Skip to Content

Complementarias

English Theatre

Hoxe o alumnado de infantil a 3º puidemos gozar dunha obra de teatro in English!!

Da man de Kids&Us Vilagarcía pasamos un intre moi agradable co granxeiro Mr. Clean e os seus animais.

Thank you very much, you are always welcome to our school!

Día Europeo do Mar

Sabela, chef de Rubiáns

Convertemos o Día Europeo do Mar (20 de maio) nunha festa. Por eso, o venres 19 faremos unha actividade que iniciamos o curso pasado e nos gustou moito: O chef de Rubiáns.

Teatro in English!

O vindeiro xoves o alumnado de infantil a terceiro poderá gozar dunha obra de teatro en inglés.

Nesta ocasión trátase da obra "Farmyard"

Graciñas a Kids & Us Vilagarcía por achegarnos esta obra ao cole.

Cartel da obra de teatro

Imós mariscar!

Hoxe foi a quenda dos peques do cole para ir mariscar. Os maiores viñeron tan contentos o outro día que nós non quixemos ser menos.

E alá que fomos! Esta vez á Vilaxoan coa bióloga e as mariscadoras da Confraría que nos ensinaron un montón de cousas.

Lembramos as ferramentas que se empregan para mariscar, as diferenzas entre as distintas variedades de ameixas (fina, babosa, xapónica), o cupo para cada unha ..... Quedamos abraiados co tamaño das ameixas, eran enormes!!! As pequeniñas devolvémolas para que poidan medrar e converterse en ameixas grandes e saborosas.

Despois de apañalas fomos á lonxa onde as clasifican e as etiquetan para a poxa, despois pasarán ás depuradoras para que cheguen á praza e aos supermercados nas mellores condicións para o consumo.

Cansados de tanto traballar pero moi contentos voltamos ao cole!

Moitas grazas ás mariscadoras por tratarnos tan ben e explicarnos tantas cousas.

REPERCUSIÓN NOS MEDIOS:

11/05/17 - Faro de Vigo | Los niños del colegio de Rubiáns se convierten en mariscadoras por un día

11/05/17 - La Voz de Galicia | Jornada de marisqueo para los niños de Rubiáns

11/05/17 - La Voz de Galicia. Los pequeños de Rubiáns se van de marisqueo

11/05/17 - La Voz de Galicia. Mariscando en Vilaxoán

 

Guardar

Visita ao Museo do Mar de Galicia

Hoxe visitamos o museo "máis divertido do mundo" segundo algún, e ao que moitos queren volver.

O alumnado de 3º e 4º fixo un obradoiro para coñecer máis de preto a Cultura Mariñeira e tiveron ocasión de pescar ou achegarse á caza da balea, ademais de ver de preto colmillos de cachalote, barbas de balea e reproduccións de varios animais.

O alumnado de 5º e 6º puido coñecer de preto a evolución do traxe de mergullo ata a aparición do primeiro submariño, e que é unha obra de inxenieria excepcional do vigués Sanjurjo. Despois puideron facer un rápido percorrido polo museo vendo mostras de animais, maquetas de barcos, ferramentas coas que se limpou o chapapote que chegou ás praias co afundimento do Prestige, distintas artes de pesca e de conservación dos peixes...

Alí había tamén un acuario que reproduce o fondo mariño da ría. Puidemos ver tiburóns, rodaballos, raias, centolas, abadexo, un banco de xureis... Os tiburóns pintarroxa, que son máis coñecidos como melgacho ou cazón estaban en plena posta de ovos e tivemos a sorte de velos enganchados nas rochas coma no seu hábitat natural. Noutra vitrina estaban ao carón de ovos e 2 crías de raia.

Foi unha mañá moi completa que nos pasou voando.

Maios 2017

No CEIP de Rubiáns gústanos manter as tradicións, a pesares de que algunhas supoñan un sobreesforzo no moito traballo diario que realizamos. Pero aínda así cada ano mantemos a ilusión por facer uns maios ben bonitiños e sempre en relación ao proxecto que estamos a levar a cabo, por iso este ano tiñamos que "embarcarnos" e participar nunha modalidade na que nunca nos atreveramos: as barcas!

Recolectamos flores, fiuncho, margaridas, cocos, ovos, paus, xestas, follas de camelio e níspero, borras do cafe...e este ano ademais cunchas mariñas.

Dende os máis pequenos ata os maiores repartimos os traballos: pintamos os ovos, facemos collares de margaridas e de cocos, cadeas de fiuncho...... canto traballiño!

