Skip to Content

                       

vese un gif animado sobre o que está soando no fio musical

A igualdade: un mar de oportunidades

ENQUISA DE VALORACIÓN

Prezada comunidade:

Queremos coñecer a vosa opinión sobre o noso proxecto "A igualdade: un mar de oportunidades".

Por este motivo, solicitámosvos que tomedes uns minutos para responder a enquisa de de satisfacción.

Para a ANPA, é moi importante coñecer a vosa opinión para seguir mellorando, entre todos e todas, o funcionamento do centro e a convivencia entre todos os membros que formamos a comunidad educativa.

Tan pronto teñamos os resultados, compartirémolos neste apartado da web convosco.

 

Grazas pola vosa colaboración!

Charla da Garda Civil sobre os perigos de internet e das redes sociais

María e José Ángel da Garda Civil de Baiona-Nigrán volveron ao colexio de Fontes -Baíña o 22 de novembro para tratar as mesmas temáticas que na xuntanza coas familias, pero adaptadas ao alumnado de quinto e de sexto de primaria.  

As dúas clases recibiron unha formación sobre o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías para promover o respecto dos dereitos e das liberdades fundamentais e os valores de dignidade e igualdade entre homes e mulleres.

Organizada dentro do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas, a charla é unha das actividades do proxecto da ANPA « A igualdade : un mar de oportunidades » e foi solicitada pola dirección do centro.

O Plan director trata temáticas moi variadas para previr todo tipo de delitos que poidan ser protagonizados por escolares e unha das liñas máis demandadas polos centros e polas ANPA son, precisamente, aquelas centradas na concienciación e na formación para previr a violencia de xénero.

Os axentes explicaron temas como o enderezo IP, a suplantación de identidade como medio para chegar aos máis novos ; advertiron dos perigos que conlevan os medios sociais e de tomar conciencia de quen son os nosos contactos, posto que moitas veces os engadimos sen coñecelos de nada ; lembraron que o ciberacoso pode ocorrer en calquera momento e que nunca se debe silenciar, senón que se debe comunicar  á familia e ao colexio e tamén falaron do grooming, que ocorre cando un adulto se fai pasar por alguén de menor idade para conseguir imaxes persoais ou para quedar con el ou con ela.

Estamos seguros que se cumpriu o obxectivo de darlle ferramentas a toda a comunidade educativa para saber previr as distintas situacións ás que se ven sometidos os menores con respecto ao uso de internet e das novas tecnoloxías e tamén para saber afrontalas no caso de que se dean.

O alumnado amosouse atento e participativo. 

De parte de toda a comunidade educativa, dámoslle as grazas á Garda Civil por esta formación tan necesaria e tan interesante!

MURAL DE LUGA GOCE

A artista internacional Lula Goce, nai de dous alumnos do centro, foi a encargada de levar a cabo a pintura do precioso mural na entrada do colexio.

Tal como recolle o proxecto da ANPA, a metodoloxía seguida nesta actividade foi eminentemente didáctica e baseada no uso das novas tecnoloxías. A artista presentou a súa obra cunha proxección en power point, os debuxos dos nenos e nenas foron escaneados e enviados por correo electrónico á artista polo propio alumnado que tamén realizou gravacións coan diferentes dispositivos pertencentes ao centro (tabletas). Grazas a Lula contamos cunha gravación aérea da intervención feita cun dron.

Desde o inicio o alumnado puido tomar parte en todo o proceso creativo, achegando bosquexos para inspirar a Lula e entrevistando a artista nas distintas visitas realizadas por clase á intervención. A súa execución tivo unha duración aproximada de 10 días con algunhas interrupcións debido á chuvia.

O mural de 60 m2 constituirá para sempre un símbolo permanente que nos lembrará todo o que somos capaces de facer como comunidade educativa en conxunto e amosará o rexeitamento unánime á violencia de xénero e a nosa loita pola igualdade de xénero.

