O TEMPO MADE IN BUEU

METEOESCOLAS QUENDA DE 4º DE PRIMARIA

A última semana de novembro tocounos ao alumnado de 4ºA rexistrar o tempo.

Como ben sabedes o que máis nos gusta é o pluviómetro pero xusto esa semana deixou de chover. Xa foi mala sorte! Pola contra o que si puidemos observar foi unha gran baixada de temperaturas de noite e polo mañá cedo, que se tornaban altas polo medio grazas ao Sol.

Todos os días tocábamos a herba e comprobábamos que estaba mollada pola condensación do vapor de auga. Veunos moi ben para repasar o ciclo da auga.

O alumnado de 4ºB si que tivemos mías sorte porque o pluviómetro si que volveu a conter auga grazas ás borrascas que entraron na nosa semana.

Como en anos anteriores rexistramos todos os datos recollidos na caseta meteorolóxica.

Volveremos en abril e será moi intereresante comparar a diferenza de tempo atmosférico do outono á primavera.

 

MES DA CIENCIA: OBRADOIRO SOBRE A AUGA

O pasado venres, 10 de novembro, o alumnado de segundo e cuarto de primaria tivemos a sorte de asistir a un obradoiro sobre a auga.

Este obradoiro está enmarcado dentro da celebración do mes da ciencia en galego.

O alumnado de cuarto ademais estamos a piques de empezar un proxecto sobre a auga.

Loreto, científica de AUGAS DE GALICIA, explicounos cousas moi interesantes, pero o que máis nos chamou a atención foi que as inundacións son fenómenos naturais e que ademais son beneficiosas para o propio río e para os terreos que están na súa beira.

O problema é que se construíu onde debería haber vexetación e que ademais se desviou o leito de moitos ríos.

Con Loreto fixemos ademais algún experimento e xogos.

Clicade na imaxe para ver imaxes dese día.

COMEZAMOS UN NOVO CURSO METEOROLÓXICO!

O curso 2023/24 xa comezou, e con el retomamos a observación do tempo e a recollida de datos. Durante o mes de setembro tivemos unhas temperaturas máis altas do habitual, que duraron ata a primeira quincena de outubro. A partir desa data comezaron as chuvias intensas, acompañadas de ventos fortes.

O alumnado da nosa escola comezou a recoller os datos no mes de outubro na caseta meteorolóxica e farémolo ata xuño.

Unha incidencia que se produxo durante a segunda quincena de outubro é que un día chegamos e o fermoso cataventos que construiron unhas alumnas o pasado curso e que estaba amarrado á caseta, apareceu dobrado e caído. Esa mesma noite producíronse refachos de vento moi fortes, polo que pensamos que puido ser esa a causa.

Arranxarémolo o máis cedo posible para poder volver a colocalo e así observar a dirección do vento.

Bo curso meteorolóxico a todas e todos!

6º VISITA METEOGALICIA

O día 20 de xuño o alumnado de 6º viaxou xunto coas súas mestras a Santiago de Compostela. O primeiro que fixeron foi visitar Meteogalicia onde recibiron unha charla informativa, e tiveron a oportunidade de ver como se lanza unha radiosonda meteorolóxica que, impulsada por un globo, proporciona información sobre o estado da atmosfera. A rapazada seguiu con moito interese o percorrido da radiosonda, gozou moito desta actividade e espertoulles curiosidade.

Só nos queda agradecerlle ao persoal de Meteogalicia o seu recibimento e atencións para co alumnado e profesorado.

Proxecto NUBES II

Os Furabolos da Pedra, de 4º de infantil, presentan a segunda parte do seu proxecto sobre as nubes. Premede no enlace para poder velo!

 

http://osfurabolosdapedra.blogspot.com/2023/05/proxecto-nubes-ii.html?m=1

 

Precioso proxecto, profes Teruca, María e Furabolos!!!

