Título node Learning object

XIX Xornada Multimedia "Ponte...nas ondas!", un programa educativo audiovisual dirixido a centros educativos de Galicia e Portugal
Mar, 04/12/2012 - 13:13
Ponte...nas ondas! 2013

Comeza o período de inscrición na XIX Xornada Multimedia Ponte...nas ondas!, organizada pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...na ondas! en colaboración, entre outras entidades, coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Baixo o lema Ponte...a brincar! proponse ao profesorado e alumnado de centros educativos galegos participar realizando un programa audiovisual (en formato audio ou vídeo) que teña unha relación co tema proposto nesta edición: o lecer e o patrimonio lúdico galego-portugués. O xeito de tratar o tema é libre e queda ao criterio dos centros participantes.

As escolas e institutos son un espazo apropiado onde é doado transmitir os xogos tradicionais da zona. O alumnado poderá ser o encargado de investigar, recolectar e divulgar entre os seus familiares e veciños as prácticas dos xogos que se realizaban nos periodos de lecer.
Por iso, desde Ponte... nas ondas! proponse que se reflexione sobre as formas de lecer tradicionais incluíndo todos os tipos de entretemento, xogos, xoguetes, adiviñas, cantigas, refráns. O currículo escolar ofrécenos áreas especialmente propicias á recreación dos xogos e xoguetes populares/tradicionais. Entre esas áreas poderiamos citar a Música, a Educación Física, a Tecnoloxía, a Lingua ( rescatando sortes de rifa, cancións do cancioneiro propias dos xogos ), as Matemáticas (cálculos de áreas, volumes, estudo de traxectorias )… e todo o que a imaxinación alcance.

Ponte... nas ondas! é unha experiencia educativa que se vén desenvolvendo desde o ano 1995 grazas á cooperación entre escolas de primaria e secundaria de Galicia ( España ) e do norte de Portugal, coa participación de centros educativos doutros países.

Trátase dunha xornada que se iniciou coa emisión de 12 horas de programación radiofónica realizadas integramente por alumnos galegos e portugueses. Xa desde o ano 2003 chegou ás 24 horas de emisión con programas producidos por máis de 50 centros educativos. Estudantes de primaria, secundaria e ( desde a IX edición ) da Universidade, emiten programas de radio ( nas últimas edicións tamén de televisión por Internet ) elaborados por eles mesmos, en directo e en formatos moi diversos: concursos, variedades, música, entrevistas, conexións en directo entre diferentes estudos, etc. Aínda que o galego e o portugués son as linguas comúns da emisión, coa participaición de centros de Arxentina, Cuba, Chile e Colombia, o castelán tamén se incorporou á experiencia. Durante a xornada de comunicación os nenos e nenas dos todos os países participantes seguen a programación e participan activamente nela.

A motivación para empezar esta aventura foi a inauguración dunha ponte arquitectónica entre as localidades de Salvaterra de Miño (España) e Monçao (Portugal); entón, un grupo de 16 escolas decidiron establecer unha ponte de comunicación a través das ondas de radio. Aquel ano usáronse os estudos de Ecos dá Raia de Monçao (Portugal) e outro provisional situado na Casa da Cultura en Salvaterra de Miño (España); os mozos viviron con moita emoción aquela primeira xornada experimental de radio transfronteiriza e o éxito obtido forzou a súa continuidade.