Skip to Content

                       

vese un gif animado sobre o que está soando no fio musical

A igualdade: un mar de oportunidades

AO SON DO MAR

 
Despedimos o curso 2021-2022 á carón do noso mural pintado pola querida artista
¡LULA GOCE!
A continuación podedes ver o vídeo *AO SON DO MAR*realizado polo alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, no marco do proxecto
A IGUALDADE UN MAR DE OPORTUNIDADES!
¡Feliz Verán!
 

PREMIOS DO CONCURSO DE CREACIÓN ARTÍSTICA

No transcurso do acto de conmemoración do 25 N, coñecemos os nomes dos premiados e premiadas do concurso de creación artística promovido pola ANPA no marco do proxecto A igualdade: un mar de oportunidades.

 Segundo as bases do concurso, estaban establecidas unha categoría para cada curso de infantil e de primaria e unha para as familias e o profesorado.
 
Velaquí o nome das persoas afortunadas:

4.º Educación Infantil: Xandre Sancho Fernández
5.º Educación Infantil: Alejandro José Simil Iglesias
6.º Educación Infantil: Jeanine Octchere Giraldez
1.º Educación Primaria: Estela Deaño Álvarez
2.º Educación Primaria: Adrián Rodal Misa
3.º Educación Primaria: Iria Vila Álvarez
4.º Educación Primaria: Samuel Rodríguez Suárez
5.º Educación Primaria: Inés Silva Giráldez
6.º Educación Primaria: Lúa Goce López
Profesorado e Familias: Azucena Diaz Pérez

As persoas gañadoras recibiron un libro sobre a temática da igualdade adaptado a cada categoría, adquiridos a través da subvención recibida por parte da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia:
 

O concurso, aberto ao alumnado, ao profesorado e ás familias, pretendeu fomentar na comunidade educativa os valores da igualdade e a prevención da violencia da xénero, plasmando nas obras as temáticas traballadas no marco do proxecto da ANPA: a igualdade, a muller do mar de Baiona a e as novas tecnoloxías.
 
En total houbo 40 participantes: 38 nenos e nenas, unha mestra e unha mamá.
 
Moitas grazas a todos e todas as artistas pola súa participación!

 

 

Acto conmemorativo 25 Novembro 2021

No Día Internacional contra a Violencia de Xénero, puidemos dar a coñecer os resultados do proxecto da ANPA ante a sociedade, entregar os premios do concurso de creación artística, inaugurar o mural pintado por Lula Goce e, sobre todo, homenaxear a Águeda González Portela, alumna do CEIP Fontes-Baíña entre os anos 1990 e 1997, a través do descubrimento dunha placa onde se pode ler un poema escrito por Águeda cando estudaba no centro.

En marzo de 2021 comezamos a construír o proxecto « A igualdade : un mar de oportunidades » no que foron collendo forma as actividades coñecidas por todos e todas e que culminarían no marabilloso mural pintado pola artista baionesa e mamá de dous alumnos do colexio, Lula Goce.

Dándolle forma a todas estas actividades, quixemos despertar a lembranza de Águeda e dedicarlle este proxecto para concienciar a comunidade educativa da importancia da prevención da violencia de xénero e da creación dunha contorna educativa e social potenciadora da igualdade.

Visitamos a súa familia para contarlle a nosa idea e decatámonos de que Águeda sería a nosa fonte de inspiración e o fío condutor do proxecto : alumna no CEIP Fontes Baíña entre os anos 1990 e 1997, filla dunha percebeira, Águeda era poeta, creativa, amiga e compañeira, unha nena e unha muller do noso mar.

O 25 de novembro de 2021, rematamos o proxecto « A igualdade : un mar de oportunidades » co convencemento de ter contribuído a transmitir valores de respecto, tolerancia e igualdade entre mulleres e homes coa implicación do profesorado e das familias.

Foi un evento moi emotivo que non esqueceremos nunca. Organizado pola Concellaría de Igualdade, puidemos coñecer a música de High Paw e O Rabelo a través da concelleira Yasmina Moreira que guiou o acto, coa axuda de dúas alumnas de sexto. Gozamos da lectura de poemas escritos por Águeda cando estaba no CEIP Fontes-Baíña, a cargo de Claudia, Lúa, Martín e Isis, estudantes do último curso de primaria. Tamén escoitamos a canción ”Bolboretas polo vento”, que representa o rexeitamento da violencia; composta polo mestre José Carlos González Fernández, foi interpretada polo alumnado de quinto e de sexto de primaria, acompañados ao piano pola mestra de música, Eva.