Os Pelouros e a Meteoroloxía

Neste curso, os Pelouros de 4º Infantil observaron o tempo cada día. Ao rematar o mes facían un reconto con diversos materiais manipulativos como palliñas, regletas, pauciños...

Nos seguintes enlaces, podedes ver as entradas que fixeron no seu blog cada mes:

- Outubro

 http://pelourosdebueu.blogspot.com/2022/10/meteoescolas-o-tempo-en-outubro.html

 

- Novembro

 http://pelourosdebueu.blogspot.com/2022/11/meteoescolas-o-tempo-en-novembro.html

 

 - Decembro

 http://pelourosdebueu.blogspot.com/2023/01/meteoescolas-o-tempo-en-decembro.html

 

- Xaneiro

 http://pelourosdebueu.blogspot.com/2023/02/meteoescolas-o-tempo-en-xaneiro.html

 

- Febreiro

 http://pelourosdebueu.blogspot.com/2023/03/meteoescolas-tempo-en-febreiro.html

 

- Marzo

 http://pelourosdebueu.blogspot.com/2023/04/meteoescolas-o-tempo-en-marzo.html

 

- Abril

 http://pelourosdebueu.blogspot.com/2023/06/meteoescolas-o-mes-de-maio.html

 

- Maio

 http://pelourosdebueu.blogspot.com/2023/06/meteoescolas-o-mes-de-maio.html

 

Gran traballo da profe Toñi e os Pelouros!!

O CATAVENTOS PAPIRUS

Un día do mes de xuño apareceu Papirus colocado misteriosamente enriba da nosa caseta meteorolóxica. Pero que fai aí Papirus? Esta era a pregunta de toda a comunidade escolar.

Queredes saber a historia?

Noa e Mar estaban levando na  aula de terceiro un proxecto de meteoroloxía. Propuxéronlle a profe Geli facer un cataventos, porque o  botaban en falta na caseta. Puxéronse mans á obra e seguiron os seguintes pasos:

Fixeron unha maqueta en papel coa imaxe de Papirus (non foi doado porque o noso polbo ten moitas patas)

Decidiron que o mellor material sería a madeira e calcaron a maqueta.

Un misterioso e amable carpinteiro, de nome Luís, cortouna.

Noa e Mar coloreárona cunha pintura especial, resistente á chuvia e ao Sol.

 

O noso querido conserxe Ramón, enxeñou a maneira de colocala sobre a caseta.

Ø

 

O resultado é espectacular. Agora podemos sabercal é a dirección do vento, e tede por seguro que nos vai axudar a ser:

Mellores meteorólogas e meteorólogos!

  

SAÍDA A SANTIAGO DE COMPOSTELA

O pasado 23 de maio, o alumnado de 5º de primaria fomos de excursión a Santiago de Compostela.

Comezamos o día cunha visita moi especial, a MeteoGalicia, onde aprendemos moitas cousas sobre meteoroloxía e aparatos meteorolóxicos. Tamén puidemos ver un vídeo do lanzamento dunha radiosonda meteorolóxica que, impulsada por un globo, proporciona información sobre o estado da atmosfera. Ademais, visitamos a sala de Predición Operativa, onde nos explicaron as ideas básicas da predición meteorolóxica e onde tivemos a gran sorte de escoitar en directo a predición do tempo para unha cadea de radio.

Continuamos a nosa excursión cunha visita ao Museo da Historia Natural, onde fixemos un percorrido polas salas expositivas con explicacións dun guía especializado.

Para finalizar o día, visitamos a fermosa Praza do Obradoiro, onde puidemos ver a Catedral de Santiago de Compostela.

Sen dúbida, foi un día moi completo e pasámolo xenial!!

 

ENCÁNTANOS A METEOROLOXÍA!!

VOLVEMOS SER METEORÓLOGXS!!!

Este curso volvemos traballar no eido da METEOROLOXÍA! Tocounos volver investigar o tempo atmosférico e tomar nota das temperaturas, a presión atmosférica, a humidade, as precipitacións...