Ademais durante toda a semana aproveitamos os recreos para ensaiar as nosas coplas, que non nos gusta desafinar!

Dende o cole queremos agradecer a colaboración das familias durante toda a semana e destacar ás que se acercaron a cantar o luns, sen vós non sería posible. GRACIÑAS!!

 

Marzo: mes da muller!

Imaxe dunha muller realizada cos nomes de mulleres e as profesións do mar

No cole dedicamos o mes de marzo á MULLER!

Por iso, este ano, estamos coñecendo as profesións de mulleres relacionadas co mar; como poderedes comprobar hai moitas e moi importantes. 

O día Internacional da Mulller, reunímonos todo o alumnado para falar precisamente diso, das profesións e o mar.

A profe Conchi, amosounos unha presentación coas diferentes profesións ás que se dedican as mulleres, non só mariscadoras como pensabamos.

Tamén vimos un par de vídeos moi interesantes da campaña "Amar o mar" nos que varias mulleres contan o que é para elas amar o mar e tamén do que se debería facer para avanzar a Igualdade neste sector.

Seguindo a liña dos cursos pasados o pasado venres achegouse ao noso cole unha muller que aspira a desempeñar un traballo con moita máis presenza masculina, pois Carmen Názara, é alumna de segundo ano da Escola Naval Militar de Marín.

Carmen contóunos a súa experiencia, os motivos que a levaron a ingresar na ENM e o seu día a día dentro da mesma. Amosounos vídeos das actividades que realizan. Quedamos encantados e abraiados coa súa visita. Aprendemos un montón de cousas.

 Imaxes da visita

 

REPERCUSIÓN NOS MEDIOS:

Faro de Vigo - "Una alumna de la Escuela Naval explica su actividad a los niños de Rubiáns"

 

 

Festival de Nadal

Como cada ano o festival de Nadal é todo un acontecemento social en Rubiáns.

O salón queda pequeno para recibir ás familias que acoden a ver aos rapaces e rapazas na súa faceta máis artística.

Este ano, non podía ser doutro modo, o noso festival foi unha mestura de mar y tradición. Houbo un pouco de todo, dende as panxoliñas tradicionais ata todo un surtido do máis selecto dos fondos mariños.

Limpeza de Praias

Hoxe o alumnado de 4º, 5º e 6º tivemos unha actividade extraordinaria! Fomos limpar a praia da Concha-Compostela!!!

Dentro do programa "Por un futuro sostible da nosa ría" que está a desenvolver o GALP e moi relacionado con noso Proxecto: "O mar de Sabela" puidemos realizar esta saída ben pretiño do mar. É unha actividade tan interesante que ata nos entrevistou a tele!!

Non só limpamos a praia, antes de comezar, Luis e Begoña de Corticata contáronnos por que a praia se chama así, os naufraxios que houbo na ría, a lenda do ouro dos mouros......e o máis importante indicáronnos que tipo de "materiais" tiñamos que recoller: primordialmente os microplásticos para que non os coman as aves nin os peixes, pero tamén vidro, cabichas, papeis.....

Abraiounos a cantidade de cabichas que atopamos e tamén uns pauciños de plástico que todos pensabamos que eran de chupa chups pero resultaron ser os pauciños dos bastonciños de limpar as orellas. Así que moito coidadiño co que tiramos polo váter!!!

Cando chegamos ao final tivemos a sorte de coincidir cun grupo de mariscadores, bueno principalmente mariscadoras, que foron moi amables e quixeron falar un ratiño connosco. José Ramón, moi amablemente, ensinóunos como se usa o raño e explicounos en que consiste o seu duro traballo. Para despedirse animáronnos a estudar moito para que de maiores poidamos optar a un traballo menos duro que o seu.

Despois disto, voltamos ao cole cheíños de frío pero moi satisfeitos polo traballo realizado e coa lección ben aprendida. 

COIDA O MAR, É DE TODOS!!

 

REPERCUSIÓN NOS MEDIOS:

La Voz de Galicia 19/12/16 : Niños de Rubiáns limpian la playa de A Compostela (vídeo)

La Voz de Galicia 19/12/16: Limpieza de la Playa de Compostela (fotos)

Guardar

Guardar

Recollida de alimentos, amigos de Galicia

Unha ano máis as familias de Rubiáns colaboraron coa Fundación Amigos de Galicia na recollida de alimentos para que este Nadal non sexa tan duro nas familias máis necesitadas.

 Imaxe da recollida de alimentos

Moitas grazas ás familias do centro pola vosa solidariedade e xenerosidade.

Guardar

Guardar

Distribuir contido


by Dr. Radut