel pasa por informalos na medida do posible co fin de axudalos a comprender mellor a situación que estamos a vivir e, sobre todo, tratar de tranquilizalos. O máis importante é que esteamos abertos a escoitar e responder as preguntas que os pequenos poidan ter sobre a situación actual. A nosa misión consiste en axudarlles a controlar a situación e calmar a súa ansiedade. 

Existen numerosos recursos dispoñibles para falar ou explicar o tema aos máis pequenos:

  

  A RUTINA DIARIA

Establecede unha nova rutina. Está claro que este cambio de situación pode xerar malestar entre todos os membros da familia. Para tratar de controlar a situación o máis axeitado é establecer unha rutina diaria, que se adapte á realidade e situación particular que está a pasar cada familia. Para as nenas e nenos, será máis sinxelo se empregamos soportes visuais como horarios escritos ou con imaxes sobre como se vai a organizar a xornada. Este aspecto é moi importante, principalmente porque ademais de axudar ao alumnado a estruturar o tempo, favorece o sentimento de orde e seguridade para afrontar estes días na casa.

Desta forma, suxerimos que establezades un horario combinando tanto de tarefas propias do fogar (facer a cama, algunha receita, varrer, fregar, recoller…) como as que se propoñen desde os centros educativos e tempo de lecer. Para que isto sexa posible, podedes dedicar un tempo da mañá a decidir como transcorrerá a xornada e escribilo nun calendario/horario. Ao final da xornada, podedes falar sobre o grao de consecución de cada unha das tarefas previamente establecidas.

O EXERCICIO FÍSICO

 Non esquezas o exercicio físico. Ademais de darlle prioridade máis que nunca aos hábitos de hixiene (lavade moito as mans), non podemos esquecer a idea de facer exercicio e descargar enerxía, pero: como facemos isto dende a casa? Podemos establecer, dentro das nosas rutinas, unha que teña que ver coa relaxación-estiramento como o ioga para nenos; e ademais crear pequenos espazos de “exercicio” na casa:

 

A LECTURA

É unha grande oportunidade para dedicarlle tempo á lectura. Aproveitade para fomentar a lectura entre os nenos e nenas ou dedicade un tempo diario a contarlles contos no caso de que non saiban ler. Para favorecer a linguaxe, podedes facelo tratando de seguir as seguintes estratexias:

Reparamos na portada, título, debuxo… tratando de anticipar o seu contido… de que tratará? Por que se titulará así?

Comezamos a ler, deténdonos cando non entendemos algo. Se non entendemos unha palabra, intentamos adiviñar o seu significado pola frase na que se atopa e senón buscámola no dicionario.

Ímonos facendo preguntas do que imos lendo. Onde ocorre?, A quen? Que personaxes apareceron ata agora?, Que ocorre?, Que penso que vai ocorrer ó final?

Cando rematemos de ler podemos facer un pequeno resumo oral, tamén inventar outro final ou incluso realizar un debuxo.

A LINGUAXE

Para traballar a linguaxe. Podedes votar man de xogos clásicos como o vexo-vexo, palabras encadeadas, sopas de letras…Tratar de escribir notas, mensaxes de whatsapp aos nosos familiares, cartas, a lista da compra… Propoñer e traballar “a palabra do día”: escribir unha palabra e pensar: Por que letra empeza? Por que letra remata? Cantas letras ten? Cantas vogais? Cantas consoantes? Cantas sílabas ten? Cal é a sílaba forte? Debúxaa. Escribe/di unha frase con ela.

AS MATEMÁTICAS

 

Para traballar conceptos matemáticos. Podedes analizar os recibos da compra, facer compras imaxinarias con elementos recortados dos folletos de supermercados… (facer a suma de todos os produtos, canto nos falta? Canto nos devolven?...).

OUTRAS ACTIVIDADES

Actividades sinxelas de facer, con elementos que seguramente teñamos na casa como cartóns ou pinzas. Plantexaranse como un xogo.

 Manualidades, crebacabezas, obras de teatro, teatro de sombras…e tamén tempo libre para que o dediquemos ao que máis nos apeteza no momento. 

Un saúdo e moito ánimo para estes días de corentena.

 

A mestra de Pedagoxía Terapéutica, Amalia Núñez Vallo

A mestra de Audición e Linguaxe, Miriam Sánchez Fornos

 

O orientador, Joaquín Suárez Denis



story | by Dr. Radut