Skip to Content

Extraescolares

CAMPUS DE VERÁN XUVENCIENCIA USC

Volve e o  XI Campus de Verán XuvenCiencia, o campamento científico da USC, para estudantes de 4º da ESO, de BAC e de ciclos medios de FP .

O Campus XuvenCiencia terá lugar do 2 ao 8 de xullo.
O custo da matrícula é 250 €.

O prazo de preinscrición ábrese dende o vindeiro venres 5 de maio ata o 14 de maio.

Como nas edicións anteriores, o obxectivo do Campus de Verán é poñer ao alumnado en contacto directo coas diversas ramas das ciencias experimentais e sociais e da tecnoloxía así como coa contorna universitaria. Ofertanse durante cinco días unha multitude de actividades prácticas, tanto na rama Científico-Técnica como na Científico-Social, coa participación de todas as facultades e escolas universitarias da USC no Campus Terra de Lugo e a colaboración de moitas empresas e laboratorios externos.

A matrícula inclúe a participación nas actividades do campus e nas actividades lúdicas da tarde, o material necesario, o seguro, o xantar nun comedor universitario os cinco días do campus e o diploma de participación da USC. Ademais inclúe actividades lúdicas de noite e aloxamento, cea e almorzo en Residencias Universitarias de Lugo, con acompañamento de monitores titulados da A.D.C Lumieira Lugo.

Na páxina web https://xuvenciencia.org/campus  pódese ver toda a información acerca das actividades do Campus (idiomas galego e castelán).

Bolsas para cursos de inglés en Irlanda

O 19 de abril abre o prazo de solicitudes para as Bolsas Eurolingua para realizar cursos de inglés de dúas semanas de duración en Irlanda.

Poden consultar a información no Portal Educativo da Xunta de Galicia, ou en www.becaseurolingua.com.

O MACÍAS NA FP INNOVA

O alumnado dos cursos de 1º e 2º de FPB e Ciclo Medio de electricidade realizaron unha visita o pasado 23 de marzo á FP INNOVA, celebrada na Cidade da Cultura no Gaiás. Destacou o gran interese que amosou o alumnado ante os proxectos de innovación que alí se presentaron. Esta xornada permitiu a interacción entre os diferentes cursos de electricidade así como co profesorado nun ambiente distinto ao habitual.

              

O IES MACÍAS O NAMORADO participou nos proxectos de innovación na FP INNOVA, concretamente unha profesora do Departamento de Electicidade (Cristina Rey Carballo) desenvolveu un proxecto de APLICACIÓN DA IoT PARA A PRESERVACIÓN DA FAUNA AUTÓCTONA. O proxecto desenvolveuse conxuntamente co Politécnico de Santiago para implementar o aviso remoto da captura de especies salvaxes no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O proxecto consistiu no deseño e implantación dun sistema de trampas intelixentes dotadas de sensores, e baseadas nunha rede LoRa, para a captura e recuperación de especies invasoras como o visón americano, nas Illas Atlánticas. A xaula automatizada, avisa mediante GSM en canto se produce unha captura, ao biólogo responsable do seguemento destas especies invasoras. 

O Macías forma parte deste xeito da elite da innovación na FP en Galicia.

               

Visita ao IDIS en Santiago de Compostela.

O pasado xoves 16 de marzo o alumnado de Bioloxía de 2º Bacharelato do IES Macías o Namorado visitou o Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), localizado no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Primeiramente, o alumnado foi recibido polo equipo integrante do grupo de investigación GENVIP, que aclarou cales son as súas liñas de investigación principais así coma o seu papel dentro do IDIS: investigar as bases moleculares das enfermidades infecciosas e transformar ese coñecemento en solucións para a práctica clínica. Tamén se comentou a multidisciplinariedade dos investigadores/as do grupo, que proceden de ramas tan diversas como a bioloxía, a bioinformática, a medicina, a inmunoloxía, a farmacia, as matemáticas, ou ciclos como o de técnico/a de laboratorio.

     

A continuación, o alumnado visitou o laboratorio do grupo GENVIP e algunhas salas de uso común como as dos conxeladores de -80ºC, a de microscopía confocal, ou a de extracción e procesamento das mostras. As rapazas e rapaces puideron ver de preto as plataformas equipadas coa última tecnoloxía que o grupo ten no laboratorio para o estudo do ADN ou ARN e practicar as destrezas científicas co emprego de micropipetas, a manipulación de placas de Petri con distintos medios de cultivo bacteriano, ou o funcionamento do xeo seco.

No departamento de Bioloxía e Xeoloxía esperamos ter cumprido os nosos obxectivos marcados para esta visita, entre eles: achegar o alumnado ao mundo da investigación e ao traballo diario nun laboratorio, e poñer en valor a importancia do traballo científico na busca do benestar da sociedade.

O Macías na conmemoración do pasamento de Camilo José Cela.

O Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou este martes en Padrón nos actos impulsados pola Xunta de Galicia polo 21 aniversario do falecemento de Camilo José Cela. Os actos para divulgar a súa figura e legado comezaron cunha ofrenda floral no cemiterio padronés de Santa María de Adina a cargo dun alumno do centro.

