Actividades Dinamización

A Revista dunha comunidade educativa viva

22-23 Revista Viva

Este martes 20 de xuño vivimos o regreso da 'Revista Viva. Nós de Nós', unha gala na que o teatro, a música, o idioma e a literatura serviron de fíos condutores para repasar as actividades e os proxectos do curso que remata. 

Beatriz, a nosa directora, puxo en valor o traballo da comunidade educativa e animounos a traballar man a man para fortalecela e proxectala no futuro. 

Rubén Servide e o seu Combo e o grupo formado polos alumnos Marcos, Carla, Germán, Ainoa e Elier, coordinados polo profesor Lolo, puxeron a música. Un luxo.

Sara Espiño, Uxía, Irene, Jéssica, Noa Cabaleiro, Lía, Andrés, Alexandre, Yuriana, Alejandro, Noa Mendoza, Antonio, Mónica e Janet mergulláronos na maxia do teatro baixo a batuta da profesora, a actriz Cristina Andrade. Que gran traballo!

Marcos Borrageros, ex-alumno que volveu ao noso centro para dar aulas este ano,, compartiu con nós historias que nos cativaron. Deixaches unha fonda pegada en nós!

Helena, Martín, Sara Espiño, Uxía e Noa Cabaleiro forxaron con palabras versos e microrrelatos premiados dentro e fóra do centro. Parabéns!

Festa de despedida de curso dos Clubs de Lectura e o Grupo de Teatro

Festa dos Clubs de Lectura e do Grupo de Teatro 22-23

Onte, derradeiro día do curso 22-23, celebramos a festa de despedida dos Clubs de Lectura e o Grupo de Teatro no Recreo Cultural. Tiñamos que festexar un ano de moitos libros, de ensaios, de representacións...

Foi un ano de lecturas compartidas dende a perspectiva da diversidade, da integración, da igualdade e da memoria e que, unha vez máis de forma excepcional, Javier e Laura de Catro Elefantes souberon transformar en intensos xogos dinámicos e creativos que requiriron toda a nosa atención e volver transitar polas páxinas dos libros de todo o curso (ver materiais nos ficheiros adxuntos), aos que lles sumamos para esta ocasión a lectura de Os seres invisibles, de Emma Pedreira, e O diario violeta de Carlota, de Gemma Lienas. 

Despois, houbo tempo para o xantar colectivo, o primeiro mergullo do verán nas piscinas e os merecidos libros de agasallo que as profesoras Mónica, Patricia, Lurdes e Bea repartiron entre os rapaces e rapazas que forman parte de dúas das actividades máis gratificantes e enriquecedoras que se desenvolven no centro da man do Equipo da Biblioteca. 

Gozade das vacacións e dun verán lector. Vémonos á volta!

Nova entrega de DinamizaTV, o informativo que estabamos a agardar

Chega unha nova entrega de Dinamiza TV, a serie de noticieiros nacidos da colaboración do Concello da Estrada e Dinamizaestrada, o colectivo de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello, co obxectivo de fomentar o uso do idioma no audiovisual e na mocidade.

Hoxe é a nosa quenda así que, sen máis dilación, quedades con Adriana e Anxo, que irán dando paso aos seus compañeiros e compañeiras. Recomendacións lectoras, actividades complementarias, celebracións, espazos de divulgación, o día a día no centro, entrevistas... Dentro vídeo!

Pastelería Mimela, Premio IES-G polo apoio e promoción da lingua galega no comercio estradense

Premio IES-G 23

O xurado, composto polo alumnado de 4º ESO, valorou o uso normalizado da língua que fai este negocio familiar aberto dende 1984.

O recoñecemento entregarase na gala Revista Viva. Nós de Nós, que terá lugar no Teatro Principal o martes 20 a partir das 16:30.

O Premio IES-G que entrega o IES Nº 1 da Estrada chega á súa 8ª edición, tras o parón provocado pola pandemia, para sumar a Pastelería Mimela á nómina de comercios recoñecidos por empregar a lingua galega no seu día a día demostrando que o idioma engade un valor positivo nas relacións comerciais, que facilita a comunicación e achega confianza á clientela.

