Skip to Content

Hora de Ler


Volve a Hora de Ler!

O mércores, día 3 de abril, retomaremos a Hora de Ler na 3ª sesión.

Continuaremos durante todo o mes de abril e ata mediados de maio.

Podes consultar o calendario da Hora de Ler aquí.

Non esquezas traer o teu libro favorito!

Día da poesía e da árbore

No IES Pedra da Aguia celebramos o Día da Poesía e da Árbore por todo o alto.

A xornada comezou cun recital poético e musical no cal alumnos e alumnas de todos os cursos declamaron poemas de composición propia acompañados polo profesor de Música coa guitarra.

Todo o alumnado de 1º da ESO contribiu á mellora da contorna do instituto coa plantación de 16 árbores de especies autóctonas (carballo, faia, freixo e capudre). 

Tamén se entregaron os premios do concurso de poemas sobre natureza que foron para os seguintes alumnos e alumnas:

- Na categoría 1º e 2º ESO: o primeiro premio foi para Karla Ageitos de 2º A e o segundo, para Xana Martínez de 2º B.

- Na categoría 3º e 4º ESO: o primeiro premio foi para Aaron Suárez de 4º PDC e o segundo, para Ainhoa Castro de 3º B.

Parabéns aos premiados e moitas grazas a todos e a todas os que participastes nas actividades dun día tan especial. Máis fotos nos arquivos adxuntos!

Día da poesía e das árbores

Celebra coa Biblio o Día da Poesía e das Árbores o vindeiro xoves, 21 de marzo. Temos preparada unha conmemoración que xunta lírica e ecoloxía para festexar a data ao longo de toda a mañá.

Comezaremos no primeiro recreo cun recital lírico e musical na Biblio a cargo dos nosos poetas voluntarios. Tamén se entregarán os premios do concurso de poemas na categoría de 1º e 2º da ESO.

Deseguido, o alumnado de 1º ESO realizará a plantación de varias árbores autóctonas coa axuda dunha brigada forestal.

E remataremos no segundo recreo coa continuación do recital poético e a entrega dos premios correspondentes á categoría de 3º e 4º ESO.

Non perdas a oportunidade de celebrar un día tan fermoso e desfruta de todas as actividades que temos previstas para ti!

 

Obradoiro de Educación Afectivo - Sexual

No mes de febreiro o alumnado de 2º e 4º da ESO, a través de Servizos Sociais do Concello, e da man da ex-alumna do IES, Nuria, recibiron un Obradoiro de Educación Afectivo - Sexual. Co obradoiro se pretende desenvolver no alumnado hábitos, actitudes e condutas saudables en torno á sexualidade, previr enfermedades de transmisión sexual, desenvolver actitudes de empatía e normalización da sexualidade, o respeto mútuo, a igualdade e respecto entre as persoas, así como o desenvolvemento dunha identidade sexual libre de elementos de xénero discriminatorios.

Difusión da experiencia PIALE en Canadá

Na tarde do pasado xoves 22 de febreiro, a compañeira do Departamento de Bioloxía, Fabiola Cobián, ofreceu, a un grupo de profesores/as, unha presentación sobre a súa estadía nun instituto en Canadá, dentro do programa PIALE. 

Nesta presentación, falou da integración no instituto Forest Hill Collegiate Institute, das súas impresións sobre o sistema educativo do distrito de Toronto, público e privado, e dalgunhas propostas que poderían implementarse no noso IES.

Foi unha charla amena e enriquecida polas preguntas e experiencias doutros docentes que, participaron anteriormente no PIALE ou que, están a participar no programa Observa Acción durante este curso escolar.

 

Obradoiro Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais

 

O alumnado de 3º da ESO recibiu o pasado venres 16 de Febreiro un obradoiro sobre uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación: a seguridade na xestión de perfis nas redes sociais, a identidade dixital, a importancia da pegada dixital, a privacidade nas redes sociais ou as ferramentas e recursos aos que acudir se teñen dúbidas.

Foi impartido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

 

Distribuir contido


by Dr. Radut