E, como xa estamos en 2º, este curso fixémolo por partida triple, en tres épocas diferentes: en decembro, en abril e entre maio e xuño.

En canto entrabamos na escola a primeira hora da mañá, iamos á caseta meteorolóxica e tomabamos nota dos datos das medicións e, inmediatamente, nos dirixiamos ao PANEL DAS METEOESCOLAS que temos no corredor do BIBLIOCASTELO, para rexistrar a información.

Nas primeiras semanas de decembro, cando chegou a primeira quenda, puxémonos mans á obra!! E para facelo, volvemos repasar conceptos.

·       TEMPERATURAS: mídeas o termómetro en graos centígrados.

o   MÁXIMA: a máis alta. Acádase a iso do mediodía. Como visitamos a caseta meteorolóxica a primeira hora da mañá, temos que apuntala no rexistro do día anterior!!!

o   MÍNIMA: a máis baixa. Prodúcese de madrugada. Esta si que a anotamos no día presente!!!

 

·       PRESIÓN ATMOSFÉRICA: que é a forza que exerce o aire sobre a superficie da Terra. Rexístrase no barómetro e mídese en milibares.

·       HUMIDADE: rexístraa o higrómetro e mídese en porcentaxes; por exemplo, o 70%.

·       PRECIPITACIÓNS: recóllense no pluviómetro e medímolas en mililitros.

ENCÁNTANOS ESTA TAREFA!!!

Durante a última quincena de abril repetimos experiencia e resulta curiosísimo destacar que en ambas ocasións se deron circunstancias meteorolóxicas totalmente distintas na primeira semana de medicións que na segunda.

Na primeira parte da quincena de decembro e na primeira na de abril, as temperaturas foron estrañamente altas para a época do ano e non choveu nin unha pinga. Porén, tanto na segunda semana de decembro como na última de abril, as precipitacións foron abundantes (sobre todo entre os días 12 e 16 de decembro; tanto, que houbo algún deses días nos que non puidemos saír a medir a primeira hora porque chovía moitísimo).

Encántanos esta actividade e sérvenos para reflexionar sobre o terrible problema do cambio climático. É NECESARIO QUE TODXS TOMEMOS MOI EN SERIO QUE O PLANETA ESTÁ EN PERIGO E É RESPONSABILIDADE DE TODXS BUSCAR SOLUCIÓNS PARA COIDALO.

Como ademais nos coincidiu coa celebración do DÍA MUNDIAL DO PLANETA o día 22 de abril vimos varias curtametraxes na aula para reflexionar sobre temas relacionados con isto como o consumo de auga, a contaminación, o aforro enerxético, o uso dos plásticos...

Entre a última semana de maio e a primeira de xuño, levamos a cabo a derradeira quenda deste curso e fixádevos que curioso; outra vez sucedeu que nos últimos días choveu máis que na semana anterior, igual que nas outras dúas ocasións!!

ALGO ESTRAÑO ESTÁ A SUCEDER COA CLIMATOLOXÍA E É SÍNTOMA DO QUE LLE  ACONTECE AO PLANETA.

NON PODEMOS ELUDIR QUE O SEU COIDADO É COUSA DE TODXS!!

PREMEDE NA IMAXE PARA VER AS FOTOS

 

 

 

 

 

 

 

ESTREAMOS CASETA METEOROLÓXICA!!!

Durante o mes de maio, o alumnado de 1º volveu á caseta meteorolóxica para recoller os datos de primavera. Coincidiu nunha época de bastante calor e tamén de treboadas, polo que puidemos recoller algo de chuvia do Pluviómetro, que sempre nos encanta.

Ademais tivemos a ocasión de estrear a nova CASETA METEOROLÓXICA!

A caseta que tiñamos antes estaba xa moi velliña e mesmo non tiña porta... Por tanto, encargouse unha caseta nova ao módulo de carpintería da Asociación Juan XXIII de Cangas. Elaborárona con moito cariño e quedou moi bonita e forte, lista para aguantar moitos cursos máis!!!

Distribuir contido