Skip to Content

Secretaría

Reinicio da actividade académica

O vindeiro luns 10 de xaneiro retomamos as clases seguindo as pautas establecidas pola administración a nivel estatal:
- Os casos activos de COVID deberán seguir un illamento de 7 días máis 3 de vixilancia activa dende o inicio dos síntomas ou a toma de mostra para proba diagnóstica no casos dos casos asintomáticos.
- Os contactos estreitos de 12 ou máis anos con pauta vacinal completa seguirán unha vixilancia activa durante 7 días con especial atención ao inicio de síntomas.
- O alumnado menor de 12 anos e outras persoas sen a pauta vacinal completa deberán facer unha corentena de 7 días máis 3 días de vixilancia activa.
- A pertinencia de probas diagnósticas, test de detección, etc. serán sempre determinada por Sanidade en función da situación e protocolos en cada momento.
 
En todo caso, os períodos de corentenas e illamentos serán os que Sanidade paute nas súas guías e protocolos, que son documentos que se van adaptando en función desta situación cambiante.

Publicada a convocatoria para solicitar máscaras

Publicada a convocatoria para a distribución de máscaras (Orde do 28 de outubro de 2021 - Código ED330E).

Instrucións básicas: acceso ao resumo da convocatoria premendo aquí.

Prazo de presentación das solicitudes: do 15 de novembro ao 26 de novembro de 2021 (ambos inclusive).

Alumnado beneficiario:

- Alumnado que fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar (50€) neste curso 2021-22.

- Alumnado que non fose beneficiario da axuda por diferentes circunstancias, pero:

  • Pertenza a familias cunha renda per cápita igual ou inferior 6.000€.
  • Estea matriculado en Educación Especial, ou suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia ou teña unha discapacidade igual o superior ao 65%, con independencia da renda da unidade familiar.

Procedemento:

- O alumnado beneficiario do punto 1 non ten que presentar solicitude.

- O alumnado recollido no punto 2 debe presentar a seguinte documentación do procedemento ED330E na secretaría do centro.

Documentación:

- As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:

  • Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
  • Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o/a alumno/a e os demais membros computables da unidade familiar.
    • No caso de separación ou divorcio, ademais deberase achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.
    • Excepcionalmente, poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios: Certificado de volante de convivencia e Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

Eleccións ao Consello Escolar

Onte, martes 23 de novembro, tivo lugar a xornada de eleccións ao Consello Escolar, que se tiña que renovar.

As persoas escollidas nos diferentes sectores foron:

  • Profesorado: Xosé Abilleira Sanmartín, Montserrat Escudero Fernández e María  carmen Bussieres Valcarce.
  • Alumnado: Dafne Teixeira Criado, Sabela Magariños Pereira e Alejandro Fervenza Lago.
  • Familias: Beatriz Carrasco González.

Tramitación do servizo integral de reparación E-Dixgal

As familias do alumnado de 1º, 2º , 3º e 4º ESO poden darse de alta neste servizo de reparación a través da súa páxina web:

https://coberturasir.plexus.es/ 

No seguinte documento explícase paso a paso como tramitar este servizo. Premer en:

Titorial para tramitar o servizo integral de reparación

Información importante sobre o transporte escolar para o Curso 2021-2022

Debido ao considerable aumento de matrícula rexistrado neste curso, o IES de Soutomaior solicitou a ampliación de prazas de transporte nas dúas liñas de autobús excepcionais de Arcade ante a imposibilidade de atender a demanda. Esta solicitude non foi aceptada polo Servizo de Transporte da Consellería de Educación.

En consecuencia, os autobuses poderán recoller todo o alumnado da ESO nas paradas lexítimas e nalgunhas paradas excepcionais, salvo Pierres e O Calvario, que son as máis próximas ao centro dentro das excepcionais, sen dereito a servizo segundo a normativa (ver folla de "Servizos complementarios do Centro" cuberto na matrícula).

Durante os vindeiros días tratarase de acomodar parte do alumnado afectado nas prazas que queden libres nas outras liñas. Tamén se recolocará o alumnado de Bacharelato, etapa postobrigatoria sen servizo de transporte, se hai prazas.

No 1º día de clases (mércores 15 de setembro), o alumnado da ESO con dereito ao transporte deberá agardar os autobuses nas súas paradas no horario habitual para acudir ao centro, que desenvolverá a xornada lectiva entre as 09:05 e as 14:35. O centro facilítalle á empresa as listaxes do alumnado de cada parada.

Todo o alumnado de Vilaboa fará uso do servizo discrecional do autobús dende este concello facendo uso da Tarxeta para Transporte Metropolitano da Xunta.

Inicio de curso 2021-2022: instrucións para o 1º día

Lembramos que mañá, mércores 15 de setembro, dará inicio o curso escolar no IES de Soutomaior. O horario será o seguinte:

  • Ás 09:05: recepción do alumnado no lugar asignado para cada nivel.
    • 1º, 2º e 3º ESO nos patios respectivos, que estarán debidamente indicados.
    • 4º ESO e Bacharelato: escaleiras de acceso e entrada principal ao centro.
  • Ata as 10:45 presentación cos titores e titoras nas súas respectivas aulas.
  • De 10:45 a 14:35: presentación das materias do día co profesorado.

