Gallego

Catro estudantes do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela gañan o premio Galiciencia e representarán a Galicia en Expocerca en Barcelona

Un equipo de catro estudantes, José Manuel Vigo, Pedro Bascoy, Pablo Dobarro e Carlos Almuíña de 2º de Bacharelato, xunto co seu profesor Constantino Álvarez resultaron gañadores absolutos de Galiciencia.
Participaron co proxecto dun fantástico coche bipraza convertible, que se alimenta de enerxía solar e/ou eléctrica, cunha cámara de infravermello como retrovisor e que pasa a información en tempo real do estado da estrada a unha cámara situada diante do condutor.


Este proxecto representará a Galicia en Expocerca en Barcelona, mostra que reúne traballos de investigación realizados por rapaces de entre 12 e 30 años e que premia as propostas máis interesantes.

Gallego
Gañadores Galiciencia 2012

Sección: 

A inscrición no concurso literario "Los profes también cuentan" está aberta ata o 3 de febreiro de 2013

Ecoembes convoca o segundo concurso escolar "Los profes también cuentan", dirixido a todo o profesorado de educación primaria de España. A inscrición e o envío de materiais debe facerse no formulario accesible na páxina web http://www.amarilloverdeyazul.com/los-profes-cuentan-2/ antes do 3 de febreiro de 2013.

A finalidade do concurso é apoiar a todos os docentes con inquietudes literarias, así como fomentar entre o seu alumnado aquelas actividades relacionadas coa lectura, promovendo a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks, así como envases de papel e cartón.

Segundo as bases do concurso os contos enviados deberán ser obras orixinais e inéditas, escritas en castelán e que non foran anteriormente premiadas. Ademais, deberán narrar a historia dun superheroe protector do medio ambiente e estar enfocados á reciclaxe de envases, estar dirixidos a alumnado de educación primaria e ter unha extensión de entre 400 e 800 palabras.

O xurado escollerá os 10 mellores traballos, que serán publicados e, entre estes, seleccionará un gañador que terá como premio colectivo para toda a clase participante e para tres profesores/as acompañantes unha estancia nun parque infantil a elixir e que non supere os 6.000 euros de custe. Ademais, o conto gañador servirá de guión para a a grabación dunha curta de animación basada nel.

Gallego
Los profes cuentan 2

Sección: 

A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos-programa para a mellora do éxito escolar con 289 centros de ensino, o dobre que no curso 2011/2012

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad vén de publicar a resolución provisional da segunda convocatoria desta iniciativa

Impulsaranse 420 actuacións nestes centros, un 84% máis que no ano académico anterior

Gallego
 A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos-programa para a mellora
A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos-programa para a mellora do éxito escolar cons 288 centros de ensino, o dobre que no curso 2011/2012

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinará contratos-programa para a mellora do éxito escolar cun total de 289 centros educativos, o dobre de colexios e institutos implicados no ano académico anterior. Deste xeito queda confirmado o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa posta en marcha polo departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad. De feito, a esta segunda convocatoria presentáronse 314 centros, con propostas para o desenvolvemento de 527 actuacións, o que supuxo duplicar o número de solicitudes do ano anterior, mostra do interese da comunidade educativa.

A Consellería vén de publicar no portal educativo (/portal/node/7689 )a resolución provisional dos centros seleccionados, e cos que a Consellería asinará os contratos-programa. Dos 289 que cumpriron os requerimentos da convocatoria, 94 pertencen á provincia da Coruña, 31 á de Lugo, 35 á de Ourense e 129 á de Pontevedra.

Tras analizar as súas propias fortalezas e debilidades, estes colexios e institutos propuxeron un total de 420 iniciativas, arredor 5 liñas de actuación, nomeadamente as de reforzo, orientación e apoio; mellora da lectura, escritura e cálculo; mellora da convivencia; redución do abandono escolar; e mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

A maior parte das actuacións, en concreto 130, realizaranse na liña de reforzo, orientación e apoio; mentres que 54 xirarán arredor da mellora de lectura, escritura e cálculo; 21 irán destinadas á mellora da convivencia escolar, 7 serán específicas para a redución do abandono escolar; e as 20 restantes ser´na iniciativas para a mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Aposta pola cultura da autoavaliación

Os contratos-programa son unha aposta da Consellería de Cultura e Educación polo fomento da autonomía dos centros no ámbito pedagóxico, da organización e da xestión, así como por impulsar a cultura da autoavaliación no seo das propias comunidades educativas.