En concreto, o xurado formado polo alumnado de 4º ESO valorou o seu uso na atención oral á clientela, na cartelería interna e externa do establecemento, así como, especialmente, nas campañas de publicidade que realiza periodicamente e nos contidos publicados nas redes sociais, onde se percibe un uso coidado, rigoroso e de calidade do idioma.

Regresa a Revista Viva. Nós de Nós. De Nós para Vós.

Regresa a Revista Viva na súa 7ª edición. A anterior celebrouse en 2019 e, tras a paréntese da pandemia, chegou o momento de recuperala.

Revista Viva "Nós de Nós", un instituto vivo. Unha comunidade educativa aberta, dinámica, activa, comprometida co ensino público.

Revista Viva. Teatro, música, lingua, literatura, recoñecementos varios para dentro e para fóra. De Nós para Vós.

Revista Viva. Teatro Principal da Estrada. Martes 20 ás 16:30. Estades convidad@s!

Revista Viva. Deseño de Rosa de Cabanas.

Porque vivir non abonda para explicar a propia vida

Andrea Maceiras. Letras Galegas 22-23

Conta a propia autora que, de adolescente, encontrou nunha pintada na parede do seu instituto a definición que, segundo ela, mellor encerra o significado mesmo de literatura: "a arte comeza no punto en que vivir non abonda para expresar a propia vida". E, a partir deste fío, Andrea Maceiras foi desenredando as historias que transitan polas páxinas de Europa Express, O que sei do silencio Que me pare o corazón se te esquezo, novelas que leron os mozos e mozas de 3º e 4º ESO e que centraron a conversa que mantivemos coa escritora o pasado martes 6 de xuño no marco do programa Letras Galegas 2023. 

O encontro foi moderado polas alumnas Sara Espiño, Xiana Folgare  Carolina Conde, Uxía Seoane e Pilar González nunha tarde de calmizo e treboada que tamén foi intensa e deu para conversar sobre a pegada das experiencias persoais na súa obra e arredor de diferentes motivos temáticos que tecen as vidas dos personaxes das súas novelas: o paso da adolescencia á madurez, a procura da liberdade e a loita polos soños, as relacións tóxicas, o acoso, a conformación da identidade e a imaxe que proxectamos ao exterior, a influencia das redes sociais nesa construción... A preguntas do alumnado, aínda deu tempo para falarmos sobre o oficio da escrita, os nosos gustos e intereses lectores ou o proceso de creación e edición dun libro, mesmo sobre as nosas expectativas e arelas nun futuro que xa non anda moi lonxe.

Dez anos festexando as palabras

X Festa das Palabras. 22-23

Seguimos a facer camiño, e xa van 10 anos, coa Festa das Palabras que organiza DinamizaEstrada, o colectivo que agrupa os Equipos de Normalización Lingüística dos centros escolares do noso concello. 

Seguimos a tecer unha rede de complicidades e afectos arredor da lingua galega a través da pulsión literaria que atravesa os microrrelatos e micropoemas dos 62 rapaces e rapazas galardoados e mais as 14 ilustracións dos meniños e meniñas de infantil. 

Seguimos a vernos no espello de Charo Golmar, madriña do evento, e de Rosa de Cabanas, que ilustrou a festa cun fermoso deseño que tomou corpo no cartaz, os marcapáxinas e mais no libro que recolle os textos e debuxos premiados. 

Porque "camiño" e "espello" foron as palabras prestadas por don Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, o home que nunca se rendeu, que serviron de inspiración para estes mozos e mozas, especialmente, no caso do noso centro, para Martín Seoane Duro, Helena Castaño Pazos, Noa Cabaleiro Ribadulla e Sara Espiño Vaamonde, escollidos entre os máis de 200 textos presentados a concurso. Moitos parabéns!

Recomendacións lectoras de Nadal

Velaquí tes as recomendacións de lecturas para o Nadal.

De conversa con Cristina Andrade

Hoxe coñecemos un pouquechiño máis a nosa profesora de teatro. Baixo a coordinación da profesora Rosario, as alumnas Noa Mendoza, Noa Cabaleiro, Uxía Seoane e Sara Espiño entrevistaron a Cristina Andrade para un novo episodio das "Historias non contadas" dentro do proxecto A Ollada da Sospeita (@aolladadasospeita). 

