CURSO 2ºA 2ºB

EXPERIMENTANDO COS ESTADOS DA AUGA

Nesta entrada de Blog quedan recollidos todos os vídeos que o alumnado de segundo  realizou coa axuda da familia e onde demostrou todo o que apredeu sobre os estados da auga. FIXÉRONO XENIAL! Se premedes na imaxe pódese ver o vídeo dos nenos e nenas de 2º A.

ESTADOS DA AUGA 

Se premes nestoutra imaxe verás o traballo dos nenos e nenas de 2º B.

ESTADOS DA AUGA

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO - ADIÓS RÍOS ADIÓS FONTES EN LSE

Co gallo da celebración do Día de Rosalía de Castro, a intérprete do noso centro, Rosa Louro, foi gravando a tódolos grupos do cole mentres signaban este podema tan coñecido: Adiós ríos, adiós fontes. Grazas Rosa!!!

 

 

 

Entroido Olímpico

Neste curso, o alumnado celebrou o Entroido participando no Mandadiño toda a semana xunto co resto do alumnado da escola.

O venres 9, celebramos un Entroido Olímpico e, como estaban días chuviosos, fixemos o desfile no ximnasio xunto co alumnado de primaria. Nós convertémonos en NADADORES E NADADORAS, así que puxémonos os traxes de baño, as gafas e os gorros... e a desfilar!!!

Para acompañar a festa, as nosas familias colaboraron con nós cunhas fantásticas maracas decoradas coas bandeiras dos países que participan nas Olimpíadas. Ademais, na aula de tecnoloxías, imprimimos unhas medallas cos aros olímpicos na impresora 3D, que logo coloreamos con rotuladores especiais.

Acompañamos a nosa festa coa canción "Nadando sen parar" de Mamá Cabra, cunha coreografía moi animada e animamos os corredores do colexio entonando as cancións das comparsas de Bueu: "Falemos Galego" e "Son de Bueu".

Finalmente compartimos unha merenda con sobremesas de Entroido que prepararon as nosas familias. Unha medalla de ouro para elas!

Foron uns días verdadeiramente olímpicos!

DÍA DA PAZ

Hoxe na escola celebramos o DÍA DA PAZ.

O alumnado de 2º colaboramos redactando dúas pequenas estrofas que despois recitamos diante do resto da escola e cuns personaxes para o mural UNIDXS POLO DEPORTE!

 

2ºA

Co deporte aprendemos a convivir en paz,

a facer amigos e non inimigos

a divertirnos xogando limpo

e a non rexeitar a ninguén.

 

2ºB

O deporte ensínanos a esforzarnos,

a saber perder e gañar,

a traballar en equipo

e que todos e todas podemos participar.

 

Ademais, saímos a cantar ao patio as cancións elixidas para este día, en inglés e en galego... e recibimos a sorpresa da visita de Olaia, unha das Tanxugueiras, que veu cantar canda nós para ver se entre todos e todas conseguimos a Paz.

Desexamos que chegue cedo a Paz a todos os rincóns do mundo!

FESTIVAL DE NADAL 2023

Aquí tendes o Festival de Nadal celebrado nos últimos días de clase. Despois do traballo musical de todo o trimestre, este foi o resultado final. Grazas á profe Elsa pola organización, e ás demais persoas que participaron.

Agardamos que vos guste!!!

 

 

25 DE NOVEMBRO

O venres 24 de novembro o alumnado de 2º reuniuse para reivindicar a construción da convivencia entre as persoas e dicir un NON claro e rotundo a violencia contra ás mulleres. Para tomar conciencia deste problema social o alumnado leu historias de mulleres que loitaron polos seus dereitos ao longo da historia, visualizou vídeos con esta temática e cantou a canción de Rozalén "LA PUERTA VIOLETA" ilustrando a súa mensaxe de maneira comprensible e creativa, podedes ver os seus traballos no vídeo premendo na imaxe.

 

Ademais aportamos un verso e un vídeo para unha canción colaborativa e de denuncia que cantamos xuntos "NELAS TEMOS QUE CRER" baixo a dirección de Elsa, profe de música do centro. Se premedes nesta imaxe podedes ver o produto final.

   

 

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Onte fomos á AULA DE CIENCIAS, xa que seguimos no mes da ciencia en galego.

Estivemos experimentando cos sentidos coas profes Rosa e Marta. Puidemos probar e tratar de adiviñar sabores e olores. Tamén tocamos un alfabeto Braille e deixamos a nosa pegada dixital nun papel. Ademais xogamos a descubrir obxectos só usando o sentido do tacto. Pasámolo xenial e aprendemos moito!

Podedes ver o vídeo premendo aquí:

EXPERIMENTANDO COS SENTIDOS

MAGOSTO 2023

O venres 17 celebramos o MAGOSTO en primaria. Foi unha mañá moi agradable xa que non choveu e puidemos gozar cos xogos tradicionais que nos prestou a Asociación Corredoiras. Despois, Ramón asou unhas moi ricas castañas que degustamos con moitas ganas.

Premede na palabra para gozar do vídeo!

 

MAGOSTO

EXCURSIÓN A PONTEVEDRA

O pasado 14 de novembro, martes, tivemos a primeira saída fóra de Bueu deste curso.

O noso destino foi Pontevedra, concretamente o teatro de Afundación, onde puidemos gozar dun espectáculo de percusión da man do grupo ODAIKO.  Pasámolo xenial e gustounos moito!

Ao rematar a actuación, deixáronnos merendar no vestíbulo do auditorio xa que fóra estaba chovendo. Como máis tarde parou a choiva, puidemos saír ao exterior e, acompañados das profes, achegámonos ao parque das palmeiras na Alameda de Pontevedra. Alí puidemos gozar dun raíño de sol que nos permitiu xogar un bo rato ata que foi a hora de coller os buses e volver a Bueu. Foi unha mañá fantástica!

Distribuir contido