Skip to Content

Complementarias

Día Internacional da Muller

Como cada 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller (esta vez cun día de adianto) cunha interesante charla.

Nesta ocasión tivemos o pracer de contar con 3 fantásticas mulleres.

Covadonga Salgado, directora do INTECMAR de Vilaxoán (que conta cun equipo de traballo formado maioritariamente formado por mulleres) explicóunos un montón de cousas interesantes sobre o mar, os residuos, os mexilóns... fíxonos recordar unha chea de cousas que aprenderamos cando coñecimos o mar da man de Sabela. 

Sara Gómez, xogadora internacional de baloncesto do CLB Vilagarcía. Que nos amosou as grandes diferenzas que hai entre o deporte feminino e o masculino.

María De La Barrera, bombeira de protección civil que nos explicou que a pesares de ser a única traballadora muller do parque, non hai diferenzas cos seus compañeiros á hora de levar a cabo o seu traballo (salvo por cuestións meramente físicas).

Foi unha charla moi agradable na que aprendemos un montón e fixemos unha morea de preguntas.

Este acto serviu para "estrear" a nosa "Wall of Fame" unha parede chea de mulleres loitadoras, valentes, famosas, anónimas, aventureiras, intelixentes, deportistas, traballadoras, nais, pioneiras.... e que nos servirá para aprender moito máis sobre todas esas mulleres esquecidas pola historia.

Mil grazas ás nosas invitadas pola súa visita, esperamos que pasarades un rato tan agradable coma nós.

Entroido 2019

Un ano máis o cole de Rubiáns converteuse nunha gran festa para conmemorar o Entroido.

Sabela coñece Galicia é o proxecto que estamos a desenvolver neste curso, así que o Entroido foi unha mostra de elementos típicos da nosa terra.

Non faltaron as pulpeiras do Carballiño representadas pola clase de 3 anos. Os de 4 vestiron o traxe tradicional feito con material de refugallo. Os de 5, creceron de súpeto e transformáronse en velliños e velliñas. 1º lembrounos unha das profesións tradicionais da nosa cultura, os afiadores. Os nenos e nenas de 2º representaron unha parte esencial da nosa terra, os gandeiros.... e ata levaban as vaquiñas! Os de 3º amosaron unha importante atracción turística e fixeron o "Camiño" vestidos de peregrinos e peregrinas. 4º achegounos unha das lendas máis antigas do floclore galego e "asustáronnos" vestidos da Santa Compaña. 5º recreu un dos entroidos tradicionais como son as Madamas e Galáns de Vilaboa. E non podía faltar unha homenaxe a tantos homes e mulleres que tiveron que deixar o fogar en busca de oportunidades, por iso os de 6º disfrazáronse de emigrantes. 

Despois de recorrer o camiño entre o cole e a centro cultural da Parroquia, cantamos as coplas que cada clase compuxo a corde co seu disfraz ante un público entusiasta. Seica non o fixemos moi mal, pois non caeu unha gota!!

De volta ao cole, degustamos unha estupenda merenda chea de doces típicos destas datas.

Grazas ás familias polas achegas!

 

 

Día de Rosalía 2019

Hoxe conmemoramos o día de Rosalía con diferentes actividades de aula e de centro.

Grazas a un dos papás do cole e á profe María coñecimos as partes do traxe tradicional galego.

Tamén nos explicaron as partes da gaita e nos falaron doutros instrumentos do noso folclore.

Despois baixamos ao patio e alí amenizáronnos cunhas pezas ben bonitas, tanto que algunha espontánea arrincou a bailar!!!

Carla, alumna de sexto, recitou un poema de Cantares Gallegos de Rosalía e todos xuntos cantamos a canción "Eu ben vin estar o moucho".

Nas clases tamén fixemos diferentes traballos sobre a escritora máis universal da nosa terra.

Visita da Directora de Turismo de Galicia

O pasado xoves a Directora de Turismo de Galicia visitou o noso centro e presentounos Galicia coma destino turístico. Explicounos que hai moito que ver e disfrutar en Galicia: o Ca,iño de Santiago, o termalismo, a natureza, os monumentos, as cidades, a ruta das camelias, a do viño...

Aprendemos que é un sector moi importante para a economía de Galicia e que todavía se poden explotar os nosos recursos moito máis.

Despois, o alumnado de 6º fíxolle unha entrevista na que se interesou pola posibilidade de expltar máis os recursos de Vilagarcía, polos alugueres turísticos ou pola Igualdade de xénero no seu departamento e as dificultades que tivo polo feito de ser muller.

 Moitas grazas pola súa visita!

Día da Paz 2019

Este ano para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e a Paz fixemos a palabra paz no teito do patio cuberto con CDs coas fotos de cada neno. Quedou moi chulo non si?

Tamén cantamos/bailamos todos xuntos a Cantarela dos Nenos. Lástima que choveu e non puidemos facelo no patio.

Samaín 2018

Un ano máis pasamos un día de medo! Igual é o último porque queimámolos todiños.

Despois de decorar o cole cunhas fermosas cabazas que facían referencia a diferentes aspectos de Galicia, lemos os relatos gañadores do concurso e os profes contáronnos uns contos de medo... Que mediño pasamos!

Pero logo queimamos os nosos medos nunha fogueira purificadora; así que agora xa somos máis fortes e podemos co que nos boten.

Educación viaria

Cada ano o cole participa no programa de Educación Viaria do Concello de Vilagarcía, grazas a el aprendemos un montón de cousas útiles para ser mellores peóns e condutores de bicicletas. 

Os de 6º son sempre os que mellor o pasan pois poñen en práctica todo o aprendido no circuíto de bicis e karts que a Policía Municipal prepara para elo, esta vez en FEXDEGA. 

Pasámolo xenial! 

Moitas grazas un ano máis, á Policía Local.

Día Europeo do Deporte Escolar

Xa sabedes que en Rubiáns nos gusta un montón facer deporte e coidar a nosa alimentación para medrar fortes e sans. Por iso non podiamos deixar de conmemorar o 28 de setembro o Día Europeo do Deporte Escolar. 

Fixemos unhas carreiras de relevos moi divertidas, non importaba quen gañara porque facendo Deporte gañamos todos! 

Distribuir contido


by Dr. Radut