A continuación, o representante da Consellería de Cultura trasladouse ao Museo da Fundación Camilo José Cela para a lectura de La familia de Pascual Duarte, a cargo, entre outros, dos alumnos do IES Macías O Namorado de Padrón.

                   Un alumno do IES deposita a ofrenda floral.

Enlaces ás novas de prensa.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/padron/2023/01/18/homenaje-padron-21-aniversario-muerte-cela/0003_202301S18C5994.htm

https://www.elcorreogallego.es/ocorreodaareadecompostela/homenaxe-a-cela-cunha-lectura-e-unha-ofrenda-GH13054002

Visita e formación en Stellantis (Vigo)

Os alumnos de 2º curso do Ciclo de Robótica asistiron a semana pasada a unha formación teórica nas instalacións de Stellantis en Vigo.

                              

A formación constaba de dous módulos e as xornadas permitiron profundizar nas competencias transversais de comunicación e liderado. Os alumnos visitaron salas temáticas sobre Industria 4.0.

Os alumnos do Ciclo de Administrativo visitan Correos

 

Os obxectivos desta saída de estudios foron:   

Familiarizarse co Grupo Correos, o funcionamento do día a día dunha oficina  e cos servizos que ofrece as empresas  en particular. Coñecer a tecnoloxía que se aplica nos procesos de servizos de correos, o control sobre os envíos, e a posibilidade de dispor de información real do estado das entregas.  

Reforzar  os contidos teóricos do módulo de Técnicas Administrativas, cunha visión de carácter práctico. E por último coñecer as oportunidades laborales do Grupo Correos.

Xornadas de Automatización Industrial (VIGO-2022)

Os alumnos do 2º curso de Automatización e Robótica participaron os pasados 16 e 17 de novembro nas Xornadas de Automatización Industrial, celebradas en Vigo, onde tiveron ocasión de coñecer os avances nas tecnoloxías e solucións para a automatización industrial.

     

Nas xornadas coñeceron os últimos adiantos de empresas punteiras do sector, e serviron para completar a formación especializada do noso alumnado.

O Macías visita París

A nosa viaxe a París foi un rotundo éxito!

O mesmo día da nosa chegada á cidade, o venres 7 de outubro, visitamos o Louvre. Alí contemplamos, entre tantas outras obras, o famoso retratro da Mona Lisa, de Leonardo da Vinci, e unha estatua colosal, La victoire de Samotrace, pertencente a escola rodia do período helenístico. Impresionante!. 

O sábado 8 de outubro foi moi intenso. Pola mañán, estivemos no Museo de Orsay, que é unha auténtica delicatessen. O edificio embelesa pola luz que atravesa todos os espazos e mais polas obras que alí se poden ver. De Van Gogh a Cézanne, seleccionamos este: “Le déjeuner sur l’herbe”, de Édouard Manet.

 

Ao saírmos de Orsay, fomos pasear pola beira do Sena, visitamos “les boîtes des bouquinistes” e mercamos algún souvenirs como agasallo para as nosas familias, e, ao final da tarde, subimos ao piso máis alto da Tour Eiffel!! Todo isto nun día!! Estas rapazas de 4º ESO e 1º BAC son unhas xefazas!!

O domingo 8 de outubro, collemos o metro e fomos ata Versailles para visitar o castelo. Alí pasamos toda a mañán e regresamos a París sobre ás dúas e media. Despois de comer, demos un paseo por Montmartre, vimos o Moulin Rouge, o Moulin de la Galette e o Sacré-Coeur.

 

Xa pola noite achégamonos á Place du Tertre, tamén en Montmartre, que por certo estaba en festas, e comemos unhas crêpes deliciosas. Fixemos unha morea de selfies que reflicten todo isto que contamos. E non pensedes que isto rematou nesa noite tan divertida!! Aínda hai máis!!

O luns, 10 de outubro, o noso penúltimo día en París, foi moi longo. Estirámolo ao máximo. Estivemos pola zona de Saint-Germain, volvemos polas “boîtes de bouquinistes”, fixemos foto da catedral de Notre-Dame, comemos na típica “brasserie” parisina, achegámonos á Place de la Concorde, previo paso polo Jardin des Tuileries (cousa bonita estes xardíns!!) e dirixímonos cara aos Champs-Elysées co obxectivo (sempre hai un obxectivo) de ver o Arc de Triomphe. Xa pola fresca, puxémonos nostálxicas e decidimos ir aos Champs de Mars para contemplar a Tour Eiffel de noite, onde fixemos o selfi de rigor.

   

Como non considerar esta viaxe un exitazo co ben que o pasamos e tanto como aprendemos??  As risas pola noite, as comidas compartidas, os selfies, as crêpes, A ARTE INMENSA da antiga Lutecia e tantas emocións e anécdotas vividas permanecerán para sempre na nosa memoria. Queremos repetir? Abofé que queremos!! 

PRÓXIMO OBRADOIRO SOBRE VIOLENCIAS

MARTES 13 DE XUÑO ÁS 20:30H NA AULA DO CENTRO SOCIAL DE PADRÓN

Distribuir contido