Cristina, actriz en teatro e televisión, contounos cales foron as súas motivacións para formarse nesta profesión, como foi e como é a súa experiencia no teatro e na televisión, o seu labor de docente, proxectos, emocións, sensacións... e, estade atent@s, o grupo de teatro do IES está a preparar unhas novas pezas para estrear en breve.  

Cita coa X Festa das Palabras de Dinamizaestrada

          

Fotografía de R.G. para La Voz de Galicia                                                                                                                   Deseño de Rosa de Cabanas

A cita coas coas palabras terá lugar este martes 6 de xuño no Teatro Principal da Estrada a partir das 20.00 horas. A X Festa das Palabras pon o ramo aos concursos de micropoemas e microrrelatos organizados polos Equipos de Normalización Lingüística dos centros escolares e serán 62 alumnos e alumnas os que recibirán o seu premio: un exemplar do libro que recolle todos os textos gañadores de Primaria e Secundaria, acompañados por 14 ilustracións feitas por estudantes de Infantil, con portada da deseñadora gráfica Rosa de Cabanas. A escritora Charo Golmar exercerá de madriña.

Botamos a lingua fóra!

Correlingua (31-05-23). 22-23

E botamos a lingua fóra! Na casa, na escola e onde esteamos. Onte, acotío, mañá e sempre.

E hoxe, mércores 31 de maio, botámola tamén nas rúas da Estrada co Correlingua 2023. Os rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO sumáronse aos compañeiros e compañeiras do IES Losada Diéguez para se xuntaren co alumnado dos colexios do noso concello, o CPI de Cuntis, o CRA de Caldas e mais do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Ao son das pandeiretas e con pancartas e bandeiras, percorreron as rúas para regresar á Praza do Concello. As rúas estaban ateigadas de xente por cadrar en día de feira.

Alí, a actriz Isabel Risco leu o manifesto e a rapazada coreou o lema... "Na casa, na escola, bota a lingua fóra". Despois actuou a Mekanika Rolling Band, tomouse o bocata e houbo tempo para conversar cos antigos mestres e mestras dos seus colexios.

Orgullos@s do noso

Orgullo Galego. Letras Galegas 22-23

"Seremos quen de xuntar 10.000 seguidores nun ano publicando contidos galegos no Facebook?". Corría o ano 2016 cando os creadores de Orgullo Galego se fixeron esta pregunta, que axiña tivo resposta, porque en apenas un mes superaron esa cifra e en 6 meses xa contaban nada máis e nada menos que con 70.000 seguidores. Dende entón, Orgullo Galego non parou de medrar até aglutinar máis de 420.000 persoas nas redes sociais (FB, IG, Twitter, Twitch, TikTok, Sportify, Ivoox, Telegram ou Mastodom), unha web na que publican contido propio, tenda en liña e milleiros e milleiros de post publicados. Este labor vén de ser recoñecido co premio Rosalía de Castro á Normalización Lingüística 2023 que concede a Deputación da Coruña, na categoría de "Entidades" por representar "unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas". 

Relatos sobre o acoso escolar

Este martes 23 de maio reuníronse os mozos e mozas do Club de Lectura pola Diversidade de 1º e 2º ESO para poñer en común tres relatos sobre o acoso escolar tomados do libro 21 relatos sobre el acoso escolar. A partir dos contos "Pasarse de la raya”, “Luciérnaga” e “Las dos caras de la moneda” os participantes do club traballaron por grupos e compartiron as impresións que lles provocaron as historias lidas.
Posteriormente, debateron sobre a problemática do acoso escolar, tema que foi traballado ao longo do curso. Así, puxéronse na pel dun neno illado polo grupo e recoñeceron que se dá esta situación no día a día… Para finalizar, reflexionaron sobre por que o acoso escolar está a aumentar na sociedade e que podemos facer nós para combatelo.

Francisco Fernández del Riego e o patrimonio lúdico galego

A celebración do Día das Letras Galegas dedicado á figura de Francisco Fernández del Riego tomou corpo onte, sábado 20 de maio, nun episodio especial do espazo "Recuncho da lingua" de Radio Estrada, dedicado aos xogos populares e tradicionais. 

Esta vinculación débese a que, por primeira vez, dentro da programación de actividades dun Día das Letras, se incluíu unha exposición que reúne os xogos e xoguetes que formaron parte da vida do autor homenaxeado. A mostra "Don Paco, o pícaro argalleiro", pode visitarse no Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá e recolle os xogos e xoguetes citados por el como parte da súa crianza. 

Nesta ocasión, no programa conducido por Pilar Bernárdez participaron alumnos e alumnas do noso instituto e dos colexios Pérez Viondi, O Foxo e Cabada Vázquez , que fixo posible o marabilloso encontro de catro xeracións de estradenses.

Galego de premio

Dos bos camiños, coma dos bos libros, nunca regresas

 

22-23 Letras Galegas

Hoxe deu comezo o programa das Letras Galegas 2023 no noso centro. Literatura, redes sociais, audiovisual, Fernández del Riego e, parafraseando o lema do Correlingua desta edición, máis galego na casa e na escola, na vila, na aldea e na vida.

Esta mañá tivemos a oportunidade de conversar co profesor e escritor David Pérez Iglesias arredor da novela Todo o tempo do mundo (Premio Merlín de literatura infantil 2016).

O encontro, presentado e moderado por Noa, Lía e Iker, deu pé para falar da historia do avó Valente e a súa neta Ariadna, de 11 anos, que o acompañará un verán na aldea entretanto os seus pais se instalan nun novo país a onde chegan fuxindo da crise e a difícil situación económica da familia.

Todo o tempo do mundo é un libro para rapaces e rapazas pero non só, tamén para adultos, para falar da perda do mundo rural, das ameazas que sofre (o despoboamento, as canteiras, os eólicos...), da necesidade dos silencios e da tenrura, dun mundo no que "a choiva fala coas cousas" e onde as nosas raíces non hai que buscalas nos avós senón no que lle deixamos aos nosos fillos. Porque, como afirma o autor nunha carta dirixida á protagonista que fai de prólogo: "Dos bos camiños, coma dos bos libros, nunca regresas". 

"No craustro", de Sara Espiño Vaamonde, gaña o VI Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

Sara Espiño Vaamonde (3º ESO) vén de gañar o VI Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María polo traballo "No claustro".
No acto, que tivo lugar esta mañá, tamén se proxectou o videopoema "O soñador" de Uxía Seoane Duro (4º ESO), unha das 11 finalistas entre o máis de medio cento de traballos enviados dende centros escolares de toda Galicia á Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei.
Moitos parabéns!

Un percorrido polo noso patrimonio natural, etnográfico e monumental en Compostela

O alumnado de 1 ESO xa anda por Santiago de Compostela para visitar o Museo de Historia Natural e o Museo do Pobo Galego, ademais de se enfrontar a un xogo de pistas seguindo as pegadas da cidade medieval.

22-23 excursión 1 eso a Santiago

As recomendacións lectoras de Noa e Lía

As recomendacións lectoras de Noa e Lía

Mamá, quero ser Ziggy Stardust

 
O club de lectura de lecturas inclusivas e pola diversidade de 1 e 2 da ESO reuniuse o pasado martes 28 de febreiro e voltou reunirse este martes 11 de abril para manter unha segunda sesión arredor da novela "Mamá, quero ser Ziggy Stardust ", da escritora Iria Misa e ilustrada por Alba Barreiro. Esta novela foi finalista  do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Velaquí un fragmento da información editorial:
 
“Aine contaba nove anos a primeira vez que viaxou cos seus pais de vacacións. Naqueles días, ademais de percorrer a cidade, visitaron unha exposición. Era sobre unha estrela de rock que mudaba de aspecto coma os camaleóns.

Lembranza de Pepa a Loba polas terras de Couso


O pasado sábado houbo un especial do programa de Radio Estrada "Recuncho da Lingua", dedicado á cultura popular. O IES Nº 1 participou coa recollida de contos e lendas populares por parte do alumnado de 1º de ESO. O que levamos á radio é unha mostra deste traballo, concretamente o realizado por Mariña Fajundes, que escoitou da voz da súa tía avoa Enriqueta a lenda de Pepa a Loba, a bandoleira do século XIX que fuxiu aos montes e que aínda se lembra polas terras de Couso, en Vea. Podes escoitala, a partir do minuto 13:10.

O Grupo de Teatro representa "Sentenza" no IES Losada Diéguez

 O Grupo de Teatro do Nº 1 representou esta tarde "Sentenza", inspirada na obra teatral do mestre Olimpio Arca, no salon de actos do IES Losada Diéguez. Moitas grazas pola proposta e a acollida! Ademais do noso alumnado de 1º ESO e do alumnado de 2º ESO do Losada, a peza contou cun público de excepción: as persoas usuarias do centro de día AGADEA.

Na obra participan 14 alumnos/as e as profesoras Janet e Mónica Places baixo a dirección de Cristina Andrade, actriz que seguimos dende hai anos en serie e películas, no teatro e en programas de televisión, e coa que temos a sorte de contar no noso centro para traballar co alumnado nesta actividade formativa. 

O guión foi elaborado por Cristina a partir de varios textos do propio Olimpio Arca. A xustiza (ou inxustiza), o apego (ou desapego) polo idioma, ou o respecto á paisaxe e á diversidade son algúns dos temas sobre os que a xuíza tivo que ditar "Sentenza", que foi estreada o 29 de novembro na Mostra de Teatro Escolar que organiza a Asociación Vagalumes.

Volvamos escoitar… a Rosalía de Castro!

En resposta a unha nova convocatoria da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega para celebrarmos o Día de Rosalía, o noso centro sumouse a esta celebración con diferentes actividades. Así, os versos de Rosalía tomaron os corredores e outros espazos comúns do centro como a Biblioteca, a cafetaría e o patio, á vez que serviron de inspiración para as creacións do alumnado, que veu traballando nas últimas semanas na elaboración de montaxes audiovisuais e caligramas que foron expostos na entrada da Biblioteca. Ademais, nas aulas de Lingua Galega achegouse máis polo miúdo á súa biografía a través de presentacións e mesmo retos lúdicos. 

Por outra banda, Brais, Adriana e Iria participaron, xunto co alumnado doutros centros educativos, nun recital que tivo lugar o pasado xoves no Teatro Principal, no que tamén se presentou o vídeo institucional do Concello Aí vai a tola soñando.

23 febreiro 2023 Recitado no día de Rosalía  no Teatro Principal

Teño da Estrada tantas lembranzas vellas!

Con motivo do aniversario do nacemento de Alfonso D. R. Castelao en Rianxo un 29 de xaneiro de 1886, un grupo de alumnas de 4º ESO participou onte (28-01-23) nun programa especial do Recuncho da Lingua, de Radio Estrada, que conduciu Pilar Bernárdez. 

Jessica, Irene e Uxía, acompañadas pola directora e profesora de Lingua Galega, Beatriz, encargáronse de rememorar a relación que Castelao mantivo coa Estrada a partir, nomeadamente, da carta que lles enviou aos estradenses en 1941 dende o exilio americano. Esa Estrada que foi, nas súas palabras, "o escenario en que se desenrolaron as máis punxentes esceas do meu pasado vivir", foi evocada nos paseos de Alfonso Daniel con Virxinia Pereira, na lembranza do malogrado fillo, nos encontros co amigo e compañeiro da causa galeguista Losada Diéguez ou no multitudinario mítin pro-Estatuto de 1936.

Ademais, Uxía explicou como se xestou a idea e como elaborou unha versión para monicreques de Os vellos non deben de namorarse, na que contou coa axuda da familia e que podedes ver aquí.  

Visibilizar a diversidade afectivo-sexual

A novela 22 segundos, de Eva Mejuto (presentación de apoio), foi escollida para comezar a andaina do Club de Lectura Igualdade, cuxas propostas xirarán en torno a problemáticas relacionadas coa violencia de xénero, a igualdade e a diversidade afectivo-sexual. 

Nesta primeira xuntanza do 20 de decembro, que reuniu un dos grupos de alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO, foi coordinado pola profesora Mónica Places coa colaboración de Beatriz e Mónica Mato, e na conversa tratouse a realidade que vive a mocidade trans, que medrou sen referentes e que compartiron as súas experiencias coa autora. O coloquio foi enriquecedor e as persoas asistentes foron quen de, dende a empatía e o respecto, aproximarse ás vivencias daquelas personas que non encaixan nos moldes sociales preestablecidos e que teñen experiencias de vida diversas, especialmente nunha etapa da vida na que se suceden máis mudanzas e que se vive con maior intensidade.

Distribuir contido