Skip to Content

Secretaría

Listaxe de admisión e pre-matrícula para o Curso 2020-2021

Unha vez rematado o proceso de presentación de solicitudes, a listaxe provisional de admisión de alumnado para o curso 2020-2021 pode consultarse no Taboleiro de Anuncios do centro ou chamando por teléfono ao 886159802. 

Ademais, xa están dispoñibles os impresos de pre-matrícula para o alumnado:

- Prazo: do 20 ao 29 de maio.

- Instrucións:

  • Descargar o impreso correspondente ao nivel no que vaia matricularse o/a alumno/a no Curso 2020-2021.
  • Cubrir o impreso. 
  • Gardar unha copia (ou fotografía). Esta solicitude será vinculante á hora de formalizar a matrícula no mes de xullo.
  • Devolver o impreso cuberto ao centro enviándoo ao seguinte correo: ies.soutomaior.arcade@gmail.com

*Se algunha familia non pode envialo por este medio, poderá deixalo no centro, en horario de 9:00 a 14:00h (en administración: Paz), tomando as medidas oportunas.

*Para facer a escolla de materias e itinerarios, é recomendable que consultes os cadernos de ORIENTACIÓN ACADÉMICA publicados para cada curso (agás 1º ESO):

Se tes dúbidas, podes poñerte en contacto coa Orientadora e a Xefatura de Estudos.

Información sobre a avaliación do alumnado (actualización: 19-05-2020)

Seguindo as Instrucións da Consellería de Educación sobre a 3ª avaliación, propuxéronse actividades de recuperación e profundización en contidos do curso. A avaliación considera as notas das primeiras avaliacións e o traballo feito desde o 14 de marzo para establecer unha nota final do curso. Cada Departamento establece tarefas, probas, prazos e criterios de cualificación nesta liña, que foron publicados na páxina web do centro nos apartados adicados a cada Departamento.
 
Os criterios acordados no centro, e comunicados á inspección, para avaliar o traballo do alumnado nas distintas materias serán os seguintes:
  • Media das dúas primeiras avaliacións para o alumnado que non realiza as tarefas que se están enviando:
    • 50% (1ª aval.) + 50% (2ª aval.).
  • Media das dúas primeiras avaliacións para o alumnado que está traballando:
    1. Poderá obter unha mellora, acorde ao traballado, de ata 1,50 en cada unha das anteriores avaliacións antes de aplicar a seguinte fórmula:
      • 45% (1ª aval.) + 40% (2ª aval.) + 15% (3ª aval.).
    2. Algúns departamentos poden establecer algún outro mecanismo de mellora polo traballado, pero sempre que beneficie o alumnado, e que se valore sobre 10 puntos.

Restablécese o proceso de admisión do alumnado de ESO e Bacharelato para o curso 2020-2021

Restablécese o prazo para a presentación das solicitudes de admisión (RESOLUCIÓN 5 de maio 2020, DOG 6 de maio), polo tempo que restaba cando se declarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 deste mesmo mes.O impreso de solicitude pode descargarse aquí.

Por motivos de seguridade, procuraremos establecer quendas para a entrega da documentación, co fin de non concentrar as familias no centro. Por esta razón, pedimos que chamedes ao 886159802 a partir do luns 11 para acordar día e hora, e así poder ser atendidos con maior seguridade sanitaria.

1. Novos prazos do procedemento.

De conformidade co artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os demais prazos do procedemento de admisión reduciranse á metade.

2. Novos prazos do proceso:

  • Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
  • Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
  • Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
  • Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
  • Formalización da matrícula ordinaria en educación secundaria obrigatoria e bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.

3. Adxudicación subsidiaria de postos escolares.

Con carácter excepcional, non se constituirán as comisións de escolarización. Todas as funcións para a adxudicación subsidiaria de postos escolares que se atribúen ao dito órgano do proceso de admisión serán asumidas e desenvolvidas polos servizos territoriais de Inspección educativa de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería.

Comunicado do centro: inicio provisional da 3ª avaliación

Logo destas anómalas vacacións de Semana Santa, iniciamos o terceiro trimestre coa reanudación da actividade lectiva non presencial retomando rutinas escolares.
 
A falta de que se diten instrucións por parte da Consellería, que concreten medidas específicas para o desenvolvemento do que resta de curso, de momento retomaremos a actividade mediante tarefas fundamentais dos contidos das materias
 
Este mércores, 15 de abril, reúnese a Conferencia Sectorial de Educación, polo que esperamos ter un comunicado oficial sobre medidas que se deben adoptar. Seredes convenientemente informados/as de calquera novidade en canto teñamos coñecemento.
 
