blogue deMarta Valbuena

METEOGALICIA E DIPLOMA EXCELENCIA

O mércores 15 de novembro, dúas mestras da escola, foron a Santiago de Compostela ás xornadas de Meteoescolas. Alí ademais de recibir formación, foron obsequiadas co DIPLOMA DE EXCELENCIA polo proxecto do ano anterior e un agasallo: un termómetro de terra que finalmente instalouse nas hortas do colexio de Infantil para que os máis pequenos da escola teñan a posibilidade de medir a temperatura.

Moitas grazas a todo o Equipo de Meteogalicia polo recoñecemento e o agasallo!

OS FURABOLOS E O TEMPO

Os Furabolos da Pedra, alumnado de 5º de infantil non podía ser menos e tamén traballou co tempo. Representaron o mapa do tempo de Galicia e recitaron refráns tradicionais.

Premede na imaxe para ver o ben que o fixeron!

OS LARETAS E O TEMPO

Na aula dos e das Laretas, alumnado de 6º de infantil, cada día hai un protagonista que pinta un rectángulo da columna correspondente, segundo o tempo que faga ese día: sol, chuvia, nubes...

A fin de mes, contamos cantos hai en cada columna para ver o tempo que predominou ao longo do mes e o representamos cun número e material manipulativo.

 

OS TRASNOS E O TEMPO

Os trasnos, alumnado de 4º infantil, cada día rexistramos no calendario o tempo atmosférico. Ao finalizar cada mes creamos o nome do mes con letras móbiles e a gráfica do tempo cos number blocks.

OS PELOUROS E O TEMPO

Ao longo de varios meses do curso, o alumnado de 5º infantil do grupo PELOUROS, observaron e mediron o tempo, que despois rexistraban ao rematar cada mes cun reconto matemático representado de diferente xeito.

Podedes entrar en cada un dos meses para ver o seu traballo.

OUTUBRO

http://pelourosdebueu.blogspot.com/2023/11/meteoescolas-o-tempo-en-outubro.html

XANEIRO

http://pelourosdebueu.blogspot.com/2024/02/tempo-en-xaneiro.html

FEBREIRO

http://pelourosdebueu.blogspot.com/2024/03/tempo-en-febreiro.html

MARZO

http://pelourosdebueu.blogspot.com/2024/04/tempo-en-marzo.html

ABRIL

http://pelourosdebueu.blogspot.com/2024/05/tempo-en-abril.html

MAIO

http://pelourosdebueu.blogspot.com/2024/06/tempo-en-maio-estivo-ben-repartido.html

Moi ben, Pelouros! Fixéstelo xenial!!!

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN

Despois dun curso moi completo, precisamos unhas boas vacacións nas que aprendamos dun xeito diferente ao da escola.

Deixámosvos aquí as recomendacións das mestras de 2º... E non vos esquezades de ver os Xogos Olímpicos de París!!!

A ABELLIÑA QUE PERDEU AS ÁS

Neste curso, o alumnado de 2º tiña unha sesión cada 15 días na aula de tecnoloxías da escola. Alí aprenderon a facer proxectos de robótica, gravaron cousiñas na radio e incluso experimentaron coa ciencia.

No terceiro trimestre, dentro do proxecto de ciencias sobre as abellas, elaboraron unha curtametraxe baseada nun conto da biblioteca: A abelliña que perdeu as ás.

Para iso, gravaron os audios na radio, debuxaron os personaxes, crearon os decorados e despois, cunha paciencia infinita comezaron a gravación coa técnica stop-motion, que consiste en facer moitas fotos movendo moi pouquiño a escea ata conseguir que pareza que se move.

Foi unha aprendizaxe moi interesante e aquí podedes comprobar os resultados. Premede na foto para ver a película!!!

AS OLIMPÍADAS DE PAPIRUS

Ao longo deste curso, todo o alumnado de primaria aprendeu cousas sobre os Xogos Olímpicos:

-Lemos o conto "Mi primer libro sobre los Juegos Olímpicos"

- Fixemos un mural coa conta atrás para a inauguración das Olimpíadas...

- Investigamos en mapas os lugares máis representativos por onde pasaba o facho olímpico...

- Coñecemos as mascotas desta edición e dalgunhas das anteriores...

- Investigamos os clubes deportivos de Bueu...

Todo o que aprendemos durante este curso, quedou reflectido na actuación final do 19 de xuño no salón de actos do IES Johan Carballeira, onde demostramos que somos uns expertos e expertas olímpicos.

 

DÍA METEOROLÓXICO MUNDIAL

Coincidindo co DÍA METEOROLÓXICO MUNDIAL, o alumnado de 2º investigou dúas lendas sobre a formación do ARCO DA VELLA, ese fenómeno tan misterioso pero que tanto ilusiona a pequenos e grandes!

Despois de investigar a orixe divina e a orixe popular, aprenderon as cores que o compoñen e crearon así a súa portada das fichas do 2º trimestre.

Ademais, representamos un teatro sobre as cores do ARCO DA VELLA, descubrindo que non hai unha mellor que outra, senon que todas unidas e grazas á chuvia fan un equipo único. Para representalo, o alumnado veu vestido para á ocasión cunha camiseta da súa cor, de tal xeito que entre todos formaban un alegre arco da vella!

O tempo en febreiro

Durante este mes de febreiro, o alumnado de 2º foi o encargado de observar o tempo.

As nosas tarefas foron:

- Revisar a primeira hora da mañá a caseta meteorolóxica para ver as temperaturas máximas e mínimas, o pluviómetro para ver as precipitacións, o barómetro para ver a presión do aire, o higrómetro para ver a humidade ambiental.

- Observar a herba por se hai orballo e comprobar a dirección do vento.

- Ter en conta calquera outro meteoro: néboa, calixe, sarabia, treboada...

A continuación rexistramos todos eses datos no corredor do Bibliocastelo, na sección de Meteoescolas.

Ademais, na aula, realizamos un rexistro das luadas do mes de febreiro, observando a lúa diariamente.

Gustounos moito ser os encargados do tempo e estamos desexando que chegue maio para volver a ser Meteorólogos e Meteorólogas!

Distribuir contido