Aproveitando que o alumnado de terceiro desenvolvemos un proxecto de meteoroloxía no comezo do segundo trimestre, visitamos a caseta meteorolóxica durante todo o mes de xaneiro.


Cada día tras comprobar os parámetros de temperatura, presión atmosférica, humidade e precipitación iamos rexistralo no recunchode meteoescolas.

Empezamos a familiarizarnos cos climogramas e construímos un por cada semana.
Tivemos a sorte de rexistrar o acontecido por dúas borrascas: GÉRARD e HANNELORE, que nos permitiron recoller no pluviómetro precipitacións de máis de 30 ml. Tamén comprobamos que a diferenza entre a temperatura máxima e mínima era moi pequena.


As dúas últimas semanas o tempo cambiou por completo. Estivemos dominados por un anticiclón que trouxo o tempo moi seco pero con temperaturas mínimas moi baixas e máximas sorprendentemente altas. Fixádevos como cambiou o climograma.


Durante este proxecto, investigamos sobre moitos aspectos tan de actualidade como cambio climático, quecemento global, burato da capa de ozono ou efecto invernadoiro. Tamén indagamos sobre fenómenos atmosféricos extremos como furacáns, ciclóns, tornados, secas ou inundacións. Encantounos saber sobre acontecementos meteorolóxicos misteriosos como nubes luminiscentes, auroras boreais, neve rosa, chuvia de animais… ou descubrir quen inventou o pluviómetro, o termómetro, o barómetro ou anemómetro.