Ademais, é preciso :

  • O alumnado e as familias poden consultar as listaxes por curso a través de ABALAR-MÓBIL.
  • O alumnado debe cumprir as medidas de seguridade e hixiene (uso de máscara, limpeza de mans, distancias de seguridade...) durante todo momento.
  • O profesorado titor informará das normas de organización e funcionamento do centro, horarios, protocolo COVID, etc.
  • O alumnado deberá vir provisto de material necesario para anotar horarios e informacións das materias, gardar fichas, etc.
  • As reunións das familias co profesorado titor realizaranse proximamente en data e horario que será  comunicado convenientemente.

Libros de texto para o Curso 2021-2022

Pódense consultar a relación de libros de texto de cada nivel premendo en cada curso.

4º ESO 1º BACH.
2º BACH.

Lembramos que en 1º, 2º e 3º da ESO o alumnado disporá dos libros dixitais e os computadores do Proxecto E-DIXGAL.

Bolsas económicas para o alumnado de Bacharelato, FP e necesidades específicas de apoio educativo

O Ministerio de Educación e Formación Profesional convoca as bolsas e axudas económicas para o Curso 2021-22. O prazo para a presentación de solictudes manterase aberto ata o 30 de setembro. Terán dereito a estas axudas (para acceder á convocatoria prema en cada categoría): 

- Alumnado de Bacharelato.

- Alumnado de necesidades específicas de apoio educativo.

- Alumnado de Formación profesional.

Resolución do fondo solidario de libros de texto e axudas para a adquisición de material escolar

Recollida de vales de material escolar

O alumnado ao que lle foron concedidos os vales para a adquisición de material escolar poderán pasar a recollelos polo centro dende o día 8 ata o 16 de xullo. O horario de atención no centro será de 9:00 a 14:00. Quen non poida recoller este vale agora en xullo poderá facelo en setembro.

Resolución provisional Fondolibros 2020/2021 (4º ESO)

Por outra banda, xa están publicadas as listaxes provisionais do fondo solidario de libros de texto conforme á Orde de 6 de maio de 2021. Pode consultarse no taboleiro do centro ou a través da aplicación Fondolibros (necesaria chave 365 ou certificado dixital).

Comunicación de fin de curso

A toda a comunidade educativa:

Como cada ano por estas datas, chega o momento de facer unha valoración do curso escolar, un curso 2020-2021 que foi excepcional e complexo, marcado pola crise sanitaria da COVID-19 e os protocolos de seguridade que condicionaron o normal desenvolvemento da actividade escolar.

A pesar das numerosas dificultades, grazas ao esforzo e á cooperación de todos e de todas foi posible avanzar e rematar o curso de forma presencial e facelo de modo satisfactorio tanto a nivel sanitario como académico. Por iso, dende o centro queremos agradecerlles ás familias a súa colaboración, serenidade e implicación para lograr estes obxectivos que nos marcabamos a comezos de curso, entre incertezas e moitas interrogantes, pero co firme convencemento e a responsabilidade de sacalo adiante. Igualmente, é de eloxiar a boa actitude e o comportamento do alumnado, que se comprometeu coa tarefa.

O cumprimento destas estritas medidas de seguridade supuxo facer renuncias como limitar a mobilidade do alumnado nos recreos e nas propias aulas, suprimir excursións e saídas e reducir ao mínimo as actividades complementarias e extraescolares, que se puideron retomar con precaución e pouco a pouco. Neste sentido, queremos destacar a total predisposición e a boa vontade de colaboración do Concello para aliviar esta situación. Así, o instituto puido contar co Campo de Fútbol do Salgueirón para acoller as actividades de Educación Física, e coas propostas ofertadas por diferentes áreas municipais como Educación, Xuventude, Medio Ambiente, Cultura e Igualdade, que permitiron retomar os programas formativos e saídas coma os roteiros ao aire libre, tan necesarias para aliviar o esgotamento dos rapaces e das rapazas. Estendemos este agradecemento aos responsables da cafetería do instituto, ao persoal de transporte escolar, á Protección Civil e á Policía Local pola cooperación e axuda ofrecidas en todo momento.

Así mesmo, agradecémoslle ao Pleno do Concello que asumise por unanimidade a petición do Consello Escolar para dotar o centro de zonas cubertas e novas melloras, necesidades que se fixeron máis urxentes ca nunca durante a pandemia e ante a alta demanda de matrícula prevista para o vindeiro curso. Ademais, dende o instituto valoramos e agradecemos todas as xestións realizadas polos grupos políticos en diferentes ámbitos para refozar esta petición.

Coa incertidume coa que se presenta o curso 2021-2022, pero tamén cun certo optimismo ante o escenario sanitario que se poida dar en setembro, confiamos na mellora das condicións para desenvolver o traballo e contamos con todos e todas vós para garantir unha educación pública de calidade, equitativa, inclusiva e segura para o alumnado do IES de Soutomaior. O profesorado, o equipo directivo e o persoal de administración e servizos comprometémonos neste empeño colectivo.

A Dirección

Arcade, 30 de xuño de 2021.

Distribuir contido


by Dr. Radut