Francisco Fernández del Riego e o patrimonio lúdico galego

A celebración do Día das Letras Galegas dedicado á figura de Francisco Fernández del Riego tomou corpo onte, sábado 20 de maio, nun episodio especial do espazo "Recuncho da lingua" de Radio Estrada, dedicado aos xogos populares e tradicionais. 

Esta vinculación débese a que, por primeira vez, dentro da programación de actividades dun Día das Letras, se incluíu unha exposición que reúne os xogos e xoguetes que formaron parte da vida do autor homenaxeado. A mostra "Don Paco, o pícaro argalleiro", pode visitarse no Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá e recolle os xogos e xoguetes citados por el como parte da súa crianza. 

Nesta ocasión, no programa conducido por Pilar Bernárdez participaron alumnos e alumnas do noso instituto e dos colexios Pérez Viondi, O Foxo e Cabada Vázquez , que fixo posible o marabilloso encontro de catro xeracións de estradenses.

Pola nosa banda, e tal e como podedes escoitar a partir do minuto 32:25, os irmáns Uxía e Martín Seoane achegáronnos á infancia do neno Paco de Amada, que era como coñecían a Francisco Fernández del Riego na súa Lourenzá natal. Alternando explicacións con palabras do propio autor, puidemos coñecer como xogaba, como se entretiña e como era o lecer daqueles nenos e nenas de comezos do século XX, que tiraban do enxeño e a creatividade, amais dos recursos da natureza e do contorno, para dar forma aos xogos e brinquedos que alegraron a súa infancia, como recoñece don Paco no prólogo da obra Os xoguetes esquecidos

Aproveitando a celebración do Día dos Museos (18 de maio) dende o programa tamén se reclamou a reapertura do Museo Manuel Reimóndez Portela, que atesoura 7000 pezas, moitas delas relacionadas cos xogos populares, para poñer á disposición da veciñanza e das persoas visitantes a mellor mostra do patrimonio etnográfico local.

22-23 Expo Letras Galegas 2023

Por outra banda, os avós e as avoas do Centro de Día de Cuntis visitaron unha vez máis o noso centro este venres 19 de maio para, da man da profesora Beatriz e do alumnado de 2º ESO A (Marta, David, Noa, Álvaro, Noelia, Suso, Brais, María e Manuela), coñecer un pouco máis o incansable labor a prol da nosa lingua e da nosa cultura de Francisco Fernández del Riego, un dos bos e xenerosos. Logo de ver este documental que recomendamos vivamente, os estudantes completaron o achegamento á figura do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2023 a través de imaxes e de breves explicacións de diferentes facetas da súa vida e a súa obra. E aínda houbo tempo para xogar a completar un rosco!

Así mesmo, no 2º andar está dispoñible para toda a comunidade educativa a exposición Camiñando con Ramón Sanfizcoñecemos a Francisco Fernández del Riego, obra do IES Castelao de Vigo, que salienta fai unha aproximación a Fernández del Riego como un camiño que nos convida a percorrer Ramón Sanfiz, o guía e protagonista do seu libro Galicia.