Xa temos instalado no cole o Punto Laranxa.

Trátase dun espazo físico, accesible a todas e todos, que consta dunha caixa onde calquera persoa pode depositar de forma anónima información relativa a unha posible situación de acoso ou ciberacoso escolar e, ademais, dun pequeno espazo onde iremos incorporando información adicional relacionada con esta temática.

Ademais, no menú lateral esquerdo deste sitio web, tamén está habilitado un punto laranxa virtual, onde se poderán deixar as mensaxes.

Outra das accións previstas é a constitución do Equipo ACAE (Actuación Contra o Acoso Escolar), un equipo docente encargado de levar adiante as medidas establecidas no protocolo publicado recentemente pola Consellería, con relación á detección e á intervención ante posibles casos de acoso e ciberacoso escolar.

Ademais de xestionar todas as actuacións posteriores á comunicación de feitos, este equipo encargarase da revisión diaria e filtrado das posibles denuncias depositadas no Punto Laranxa.

Aquí o acoso non ten cabida! Non cales, escoitámoste!

 

A semana pasada tivemos no centro dúas actividades culturais moi interesantes.
O martes 27 de febreiro, a editorial Anaya agasallounos coa visita do autor David Rodríguez, que fixo unha sesión de contacontos con final musical moi entretida, homenaxe ao recentemente falecido escritor, comunicador e mestre, El Hematocrítico.
 
O pasado venres, 1 de marzo, a animadora sociocultural do Concello trouxo ao cole a Laura Martínez Rey cos seus Danzacontos "Viaxando coas anduriñas: ritmos na selva".
Foi unha actividade na que o alumnado do PAI e os máis pequenos do noso cole exploraron múltiples emocións a través da lingua e da música, tendo como protagonistas a amizade, o respecto e a natureza.

Esta semana dedicámola ás mulleres científicas a través de actividades de indagación, creación e experimentación.

Habilitáronse por todo o centro diferentes estacións de traballo (laboratorios),  cada unha dedicada a unha muller científica destacada nun campo concreto (astronomía, bioloxía, física, química...), onde o alumnado realizou diversos experimentos, tales como:

- Observación no microscopio de area, sal ou algas.

- Mesturas homoxéneas e heteroxéneas.

- Flotabilidade.

- Evaporación da auga.

- Cristalización da sal.

- Proxección da luz (creación de caixas de constelacións).

- Etc

Tamén se utilizou a biblioteca escolar para buscar información sobre as diferentes mulleres de xeito lúdico, a través de xogos como "E ti de quen vés sendo?" (variante do "Quen é quen?" con rostros de mulleres científicas) e outros.

Na seguinte ligazón pódese acceder ao álbum fotográfico da actividade: 

VER FOTOS

 

O prazo para presentar solicitudes de admisión para o vindeiro curso 2024-25 será do 1 ao 20 de marzo (ambos incluídos).

As solicitudes poderán presentarse presencialmente no centro educativo ou mediante o formulario normalizado dispoñible na aplicación informática admisionalumnado, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Tamén se poderán presentar en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

 

MODELO SOLICITUDE GALEGO

 

MODELO SOLICITUDE CASTELÁN

Distribuir contido