Skip to Content

Á comunidade educativa do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes

Estimadas familias, compañeiros/as e alumnos/as

Estamos a vivir unhas circunstancias excepcionais que nos obrigan a todos a alterar radicalmente a nosa forma de traballar, estudar e relacionarnos, impoñendo un confinamento non desexado nos nosos fogares polo ben de toda a sociedade. Estamos seguros de que esta situación será temporal, superaremos a crise e sairemos reforzados dela.

Non é doado nestas circunstancias seguir adiante coa actividade lectiva: se ben é certo que os medios tecnolóxicos e os recursos á nosa disposición son cada vez máis amplos e facilitan a comunicación e o desenvolvemento das tarefas, a prioridade agora é a de velar pola saúde física e mental do noso alumnado.

Cónstanos que o profesorado está a traballar moitísimo, algúns en circunstancias persoais e familiares moi complicadas, proporcionando material ás familias para que cada un, na medida das súas posibilidades, se manteña activo e poida desenvolver unha rutina de traballo intelectual nestas longas xornadas no fogar.

Estas tarefas teñen a finalidade primordial de manter a actividade docente e continuar a consolidar e repasar os contidos e destrezas adquiridos durante o curso. Pero tamén a de funcionar como vía de escape e oportunidade para desconectar. O que non se pretende con elas, en ningún caso, é que sexan fonte de abafos ou preocupacións.

O alumnado debe de estar tranquilo e quedar seguro de que ninguén sairá prexudicado. Xa haberá tempo de recuperar os contidos pendentes da mellor maneira posible e sen que iso supoña unha carga de traballo adicional ou discriminatoria, cando se poña fin a esta situación.

Mención aparte necesita o alumnado que está a cursar segundo de bacharelato. Pouco lles podemos dicir nestes momentos mais aló do xa transmitido polo medios de comunicación: adiamento das datas de celebración das probas da ABAU e un maior peso da optatividade, de tal xeito que ninguén se vexa prexudicado por non ter traballado unha parte do temario.

En canto ó tipo de modificacións que se poden dar, transmitirlles unha mensaxe de confianza, coa tranquilidade que da experiencia, en base a como se resolveron noutras ocasións distintas incidencias na realización da probas, onde sempre se buscou eliminar todo prexuízo para o alumnado. Conforme vaiamos tendo mais información lla iremos facendo chegar.

Tanto os docentes como as familias temos o deber de manter a calma e actuar con solidariedade e responsabilidade, proporcionando seguridade e confianza ó alumnado. É o momento de establecer rutinas no fogar, colaborar na realización das tarefas domésticas, compartir actividades; con tempo tamén para a diversión e a comunicación cos compañeiros a través das redes sociais (sempre con sentidiño!!).

O profesorado, velando tamén pola nosa propia saúde física e emocional, con tranquilidade e responsabilidade, temos que tratar de acompañar ó alumnado no seu encerro, mantendo abertas as canles de comunicación e proporcionándolles tarefas que lles axuden a non desconectar da actividade educativa, ofrecéndolles axuda e apoio na súa realización.

Dende o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes poñémonos á vosa disposición para calquera cousa que poidades necesitar e dende aquí vos desexamos moito ánimo a todos.

Afectuosamente,

O Equipo Directivo do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes

 

Usando tecnoloxía Drupal, un sistema de xestión de contidos de fontes abertas


page | by Dr. Radut