Non queda máis que animarvos nestes difíciles momentos, e nestas peculiares circuntancias, nós trataremos de seguir prestando a mellor axuda posible.

Servizo gratuito para imprimir as tarefas escolares

O Concello de Soutomaior pon en marcha o servizo de impresión das tarefas escolares para as familias que o precisen.

Deberán enviar a documentación ao email educación@soutomaior.com, indicando o nome, enderezo e número de teléfono de contacto para a entrega.

Boletín de notas da 2ª avaliación

Prezadas familias,

O venres 27 de marzo a Consellería de Educación ditou instrucións polas cales se debe realizar a avaliación do 2º trimestre valorando o traballo feito polo alumnado ata o día no que se decretou o Estado de alarma, isto é, ata o 13 de marzo.

Por este motivo, este venres día 3 de abril o centro publicará a través de abalarMóbil (descarga da aplicación e manuais de uso) o boletín das notas da 2ª avaliación. Agás en 2º de Bacharelato, nivel no que si se completaron todas as probas de avaliación, no resto de cursos valorade estas cualificacións tendo en conta a peculiar e anómala situación que vivimos. Considerade que só estamos valorando unha parte dos contidos previstos e que faltarían probas, traballos e actividades para poder concretar unha nota máis completa.

De cara á 3º avaliación, agardamos ter canto antes indicacións claras da Consellería de Educación para poder proceder nas póximas semanas.

Cancelación das actividades lectivas, complementarias e extraescolares

Tras o anuncio da Xunta de Galicia, queda suspendida a actividade lectiva e extraescolar do centro a partir do luns 16 de marzo e durante 14 días de forma oficial e a partir de mañá, venres 13, de forma recomendada.

Seguiremos informando puntualmente a través da páxina web e de abalarMóbil das actuacións que acorde o centro seguindo as instrucións da Consellaría de Educación.

Así mesmo, recomendamos seguir as pautas dadas polas autoridades en relación á alerta sanitaria.

Curso 2020-2021: información sobre o proceso de admisión e Xornada de Portas Abertas

Desde o día 1 e ata o 20 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión no IES de Soutomaior para o vindeiro curso 2020-2021 sempre que haxa prazas dispoñibles nos diferentes cursos (información da Consellería).

Pódese consultar as prazas vacantes por curso e itinerario (Bacharelato) accedendo a este documento (actualización 28-02-2020).

 

 

Así mesmo, o vindeiro martes 3 de marzo abriremos as portas do instituto para que todas as familias interesadas poidades coñecer o noso proxecto, a oferta educativa para o Curso 2020-2021 e as instalacións do centro.

A actividade comezará ás 16:45 (1ª quenda) e ás 17:30 (2ª quenda) cunha acollida no recibidor da entrada e seguirá cunha visita guiada polo centro. Rematará na Aula de Usos Múltiples cunha breve reunión informativa na que se responderán todas as dúbidas e consultas que queirades realizar.

Comunicación do centro: detectado caso de papeiras

Detectouse no centro un caso de parotidite (ou papeiras), que é unha enfermidade contaxiosa que provoca inflamación nas glándulas salivares con febre e dor. Detectouse un único caso mais avisamos ás familias para que vixiedes posibles síntomas xa que o periodo de incubación se dá entre os 12 e os 25 días. 

Síntomas:

  • Febre
  • Dor de gorxa.
  • Dor de cabeza.
  • Inflamación das glándulas parótidas (entre o oído e a mandíbula).
  • Dor facial.
  • Inflamación facial.

Non hai un tratamento específico para as papeiras, mais si un tratamento coadxuvante para aliviar os síntomas.

Para máis información, accede a esta información do SERGAS.

O IES de Soutomaior, centro seleccionado no programa ARCO

Segundo a resolución definitiva publicada hoxe, o noso centro vén de ser seleccionado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para poñer en marcha accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación (Programa Arco) coa finalidade de desenvolver medidas encamiñadas cara a un sistema educativo de calidade que garanta a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade e que posibilite que cada alumno e cada alumna desenvolva ao máximo as súas potencialidades.

En concreto, ao IES de Soutomaior foille concedida a Liña 2, orientada ao alumnado de 1º da ESO, e concrétase co reforzo dun docente de apoio que desenvolverá o seu labor co alumnado deste curso na aula ordinaria en coordinación co Departamento de Orientación e o profesorado das  diferentes materias.

Distribuir contido


by Dr. Radut