O éxito das iniciativas postas en marcha pola Consellería para a mellora da calidade e a eficiencia do ensino en Galicia tense reflectivo nunha redución da taxa de abandono escolar en 5,2 puntos que se produciu en Galicia desde 2009.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: 

Ábrese o prazo para participar no concurso de banda deseñada Historias de Milú

Ábrese a convocatoria do concurso de banda deseñada “Historias de Milú”, organizado pola Secretaría Xeral de Política Social en colaboración coa Fundación Meniños.

Este concurso ten por obxecto enriquecer a cultura dos dereitos dos nenos e nenas a través do personaxe de Milú, que podemos coñecer a través da web educativa da Fundación Meniños, ou a través do conto “Milu” de Manuel Rivas, editado por Kalandraka.
Poderán participar o alumnado de ESO dos centros escolares públicos, privados ou concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.
Categorías:

  • Individual: traballos presentados por unha soa persoa.
  • Colectiva: traballos presentados por un grupo de entre dúas e catro persoas.

O prazo para a recepción dos traballos comezou o 1 de decembro de 2012 e remata o 22 de marzo de 2013.
Os premios consistirán en:

  • 1º premio: unha tablet e un lote de libros para cada participante.
  • 2º premio: un mp5 e un lote de libros para cada participante.

Ademais, entre todo o alumnado premiado en calquera das categorías sortearase un curso gratuíto de Banda deseñada no Garaxe Hermético, Escola profesional de banda deseñada e ilustración dirixida por Kiko Da Silva na cidade de Pontevedra.

Nos arquivos anexos pódese descargar:

  • Bases do concurso "Historias de Milú".
  • Anexo I: ficha de inscrición.
     
Gallego
Concurso Historias de Milú

Convocatoria dos Premios Nacionais de Bacharelato correspondentes ao curso 2011/2012

Convócanse 15 Premios Nacionais de Bacharelato de 1200 € cada un.
Poderán optar a estes premios o alumnado que, tendo cursado segundo de Bacharelato durante o curso académico 2011/2012, resultaran merecedores dun Premio Extraordinario de Bacharelato no ámbito da administración educativa na que remataran estas ensinanzas e cumpran or seguintes requisitos:

  • Ter cursado primeiro e segundo de Bacharelato en calquera dos centros docentes españois, ben presencial ou a distancia.
  • Ter obtido no conxunto dos dous cursos de Bacharelato unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos. A nota media será a media aritmética das calificacións das materias comúns, de modalidade e optativas dos dous cursos de Bacharelato, redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior. Para este cálculo non se terá en conta a materia de relixión.

Para optar a eses premios, o alumnado ten que cumprimentar o formulario de inscrición que será accesible por vía telemática na web: https://sede.educacion.gob.es , na sección de “Trámites e servicios” e confirmar a solicitude nesta mesma aplicación.

As inscricións confirmaranse ata o día 11 de decembro de 2012.
Para información das probas acceder á convocatoria no BOE (1 de decembro de 2012)

Gallego
BOE

Sección: 

Está aberto ata o 19 de decembro o prazo para participar no programa de difusión e pedagoxía da creación "Cine e Fotografía en Curso"

Ábrese o prazo para participar en Cine e Fotografía en Curso, programa de difusión e pedagoxía da creación, coordinado en Galicia polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), que se dirixe a alumnado de entre 6 e 18 anos. Representa un proxeto que integra diferentes axentes e ámbitos: museos e centros de arte, profesionais do cine e fotógrafos, profesorado, centros educativos, barrios e municipios.

A convocatoria para participar neste programa estará aberta desde o 30 de novembro ao 19 de decembro de 2012. O 20 de decembro notificaranse os centros admitidos (12 centros de toda Galicia).

Os centros que queiran participar pódense poñer en contacto co CGAI a través do correo electrónico info@cgai.org ou nos teléfonos 881881269 e 881881260.

Requisitos para participar:

  • Ser centro de ensino de Educación Primaria, Secundaria, Formación Profesional ou Bacharelato en Galicia.
  • Aínda que participen varios docentes dun mesmo centro, designarase unha persoa responsable que será a encargada da coordinación e o seguimento do proxecto en colaboración co equipo de Cine e Fotografía en Curso.
  • É imprescindible a asistencia dos docentes á formación do 18 e 19 de xaneiro de 2013 no CGAI.