Compartimos convosco un precioso texto da artista verbo do mural:

Ao Son do Mar

Esta nena empoderada ten a forza de mover mareas e de pór en marcha a todos os peixes e animais mariños. Facendo soar unha caracola, ela fala a música do mar, das sereas e sereos, das olas e das mareas, o murmullo dos temporais e da mar chicha, a música da natura.

Mirando cara ao horizonte (o patio dos nenos), ao monte de Baíña e incluso máis lonxe, ao mar. Ten unha actitude forte e segura, de harmonía co medio e de sabedoría, unha deusa do coñecemento, do respeto, da inclusión, das especies e do ritmo e equilibrio que se produce no mar.

Unha nena como metáfora da esencia das mulleres do mar. Unha homenaxe a todas as mulleres que traballaron e traballan no medio mariño, de maneira directa e indirecta. Recollendo, pescando, limpando peixe, preparando as nasas, as redes, e todos aquelas labores que fan posible a pesca, o cultivo e a recolleita dos froitos do mar. Un legado cultural e social que hemos coidar coma un tesouro.

Lula Goce

Álbum: Curso 2021-2022 -> Mural LULA GOCE

COFRADÍA DE PESCADORES /AS

O 28 de outubro, todo o alumnado do CEIP Fontes Baíña recibiu a visita de Susana González, patroa da Cofradía de Pescadores de Baiona. 

Os nenos e nenas puideron visionar a reportaxe audiovisual titulada Loita no acantilado, gravada pola BBC na nosa vila en 2017. A peza recolle a historia da patroa maior, Susana González, e a das súas irmás Isabel, Lala e Belén. «Os nosos pais cóntannos que a súa maior ilusión na vida era ter un fillo varón porque querían aprenderlle a profesión pero tiveron catro fillas e as catro percebeiras». 

A reportaxe centra a súa atención na dificultade do traballo dentro e fóra do mar e explica como se captura o mellor percebe, as técnicas, as ferramentas e as zonas de traballo.

Durante a charla, a patroa maior explicoulles tamén aos nenos e nenas as dificultades de estar ao fronte dunha asociación integrada por unha maioría de homes e contestou a todas as preguntadas realizadas.

Moitas grazas Susana!

Álbum: Curso 2021-2022 -> COFRADÍA DE PESCADORES/AS

O BAÚL DA TÍA TOLA

A compañía O Baúl da Tía Tola visitou o alumnado de infantil o 27 de outubro para lles ofrecer a actividade "Remando cara a igualdade".

Trátase dunha actividade lúdica e educativa, dirixida a rapaces e rapazas de 3 a 7 anos, onde se mesturan o teatro e o xogo para resaltar a igualdade e o respecto como valores esenciais para a convivencia entre as persoas.

Partindo dunha temática relacionada co mar, tratáronse cuestións como:

  • Existen as cores de nenas e de nenos? Cales son os xogos para as nenas? e para os nenos?
  • Pode desempeñar un home calquera profesión? E unha muller?
  • Temos diferentes trazos de personalidade os nenos e as nenas? E diferentes emocións?

Os obxectivos perseguidos foron os seguintes:

  • Impulsar o uso de valores sobre igualdade de xénero.
  • Comprender a diferenza entre xénero e sexo.
  • Potenciar a visión crítica sobre roles establecidos e estereotipos.
  • Crear un espazo cómodo para a liberdade de expresión e o respecto.
  • Fomentar a autoestima, a non discriminación e a igualdade de oportunidades.
  • Impulsar o valor do xogo como medio de aprendizaxe.
  • Promover a linguaxe teatral como vehículo para achegarnos ás emocións.

Desenvolvemento

A actividade tivo unha duración dunha hora aproximadamente e desenvolveuse en tres partes:

  1. Unha breve peza teatral en torno ao mar.
  2. Un debate sobre a peza teatral.
  3. Xogos teatrais con diferentes materiais.

 

Os nenos e nenas de infantil pasárono xenial e aprenderon moitísimo!

 

Álbum: Curso 2021-2022 -> O BAÚL DA TÍA TOLA

ENVÍO DOS BOSQUEXOS A LULA GOCE

8 de outubro de 2021

Tania e Lúa (da clase de sexto) e Tomás e Omar (de quinto) foron as persoas elixidas para organizar o envío de todos os bosquexos presentados polo alumnado do centro.