Grazas á Secretaría Xeral de Igualdade pola axuda recibida, ao centro pola súa implicación e axuda na concepción e no desenvolvemento do proxecto así como a todas as entidades que nos deron o seu apoio: Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, CIM, Cofradía de Pescadores, Universidade de Vigo, Deputación de Pontevedra, Obradoiros de Emprego do Val Miñor e a Garda Civil.

 

Moitísimas Grazas a todas as persoas que nos acompañaron nun día tan emotivo: Xefe Territorial de Educación de Pontevedra, Alcalde de Baiona, Inspectora de Educación, Concelleiras e Concelleiros, Directoras de outras escolas, Claustro de mestres, ANPA, Familias, Alumnas e Alumnos do CEIP, Familia de Agueda González Portela.

https://valminortv.com/2021/11/25/baiona-reclama-mais-recursos-para-a-loita-contra-a-violencia-machista/?fbclid=IwAR3rY7_1j2CqSFThiMaWLuVSfMN-NnckcEq0nLu9egpYQfNF7f0sHGm1tB0

https://telemarinas.com/baiona-reclama-mas-recursos-para-la-lucha-contra-la-violencia-de-genero/?fbclid=IwAR0ipyTQBvZcDjGOMEN9p48DIzNQKBthFLeL2D4qBk2csCUeLQJmd5bFEtw

Álbum: Curso 2021-2022 -> Acto conmemorativo 25 N

ROMPER OS ESTEREOTIPOS DE XÉNERO

Entre os obxectivos do proxecto "A igualdade: un mar de oportunidades" está romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos.

Co apoio da Universidade de Vigo, o alumnado de quinto e de sexto participou o venres 19 de novembro nunha charla sobre as novas masculinidades  a cargo de Sabela Salgueiro Couto.

A investigadora do Grupo en Saúde, Sexualidade e Xénero da Facultade de Educación e Traballo Social, coordinado pola catedrática María Lameiras, impartiu unha actividade dinámica e participativa seguintes obxectivos:

  • Desenvolver entre o alumnado a capacidade de identificar condutas sexistas e de actuar fronte a elas
  • Fomentar o respecto e o bo trato entre homes e mulleres así coma o respecto cara á diversidade sexual e de xénero.
  • Axudar o alumnado a reflexionar e ofrecerlle estratexias que lles permitan previr ou erradicar do seu entorno persoal e social a desigualdade e a violencia de xénero.

A través desta actividade pretendeuse tamén visibilizar as mulleres científicas contemporáneas e espertar a vocación investigadora entre as nenas e os nenas.

Co fin de traballar o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías da información e da comunicación, a actividade desenvolveuse a través de Campus Remoto, a plataforma de videoconferencia da Universidade de Vigo. As clases de quinto e de sexto conectáronse desde cadansúa aula e puideron interactuar con Sabela que se atopaba no seu despacho en Ourense, onde se atopa un dos campus da Universidade de Vigo.

Moitas grazas a Sabela e a Universidade de Vigo pola súa colaboración!

 

AS NOVAS MASCULINIDADES

O luns 15 de novembro de 2021, Pedro Brandariz foi o encargado de impartir a segunda formación dirixida ás familias.

Organizado por Dinamo Xestión de Actividades Socioculturais, o actor e humorista galego ofreceunos unha proposta formativa en novas masculinidades para sensibilizar e romper cos micromachismos e previr a violencia de xénero.

Uns 20 pais e nais puidemos reflexionar dunha maneira práctica e dinámica sobre os cambios nos modelos de comportamento dos homes na sociedade actual e sobre as consecuencias negativas que ten o sistema patriarcal tamén para os homes. Buscamos novos modelos atitudinais baseados no respecto e na igualdade entre homes e mulleres, introducindo a perspectiva de xénero de maneira transversal e específica.

A través de sinxelas dinámicas de grupo, xogos de simulación, xogos de rol, exercicios de análise, debate e proposta debatemos novas formas de exercer os roles de xénero, baseados sempre na igualdade e no respecto.

Desta maneira as familias reflexionarán sobre como están educando ás súas fillas e fillos e que cousas poden cambiar ou aplicar.

Desde unha metodoloxía lúdica, dinámica e participativa as familias puidemos reflexionar sobre como estamos educando os nosos fillos e fillas.

Grazas a Pedro e a Dinamo Xestión polo aprendido e as todas as persoas participantes!

USO SEGURO E RESPONSABLE DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

O venres 12 de novembro contamos coa presenza de María e José Ángel da Garda Civil de Baiona-Nigrán para concienciarnos sobre os riscos e os perigos que poden xurdir nas redes sociais e en internet a través dunha charla enmarcada no Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas. Este plan pretende potenciar as actuacións preventivas en relación cos riscos aos que se ven sometidos os menores con respecto ao uso das novas tecnoloxías.

Durante o relatorio, a Garda Civil incidiu nos riscos derivados do uso das novas tecnoloxías, os delitos aos que se poden ver expostos os menores cando as empregan, como poden ser o sexting (trasmisión de imaxes de contido sexual a través de internet), o ciberacoso (acoso ou intimidación por medio de tecnoloxías dixitais) e o grooming (acoso e abuso sexual a través das redes sociais) entre outros, así como a necesidade de denunciar cando se crea que se pode ser vítima dalgún destes delitos.

Máis información

 

XORNADAS DE FORMACIÓN PARA AS FAMILIAS

O proxecto "A igualdade: un mar de oportunidades" inclúe tamén dúas citas dirixidas ás familias.

 

Uso seguro e responsable das novas tecnoloxías

Venres 12 de novembro, ás 16.00 h

O Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos súas contornas, impulsado desde Delegación do Goberno en Galicia e a Alta Inspección de Educación, ofrécelles aos centros docentes a posibilidade de solicitar charlas informativas/formativas sobre temáticas como: acoso escolar, drogas e alcol, violencia de xénero, novas tecnoloxías, bandas xuvenís, etc.

No marco do proxecto da ANPA, o CEIP Fontes Baíña acolle unha charla impartida por persoas expertas das forzas e corpos de seguridade do Estado  dirixida ás familias e centrada nun dos eixes do proxecto: a promoción do uso seguro e responsable das redes sociais e de Internet.

 


As novas masculinidades

Luns 15 de novembro, ás 16.00 h

Dinamo Xestión organiza unha proposta formativa en novas masculinidades para sensibilizar e romper cos micromachismos e previr a violencia de xénero.

Neste obradoiro trataranse dunha maneira práctica e dinámica os cambios nos modelos de comportamento dos homes na sociedade actual. Descubriranse as consecuencias negativas que ten o sistema patriarcal tamén para os homes e buscaranse novos modelos actitudinais baseados no respecto e na igualdade entre homes e mulleres, introducindo a perspectiva de xénero de maneira transversal e específica.

A través de sinxelas dinámicas de grupo, xogos de simulación, roll-plays, exercicios de análise, debate e proposta daranse a a coñecer novas formas de exercer os roles de xénero, baseados sempre na igualdade e no respecto. Desta maneira as familias reflexionarán sobre como están educando ás súas fillas e fillos e que cousas poden cambiar ou aplicar.

Todo isto dende unha metodoloxía lúdica, dinámica e participativa que conformará unha actividade interesante e atractiva para todos os membros da familia.

Agardamos a vosa participación nestas interesantes actividades! Podedes apuntarvos por correo electrónico no enderezo anpafontes@hotmail.es ou por teléfono ou whatsapp no seguinte número: 654 838 212

CONCURSO DE CREACIÓN ARTÍSTICA

A ANPA organiza un concurso de creación artística dirixido a todos os membros da comunidade educativa no marco do proxecto “A igualdade: un mar de oportunidades”

Bases

  • As temáticas que se plasmarán nas obras serán aquelas traballadas no marco do proxecto da ANPA : a igualdade, a muller do mar de Baiona a e as novas tecnoloxías.
  • As creacións serán orixinais e inéditas, cun máximo dunha obra por autor/a.
  • Realizaranse en láminas de tamaño DIN A4 a unha soa cara proporcionadas pola ANPA. Entregarásenlle ao alumnado xunto cun sobre grande e un sobre pequeno. As familias que desexen participar poderán recoller unha lámina na dirección do centro.
  • A técnica empregada será libre.
  • Establécense unha categoría para cada curso de infantil e de primaria e unha para as familias e o profesorado.
  • Outorgarase un premio por cada categoría.
  • Os debuxos serán valorados por un tribunal integrado por membros da dirección do centro, da directiva da ANPA, da Concellería de Igualdade e a artista Lula Goce.
  • O galardón será un libro sobre a temática da igualdade adaptado a cada categoría, adquirido a través da subvención da Secretaría Xeral de Igualdade.
  • O 25N, con motivo da conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero, todas as obras exhibiranse no colexio e entregaranse os premios.
  • Todos os debuxos serán publicados nunha galería a páxina web do centro.
  • As obras poderán difundirse en actos e materiais específicos relacionados coa igualdade.
  • A participación no concurso implica a aceptación de todas as bases.

Presentación dos traballos

  • Os traballos entregaranse no centro ata o 15 de novembro de 2021 e non se admitirán os traballos entregados fóra de prazo.
  • Na parte traseira da lámina figurará o pseudónimo co que se participa. A lámina introducirase nun sobre do mesmo tamaño. Grampado ao sobre que contén o debuxo irá un sobre pequeno pechado no que figurará o pseudónimo no exterior. Dentro do sobre pequeno poñeranse os datos do alumno/a e o curso ; no caso das familias, incluiranse no sobre pequeno os seguintes datos : nome, apelidos e datos do alumno/a ; o profesorado incluirá o seu nome e apelidos.

Animámosvos a participar!

TRABALLOS DE INVESTIGACIÓN SOBRE AS MULLERES DO MAR

Descubre o importante papel xogado desde sempre polas mulleres na conservación dos océanos e na explotación sostible dos recursos mariños. Realiza unha busca de información, obxectos ou fotografías relacionadas co traballo das mulleres do mar en xeral e do ma de Baiona, en particular. Tamén podes realizar entrevistas, escribilas ou gravalas. 

Todos os formatos e as achegas son benvidos e pódesllos entregar á túa titora ata o 5 de novembro de 2021.

O obxectivo é concienciar a comunidade educativa da importancia da sostibilidade do mar desde unha perspectiva de xénero e reflexionar sobre as diferenzas entre homes e mulleres neste ámbito.

 

Para visualizar os fermosos traballos realizados polas nosas alumnas fai clic no título e nome da autora:

 

  1. AS REDEIRAS DE BAIONA, por LÚA GOCE LÓPEZ (6º EP)
  2. INVESTIGACIÓN E ENTREVISTA, por ALICIA RODRÍGUEZ MINIÑO (6ºEP)
  3. A FÁBRICA DE PUGA, por ZOE FERNÁNDEZ OPAZO (6º INFANTIL)
  4.  A BISAVOA ROSA, Por PAULA GOCE LÓPEZ (2º EP)

 

Noraboa e Grazas polas investigacións realizadas dando a coñecer os traballos das mulleres do mar de Baiona.

A IGUALDADE: UN MAR DE OPORTUNIDADES

O proxecto da ANPA do CEIP Fontes Baíña titulado A Igualdade: un mar de oportunidades obtivo unha axuda económica de 3000 euros da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia destinada a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

Contamos co apoio firme do centro para levar a cabo todas as actividades así como coa colaboración das seguintes organizacións: Centro de Información, Concello de Baiona, Confraría de Pescadores de Baiona, Universidade de Vigo, Deputación de Pontevedra e Obradoiros de Emprego de Galicia. 

O proxecto arrancará co inicio do curso 2021/2022 e rematará o 25 de novembro de 2021, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

A proposta inclúe distintas accións para tratar a igualdade e previr a violencia de xénero a través das mulleres do mar de Baiona, a arte, as TIC e as novas masculinidades. A culminación do proxecto será a pintura dun mural a cargo da artista Lula Goce a través dunha metodoloxía participativa e didáctica con todo o alumnado do colexio. A intervención artística plasmará o papel da muller do mar de Baiona, alertará dos perigos do uso inadecuado das novas tecnoloxías e amosará o rexeitamento unánime da comunidade educativa á violencia de xénero.

O obxectivo do proxecto é concienciar a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) da importancia da prevención da violencia de xénero e da creación dunha contorna educativa e social que potencie a igualdade a través da súa participación nas actividades:

  • Presentación do proxecto ao alumnado
  • Encontro da artista baionesa Lula Goce co alumnado
  • Recompilación de información e de fotografías sobre as mulleres do mar de Baiona.
  • Testemuños de mulleres do mar de Baiona.
  • Proxección do documental 'Loita no acantilado' e debate coas protagonistas.
  • A Maleta dos océanos: a achega das mulleres á sustentabilidade do mar.
  • Relatorio e obradoiro sobre as novas masculinidades.
  • Charlas sobre os perigos do mal uso de internet e das redes sociais.
  • Encontro do alumnado coa artista baionesa Lula Goce
  • Concurso de debuxo e de pintura
  • Pintura dun mural a través dunha metodoloxía didáctica e participativa con todo o alumnado do colexio que simbolizará da comunidade educativa á violencia de xénero.
  • Xornada de formación e de convivencia para as familias.
  • Celebración do 25 N: inauguración do mural e homenaxe a Águeda González Portela. 

Agradecémosvos a vosa máxima colaboración para que o proxecto sexa un éxito!

Distribuir contido


by Dr. Radut