Documentación que se debe presentar:

  • Breve texto que explique as motivacións do centro para participar no proxecto.
  • Curso, número de alumnado, horarios e materias ou áreas en que se enmarcaría o proxecto, posibilidade de flexibilizar horarios, etcétera.
  • Docentes implicados no proxecto e materia que imparten.

Para máis información descargar o arquivo anexo.

Gallego
Cine e Fotografía en Curso

Colectivo: 

Sección: 

XIX Xornada Multimedia "Ponte...nas ondas!", un programa educativo audiovisual dirixido a centros educativos de Galicia e Portugal

Comeza o período de inscrición na XIX Xornada Multimedia Ponte...nas ondas!, organizada pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...na ondas! en colaboración, entre outras entidades, coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Baixo o lema Ponte...a brincar! proponse ao profesorado e alumnado de centros educativos galegos participar realizando un programa audiovisual (en formato audio ou vídeo) que teña unha relación co tema proposto nesta edición: o lecer e o patrimonio lúdico galego-portugués. O xeito de tratar o tema é libre e queda ao criterio dos centros participantes.

As escolas e institutos son un espazo apropiado onde é doado transmitir os xogos tradicionais da zona. O alumnado poderá ser o encargado de investigar, recolectar e divulgar entre os seus familiares e veciños as prácticas dos xogos que se realizaban nos periodos de lecer.
Por iso, desde Ponte... nas ondas! proponse que se reflexione sobre as formas de lecer tradicionais incluíndo todos os tipos de entretemento, xogos, xoguetes, adiviñas, cantigas, refráns. O currículo escolar ofrécenos áreas especialmente propicias á recreación dos xogos e xoguetes populares/tradicionais. Entre esas áreas poderiamos citar a Música, a Educación Física, a Tecnoloxía, a Lingua ( rescatando sortes de rifa, cancións do cancioneiro propias dos xogos ), as Matemáticas (cálculos de áreas, volumes, estudo de traxectorias )… e todo o que a imaxinación alcance.

Ponte... nas ondas! é unha experiencia educativa que se vén desenvolvendo desde o ano 1995 grazas á cooperación entre escolas de primaria e secundaria de Galicia ( España ) e do norte de Portugal, coa participación de centros educativos doutros países.

Trátase dunha xornada que se iniciou coa emisión de 12 horas de programación radiofónica realizadas integramente por alumnos galegos e portugueses. Xa desde o ano 2003 chegou ás 24 horas de emisión con programas producidos por máis de 50 centros educativos. Estudantes de primaria, secundaria e ( desde a IX edición ) da Universidade, emiten programas de radio ( nas últimas edicións tamén de televisión por Internet ) elaborados por eles mesmos, en directo e en formatos moi diversos: concursos, variedades, música, entrevistas, conexións en directo entre diferentes estudos, etc. Aínda que o galego e o portugués son as linguas comúns da emisión, coa participaición de centros de Arxentina, Cuba, Chile e Colombia, o castelán tamén se incorporou á experiencia. Durante a xornada de comunicación os nenos e nenas dos todos os países participantes seguen a programación e participan activamente nela.

A motivación para empezar esta aventura foi a inauguración dunha ponte arquitectónica entre as localidades de Salvaterra de Miño (España) e Monçao (Portugal); entón, un grupo de 16 escolas decidiron establecer unha ponte de comunicación a través das ondas de radio. Aquel ano usáronse os estudos de Ecos dá Raia de Monçao (Portugal) e outro provisional situado na Casa da Cultura en Salvaterra de Miño (España); os mozos viviron con moita emoción aquela primeira xornada experimental de radio transfronteiriza e o éxito obtido forzou a súa continuidade.