Primeiro, percorreron as aulas para recoller os debuxos. No despacho de dirección, prepararon unha portada por cada curso. Despois de varias probas, escaneáronnos e organizáronnos en carpetas para llelos enviar por correo electrónico a Lula Goce, ao centro e á ANPA.

Velaquí as fotos de todo o proceso. Como veredes, empregáronse as novas tecnoloxías da información e da comunicación de acordo coa metodoloxía proposta no proxecto que, recordámosvos, promove o uso responsable de internet e das TIC.

No ficheiro adxunto que atoparedes máis abaixo, podedes ver todos os proxectos do alumnado organizados por curso. 

Grazas a Tania, Lúa, Tomás e Omar por este bo traballo e grazas a todo o alumnado polos debuxos realizados!

Álbum: Curso 2021-2022 -> BOSQUEXOS LULA GOCE

PINTURA DO MURAL

Hoxe luns, 25 de outubro, Lula Goce comezou a pintar o mural no colexio no marco do proxecto da ANPA A igualdade: un mar de oportunidades.

A artista baionesa visitou en setembro todas as clases para presentar a súa obra desde unha perspectiva de xénero e solicitar a axuda do alumnado para realizar o bosquexo do mural.

Con todas as creacións que lle enviaron os nenos e nenas por correo electrónico, Lula Goce deixará no colexio a esencia da súa obra: recreará unha nena rodeada de elementos naturais, neste caso seres vivos dos fondos do mar de Baiona, cumprindo o enfoque ecolóxico que sempre se pode ver no seu traballo e como concreción das temáticas traballadas no proxecto.

Experiencias de mulleres do mar

Queremos poñerlle rostro ás mulleres de Baiona que traballaron e traballan en diferentes sectores vinculados co mar. Hai ou houbo algunha mariscadora, mariñeira, redeira, percebeira, mergulladora, investigadora de ciencias do ma etc. na túa familia ou no teu círculo de amizades? 

Convidámolas a achegarse ás aulas para contarlle ao alumnado as súas experiencias laborais e afectivas vinculadas ao mar,  a describir o seu traballo e a contar anécdotas e posibles desigualdades vividas polo feito de seren mulleres.

Poden participar tanto mulleres en activo como xubiladas.

Agardámosvos ata o 24 de novembro de 2021!

MULLERES ARTISTAS

Lula Goce, a artista baionesa convidada pola ANPA para pintar o mural, xa visitou as distintas aulas do CEIP Fontes Baíña.

Explicoulles ao alumnado como é o seu traballo, en que consiste a arte urbana, que estudos realizou e cal é o seu papel no proxecto A igualdade: un mar de oportunidades.

Na súa visita ás aulas, Lula convidou a todos e todas a suxerirlle ideas (en forma de descrición ou de bosquexo) que recollan os tres eidos do proxecto: a igualdade, as mulleres do mar de Baiona e as novas tecnoloxías.

O 8 de outubro, representantes das clases de sexto e de quinto organizarán as achegas e enviaránlles todo o material por correo electrónico a Lula, ao colexio e á ANPA para que a artista poida comezar a traballar nunha proposta de deseño para o mural do centro.

Seguro que as ideas do alumnado axudarán moitísimo a Lula!

 

 

INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS

Na asemblea que tivo lugar o 28 de setembro de 2021, presentámoslles o proxecto A igualdade: un mar de oportunidades aos 36 pais e nais asistentes. Solicitámoslles a súa colaboración para desenvolver todas as actividades previstas.

O 23 de setembro de 2021, enviouse a todas as familias unha circular en papel e a través de Abalar, coa presentación do proxecto e a descrición das actividades previstas. Tamén se entregou unha copia en papel da solicitude de autorización de uso de imaxe, voz e/ou propiedade intelectual específica do proxecto.

A continuación, podedes consultar e descargar ambos os dous documentos.

 

Moitas grazas ás familias pola súa participación!

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut