Educación Física

Semana de Xogos Tradicionais

Esta semana do 13 de febreiro, grazas á chegada dun baúl con material que solicitamos para o Proxecto Deportivo de Centro, dentro do Plan Proxecta, os nenos e nenas do centro realizaron diferentes xogos tradicionais da cultura galega. Aros, chaves, trompos, cordas...

Hai moitas e moitos artistas no CEIP de Sigüeiro!

Aquí todas as fotos!

PROXECTO DEPORTIVO DE CENTRO

Desde o CEIP de Sigüeiro decidimos neste curso 2016-2017 participar no Plan Proxecta, en concreto no Proxecto Deportivo de Centro. A idea principal é a de fomentar a actividade física e saudable entre os nenos e nenas do colexio, creando así uns hábitos que perduren no tempo.

Centrarémonos principalmente, sempre que sexa posible, en dinamizar os tempos de lecer propoñendo diferentes deportes, xogos e actividades. Ademais traballaremos desde diferentes áreas e non só desde a Educación Física.

Comezaremos cos nenos e nenas de 5º e 6º curso que realizaron uns traballos dunha serie de xogos reais ou inventados para logo aplicar durante os recreos. Logo, os nenos e nenas dos diferentes niveis de primaria participarán nas diferentes actividades mencionadas así como outras que se propoñan como xogos tradicionais, danzas e bailes, ligas deportivas... Todo isto relacionado con diferentes hábitos saudables como o exercicio físico, a alimentación e a nutrición así como diferentes aspectos de actitude como o respecto polos compañeiros e compañeiras, as normas, os espazos e os materiais.

Para levar un seguimento de todo o realizado, creamos un blogue que chamamos "LECER LÚDICO" onde se poden seguir e consultar as actividades que se van realizando no marco deste Proxecto Deportivo de Centro. Podes entrar picando aquí: entra no blogue!

http://lecerludico.webblog.es

 

VISITA DE VERO BOQUETE

Este luns, día 19 de decembro, tivemos o pracer de contar no CEIP de Sigüeiro coa deportista Verónica Boquete, xogadora do equipo de fútbol francés París Saint-Germain e capitana da selección española. Tratouse dunha charla - coloquio cos nenos e nenas de 1º, 2º, 3º e 4º curso, onde nos falou da súa traxectoria profesional e do esforzo necesario para acadar os seus logros. Ademais tamén se trataron temas tan importantes como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Os alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de facerlle unha chea de preguntas e foi moi interesante. Aquí podedes ver algunhas das fotos do acto.

Moitas grazas Vero Boquete!

 

POLO SAN MARTIÑO...

Polo San Martiño... ademais de comezar o tempo da matanza "mata o teu porquiño", entramos no tempo de xogar a un dos xogos máis antigos, case tanto coma a humanidade. POLO SAN MARTIÑO, TROMPOS AO CAMIÑO. Trompos, buxainas, peonzas... pezas xeralmente de madeira, feitas para ser bailadas sobre todo no tempo de outono. Así nolo recorda o refraneiro, xógase entre novembro ata febreiro: “Polo San Martiño (11 de novembro), peóns ao camiño; Polo San Amaro (15 de xaneiro), peóns ao faiado". ÁNIMO NENOS E NENAS A XOGAR COAS BUXAINAS!