Gallego
Ponte...nas ondas! 2013

Sección: 

A Consellería de Cultura e Educación forma a docentes para o desenvolvemento do Plan Proxecta, a súa nova iniciativa para a innovación educativa

Máis de 400 profesoras e profesores reúnense hoxe en Culleredo para consolidar o arranque deste plan de innovación educativa en 324 centros educativos galegos

Gallego
A Consellería de Cultura e Educación forma a docentes para o desenvolvemento do
A Consellería de Cultura e Educación forma a docentes para o desenvolvemento do Plan Proxecta, a súa nova iniciativa para a innovación educativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe no IES Universidade Laboral (Culleredo, A Coruña) a máis de 400 docentes implicados no Plan Proxecta, que funcionará por primeira vez este curso 2012/2013, no marco da aposta pola innovación educativa que a Consellería vén desenvolvendo. O obxectivo principal desta nova iniciativa é establecer un marco xeral de colaboración entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos. A través do Proxecta, búscase fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, así como integrar estes programas na planificación anual dos centros.

A xornada de formación inicial de hoxe, que foi inaugurada polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; busca crear unha rede de traballo colaborativo e interdisciplinar a prol da innovación e a mellora educativa. Trátase dunha actividade coa que a Consellería, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), quere consolidar o arranque deste Plan Proxecta nos centros de ensino de Galicia, establecendo pautas comúns de funcionamento e propiciando a creación dun espazo de debate e intercambio de opinións para todos os implicados no seu desenvolvemento.

Colaboración e participación

Trátase dun total de 18 programas externos ao sistema educativo cos que se procura a innovación e a mellora do ensino en colexios e institutos galegos, fomentando ao tempo as dinámicas participativas, activas e colaborativas entre os 3.826 profesores e profesoras participantes. Estas iniciativas encádranse en torno a 3 liñas estratéxicas: o desenvolvemento transversal dos valores básicos para a vida e a convivencia, o das competencias básicas, e o uso de estratexias metodolóxicas comúns centradas en prácticas activas e cooperativas organizadas arredor dun proxecto interdisciplinar integrado nas programacións de aula e de centro.

No actual curso 2012/2013 participarán no Plan 324 colexios e institutos públicos galegos, que levarán a cabo 747 proxectos integrados nos 18 programas ofertados en cooperación con 6 consellerías: a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (‘Axenda 21 Escolar de Galicia’, ‘12 Meses, 12 Paisaxes’, ‘Climántica’, ‘Meteoescolas’, ‘Terra’, ‘Recíclate con Sogama’ e ‘Ríos’), a do Medio Rural e do Mar (Distribución de froitas aos centros escolares), a de Economía e Industria (‘Consumópolis’ e ‘Galicons-net’), a de Sanidade (‘Clases sen fume’ e ‘Salvavidas’), a de Traballo e Benestar (‘Quérote +’, ‘Parlamento Xove’ e ‘Rede de Centros Escolares Solidarios’), e a Secretaría Xeral para o Deporte (‘XOGADE’, ‘Deportivo de Centro’ e ‘Máis e Mellor Actividade Física’).

Apoio aos docentes

A xornada de hoxe é un apoio que a Consellería presta aos docentes implicados neste Plan Proxecta, que son, pola súa vontade de continuaren a formarse, o piar fundamental para a innovación e a mellora do sistema educativo galego.

Durante as 8 horas de duración da xornada presentaranse as liñas xerais de actuación do plan, e ofreceranse 13 obradoiros simultáneos onde se darán a coñecer cada un dos 18 programas participantes, acompañados de proxectos en acción. Estas experiencias de aula servirán de modelo ao profesorado para poñer en marcha as súas iniciativas específicasnos centros. O evento rematará cunha conferencia a cargo do profesor Fernando Trujillo, que ofrecerá unha visión de conxunto sobre os obxectivos e as liñas estratéxicas do Plan Proxecta, facendo propostas motivadoras de traballo colaborativo.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: 

Cultura e Educación ve recoñecido o Proxecto Abalar co premio ‘Protagonistas da Educación 2012’, da revista Magisterio

