Teño da Estrada tantas lembranzas vellas!

Con motivo do aniversario do nacemento de Alfonso D. R. Castelao en Rianxo un 29 de xaneiro de 1886, un grupo de alumnas de 4º ESO participou onte (28-01-23) nun programa especial do Recuncho da Lingua, de Radio Estrada, que conduciu Pilar Bernárdez. 

Jessica, Irene e Uxía, acompañadas pola directora e profesora de Lingua Galega, Beatriz, encargáronse de rememorar a relación que Castelao mantivo coa Estrada a partir, nomeadamente, da carta que lles enviou aos estradenses en 1941 dende o exilio americano. Esa Estrada que foi, nas súas palabras, "o escenario en que se desenrolaron as máis punxentes esceas do meu pasado vivir", foi evocada nos paseos de Alfonso Daniel con Virxinia Pereira, na lembranza do malogrado fillo, nos encontros co amigo e compañeiro da causa galeguista Losada Diéguez ou no multitudinario mítin pro-Estatuto de 1936.

Ademais, Uxía explicou como se xestou a idea e como elaborou unha versión para monicreques de Os vellos non deben de namorarse, na que contou coa axuda da familia e que podedes ver aquí.  

Neste monográfico dedicado a Castelao, tamén colaboraron rapazas e rapaces dos colexios Cabada Vázquez, Pérez Viondi e O Foxo, que leron relatos e outros textos do autor, así como reviviron diversas pasaxes da súa vida e obra.