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, viu hoxe recoñecido o traballo na posta en marcha e implantación do  Proxecto Abalar co premio ‘Protagonistas da Educación 2012’. O galardón, outorgado pola revista Magisterio, valora o esforzo do departamento educativo da Xunta de Galicia para o desenvolvemento desta estratexia, que desde o curso 2010/2011 procura a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no sistema educativo de Galicia. A entrega de premios celebrouse esta tarde en Madrid, e estivo presidida pola súa Alteza Real a Princesa de Asturias.
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, recolleu o premio en representación da Consellería, nunha cerimonia celebrada esta tarde en Madrid, na que se recoñeceu o labor educativo dunha decena de actuacións. Para outorgar este galardón, Magisterio salientou a colaboración da Consellería na mellora da educación española a través do Abalar, “que permitiu a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, mellorando as competencias do alumnado, a innovación docente e a transferencia e intercambio de experiencias educativas entre os centros de ensino galegos”.
O Abalar chegará este curso ao seu terceiro ano de implantación, no que beneficiará a máis de 44.000 estudantes de 535 centros Abalar de toda Galicia. Isto supón que a implantación do proxecto xa chegou ao 50% dos centros escolares que imparten educación primaria e secundaria obrigatoria.
Valorar a tarefa de educar
Os Premios Protagonistas da Educación procuran salientar a vontade, esforzo e compromiso que persoas e institucións levan a cabo a diario nunha tarefa tan transcendente como é a de educar. Así, ademais das estratexia de implantación das TIC no ensino da Xunta de Galicia, nesta edición de 2012 foron galardoados a ‘World Innovation Summit for Education (WISE)’, iniciativa global que promove as boas prácticas en todo o mundo; o ‘Proxecto Superpadres’, que acompaña aos proxenitores durante todo o proceso educativo dos seus fillos; ‘Micropolix’, unha alternativa lúdica para educar; ou o mesmo Abalar. Así mesmo, resultaron tamén galardoados o programa ‘Prensa-escuela La Voz de la Escuela’, do Grupo Voz; e a FP Dual alemana, pola súa capacidade para mellorar a empregabilidade dos máis novos.
No que toca a institucións. foron premiados os diferentes programas educativos para a aintegración a inclusión e a normalización desenvolvidos pola ONCE; o Instituto de Enseñanzas a Distancia de Andalucía (IEDA), polo seu apoio á formación ao longo da vida; e a Federación Down España, polo seu extenso labor educativo a prol da integración do alumnado con necesidades educativas especiais. Con carácter individual, Magisterio outorgou un dos seus galardóns anuais a Sir William Atkinson, como referente de liderado educativo que conseguir que o instituto Phoneix High School pasara de ser un centro con altísimas taxas de abandono, a ser un dos institutos máis valorados do Reino Unido.
Asemade, a publicación concedeu dúas mencións especiais, unha ao colexio Ponce de León (Madrid), referente na educación de alumnas e alumnos con dificultades auditivas; e á docente Victoria Subirana, fundadora de ‘Pedagoxía Transformadora’, polo traballo realizado para a educación de rapaces con poucos recursos en Nepal.

 

Gallego
Abalar

Colectivo: 

Sección: 

Póñense en servizo novas funcionalidades no portal espazoAbalar para fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) veñen de actualizar e incorporar novas funcionalidades ao portal espazoAbalar.

O obxectivo desta plataforma é fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa, así como facilitar a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no sistema educativo galego.

Nesta nova versión, o espazoAbalar incorpora un buscador de contidos, no que o usuario pode obter unha listaxe de novas que conteñen información sobre o tema consultado, así como a paxinación en todos os apartados de contidos orientados: familias e alumnado, centros e profesorado, e Prensa. Con estas novas funcionalidades calquera usuario poderá acceder e consultar o historial dos contidos publicados.

Outra das melloras é a subscrición a RSS individuais dos diferentes contidos e espazos. Desta forma, existe a posibilidade de subscribirse ás novas destinadas ás Familias, aos Centros e ao profesorado, á Prensa, ás Experiencias, aos Recursos, e tamén para cada un dos blogs (“Contando ata un” e “Tecnoloxía Educativa en Abalar”)

Incluíuse tamén a posibilidade de realizar comentarios nas “Experiencias. Aulas 2.0”, unha iniciativa na que toda a comunidade educativa poderá participar e compartir todo tipo de experiencias sobre a introdución e o uso das TIC nas aulas. Nesta sección estanse a publicar semanalmente proxectos que se están realizando nas aulas dos centros educativos galegos.

Finalmente, o repositorio de contidos ten unha maior visibilidade na páxina principal dentro do portal espazoAbalar. Séguese ampliando mes a mes a súa oferta cunha selección de novos recursos educativos en formato dixital, baseados en distintas tecnoloxías. Coa última actualización realizada esta semana, alcánzanse os 1.136 recursos para educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos en varios idiomas. Desta forma, fan que esta ferramenta responda aos intereses e necesidades de toda a comunidade educativa.

Gallego
Espazo Abalar

Sección: